FILOSOFÍA E UTOPÍA
A orixe etimolóxica do temo non foi de todo explicitada por Moro, e agocha un dobre xogo de significados, ambos os dous do grego. Por un lado οὐτοπία (οὐ, non; τόπος, lugar = 'o que non está en ningún lugar') e por outro εὐτοπία (εὐ, bo; τόπος, lugar) = 'bo lugar'.
Utopía desenvólvese nunha illa, que dispón de varias cidades nas que a explotación agrícola e gandeira se realiza por quendas de grupos patriarcais, de como máximo corenta individuos. Cada ano os grupos relévanse, de modo que todo a poboación participa activamente nas tarefas que proporcionan alimentos. A propiedade privada foi abolida, e as xentes cambian de casa cada dez anos. Os maxistrados, representantes da poboación e elixidos por eles, deciden que principe, entre catro, será quen goberne. O Consello reúnese cada tres días para analizar e discutir as cuestións da república. Aínda que a agricultura é a ocupación fundamental, cada persoa pode elixir tamén outros traballos ou oficios (como tecedor, ferreiro, albanel, etc.), de acordo cos seus intereses, afeccións ou as necesidades da mesma cidade. A xornada laboral é de seis horas, e outras oito dedícanse ao descanso nocturno. As dez restantes son de libre emprego persoal; poden supoñer lecturas, música, xogos instrutivos ou conversación, pero evítase (e castígase) a ociosidade, non facer nada, a improdutividade. En Utopía nin as xoias, o ouro ou o diñeiro teñen importancia. A medicina é universal, e permítese a eutanasia, se non hai alternativa. Dado que a distribución igualitaria dos bens non xera divisións de ricos ou pobres, senón que todos teñen a mesma riqueza, o excedente non é para a propia república, senón que se exporta ao estranxeiro. Foméntase a investigación científica, a tecnoloxía e os estudos de todo tipo. A relixión debe ser compatible coa razón (reminiscencias das ideas escolásticas...), e aínda que a relixión de Utopía é similar á católica, permítese a liberdade de culto.
Ler Utopía é un exercicio de imaxinación, porque hai que crear constantemente, a partir das palabras de Moro, o soño dunha cidade insuperable nas súas medidas políticas e prácticas sociais. Un dos aspectos máis destacables de toda a Utopía é a análise e consideración que fai Moro acerca do diñeiro e das repercusións que este ten na sociedade. Unha vez concluída a descrición de Utopía, Hytlodey,o navegante portugués que nos ofrece o relato acerca da república utópica, inicia unha serie de comparacións entre a situación desta e a sociedade europea, así como unha breve disertación sobre as influencias perniciosas que o diñeiro causa nas xentes e na estabilidade da república. Para empezar, Moro recrimina, no vello mundo, a falta de tranquilidade ante a vida dos agricultores e xentes sinxelas, que deben estar permanentemente nerviosos ante a hipotética carencia de bens básicos, mentres nobres e señores feudais gozan de todo tipo de praceres e luxos innecesarios sen realizar ningunha achega á sociedade.
Nestes tempos nos que constantemente se nos nega o dereito a "utopía", nos que o diñeiro converteuse no valor supremo, deberíamos reivindicar novamente algunha das ideas que en su día propuso Tomás Moro.
