RSS para
Artigos
Comentarios

QUEN SON EU

Nota previa: Este é un traballo voluntario para o alumnado de 1º de bacharelato que queira mellorar nota. Os traballos deben ser enviados a este blog antes do venres da semana vindeira (día 9 de decembro).

“Coñécete a ti mesmo” era a frase que, segundo as crónicas, figuraba na entrada do venerado templo de Apolo en Delfos na Grecia clásica. Foi tamén o lema que os filósofos clásicos adoptaron como un dos principios esenciais da sabedoría. Ninguén pode aspirar ao saber (a coñecer o ser das cousas) se non comeza por coñecerse a si mesmo. Pero que ninguén pense que ese é un coñecemento doado. Non o é, senón un dos máis difíciles. Coñecer o meu ser propio é coñecer a miña “identidade”, así que o problema do autocoñecemento é tamén o problema da identidade, e coñecer a miña identidade implica responder á pregunta: ¿quen son eu? Este é o obxecto do traballo que se vos propón e, para realizalo, desta vez non se vos esixirá a lectura de ningún texto específico. Tan só se vos pide que tomedes en consideración as seguintes cuestións previas:

“Eu son un ser humano”. Reflexiona sobre o que implica, para a túa identidade, a condición humana.
“Eu son un adolescente”. Recoñéceste na condición de “adolescente”? Que implicacións ten esta condición para a túa identidade?
“Eu son moza” / “Eu son mozo”. Ata que punto a condición sexual determina a túa identidade? A condición feminina / masculina, en que medida é un “feito biolóxico” e en cal un “feito cultural”? Podes elixir ser “moi home” ou “moi muller” ou ser “menos feminina” ou “menos masculino”? Pódese escapar ao determinismo sexual (isto é, elixir non ser muller / non ser home contra a condición biolóxica recibida no nacemento)? Pódese escapar ao determinismo de xénero (isto é, non aceptar os roles sociais que se atribúen á condición de home ou muller)?
Cres que a túa identidade está xa formada ou máis ben está aínda en formación? Pensas que a formación da identidade é algo no que a túa propia vontade (o que ti queres ser) é o factor decisivo ou, pola contra, son factores externos a ti (o contorno familiar e social, a educación) os que deciden?
En que medida a presión dos teus/túas amigos/as, colegas ou compañeiros/as de clase condicionan as túas eleccións? Cres que ti mesmo/a e, en xeral, os mozos e mozas da túa idade se comportan igual cando estades en grupo que cando estades sós ou en compañía de adultos? Procura un por qué explicativo, sexa cal sexa a túa resposta.
Pensas que as mensaxes dos medios de comunicación de masas (as revistas, a publicidade, a televisión, o cine, os videoxogos) inflúen sobre a construción da identidade dos adolescentes? Cres que a influencia da moda é capaz de modificar os teus hábitos (no vestido, na alimentación, nos gustos, nos costumes) ou considéraste inmune a ela?
Nas imaxes que de seguido poderás ver, observarás figuras de adolescentes ou mozos/as que se consideran que, en diversas épocas e culturas, chegaron a exercer influencia ou mesmo a están a exercer aínda hoxe. Identifícaste con algunha? Trata de explicar, se é o caso, por que te identificas máis con algunha que con outras. Pode ter que ver cos cambios culturais?, pode que a razón sexa a distancia entre distintos ámbitos culturais? Ocórrenseche outras figuras que teñan maior influencia ca estas na mocidade que ti coñeces e coa que ti máis te identificas?
Un deus grego, imaxe da mocidade ideal Arthur Rimbaud, poeta Lou Andreas Salomé, intelectual James Dean, actor norteamericano dos nos cincuenta A mocidade universitaria manifestándose en París en maio de 1968 A cantante Deborah Harris, do grupo Blondie Venus Williams, tenista Cristiano Ronaldo, futbolista

De arriba a abaixo e de esquerda a dereita: Apolo, deus grego, ideal de beleza; Arthur Rimbaud, poeta; Lou Andreas Salomé, intelectual centroeuropea, discípula de Nietzsche e de Freud; James Dean, actor cinematográfico dos anos cincuenta; a mocidade universitaria manifestándose en París durante o maio de 1968; Deborah Harris, cantante do grupo de pop-rock Blondie; Venus Williams, tenista; Cristiano Ronaldo, futbolista.

A partir das consideracións que che teñan suscitado estas cuestións, e outras que ti mesmo/a te podas formular, redacta un texto (cun mínimo de 3.000 e un máximo de 6.000 caracteres) coa túa resposta á pregunta QUEN SON EU?

Clube de Lectura

RESUMO DAS LECTURAS DESENVOLVIDAS

Antonio Damasio, partindo das achegas da neurociencia, rexeita a escisión entre “mundo mental” e “mundo físico”, presente en boa parte da tradición filosófica e que tería a súa orixe no que el denomina un “abismo intuitivo”, isto é, a “intuición” (lembremos que chamamos “intuición” ao coñecemento inmediato, o que se nos presenta antes de toda reflexión ou argumentación posterior) de que os fenómenos mentais (a conciencia, o eu) constitúen unha realidade distinta e separada dos fenómenos físicos. Contra esta inclinación intuitiva, el identifica no cerebro a base corpórea, isto é física, de todos os fenómenos mentais e salienta a capacidade do sistema nervioso para comunicarse, a través de sinais químicas e neuronais, con calquera parte do corpo. Mediante esa comunicación, o cerebro ten a capacidade de transformar os estados corporais (a través de ordes dirixidas ao sistema muscular, por exemplo, pero tamén doutras ordes dirixidas a construír determinados estados emocionais) e tamén de simulalos. Neste punto, Damasio chama a atención sobre a importancia das “neuronas espellos” que, segundo el, serían o soporte físico que permite o por el denominado “bucle de simulación corporal”. Todo isto explicaría que os fenómenos mentais (que inclúen a construción da conciencia persoal, o que Damasio chama a “identidade reflexiva” ou tamén o “eu autobiográfico”) non sexan simple resultado mecánico, por así dicir, de determinados estados da máquina corporal, senón que á súa vez estes fenómenos poden producir transformacións no estado do propio corpo. Non hai, logo, separación entre mente e cerebro, entre “alma” e “corpo”. A mente é produto do cerebro, e este unha parte do corpo que, á súa vez, en todo momento está influenciado polas construcións mentais.

Ao comparar o punto de vista de Damasio co de Descartes, na Segunda Meditación, o primeiro que cómpre destacar é que o filósofo francés é xustamente un dos principais representantes da concepción dualista entre alma (mente) e corpo. E é neste texto onde desenvolve un dos seus principais argumentos a favor desta tese. O argumento pode resumirse así: Descartes anda na procura de algunha afirmación que poida superar toda dúbida (é o inicio do que el denomina “dúbida metódica”, a dúbida como método ou procedemento para acceder a unha verdade indiscutible). Na primeira Meditación tiña desbotado as aparentes evidencias de orixe sensible (empíricas) ao advertir que todas elas están sometidas a incerteza, e mesmo puxo en cuestión as certezas matemáticas trala introdución da hipótese do “Deus enganador” ou “xenio malo”. Isto situárao nunha posición de máxima dúbida (puidera ser que “non haxa nada certo no mundo”) da que sae coa súa famosa proposición: “se dubido, penso; se penso, son, existo”. É a partir da evidencia indiscutible desta proposición que Descartes fundamenta o seu dualismo: posto que podo dubidar de todo o sensible, todo o corpóreo (incluído o meu propio corpo) é discutible; posto que, en cambio, non me é posible dubidar da existencia do meu pensamento, logo o meu pensamento existe con independencia da existencia do corpo. Poderiamos dicir que esta é unha das expresións daquela “intuición” de que falaba Damasio. Pero, é tan concluínte como Descartes pensaba?

Juan Arana, na súa contribución ao libro colectivo Neurofilosofía. Perspectivas contemporáneas, non semella crelo así cando nos lembra que xa outros grandes filósofos case coetáneos do francés, e que partían de presupostos próximos (son incluídos, como o propio Descartes, dentro da escola racionalista), como Spinoza e Leibniz, afastáronse do seu dualismo, Spinoza defendendo un monismo (hai unha única substancia: “Deus ou a natureza”), Leibniz un pluralismo (hai infinitas substancias ou “mónadas”). Pero, con todo, o seu texto é unha defensa de Descartes fronte aos ataques dos por el chamados “neurofilósofos naturalistas”. Arana acepta que hai un “erro de Descartes” (tomando o título dun libro de Damasio) pero non o que Damasio e os neurofilósofos lle achacan. O seu erro residiría no uso da noción de “substancia” que, seguindo a Popper, a filosofía contemporánea en xeral tería abandonado. Pero, na súa opinión, os neurofilósofos caen no mesmo erro de xeito aínda máis grave, ao reducir todo a un monismo materialista que se apoiaría nunha materia entendida baixo o mesmo substancialismo: “aínda moito máis insensato [do que fora o dualismo cartesiano] é crer que a incógnita do home e o cerebro poderá ser despexada cun único concepto tan perfilado e transparente como calquera dos empregados por Descartes: por exemplo o concepto de ‘materia’ manexado pola ciencia anterior á primeira guerra mundial”. Segundo Arana, detrás deste reducionismo estaría a pretensión dos neurofilósofos naturalistas de que todos os fenómenos mentais (incluído o complexo enigma da conciencia persoal) poderán ser explicados mediante os procedementos da ciencia empírica. A mesma pretensión reducionista que antes tiveron os físicos e que, segundo el, se viron obrigados a abandonar. A súa posición conclúe finalmente cunha defensa da autonomía da reflexión filosófica respecto dos límites da ciencia e da superior capacidade da filosofía para dar conta dos fenómenos mentais. Por certo, en relación coas fronteiras entre ciencia e filosofía, chama a atención que ao comezo subliñe a imprecisión desas fronteiras ata o punto de asentar que non existe posibilidade de delimitalas nin metodolóxica nin ontoloxicamente. Sorprende porque unha delimitación, certamente non absoluta pero si suficientemente clara, é a xa clásica, proposta por Popper e en xeral aceptada, con progresivas matizacións e precisións, pola maioría dos filósofos da ciencia, que identifica a fronteira entre o científico e o non científico xustamente nos procedementos metodolóxicos (que para as ciencias empíricas implican o sometemento das hipóteses a contrastación experimental).

Para a SESIÓN PRÓXIMA decidimos continuar coa lectura de varios capítulos dos libros La mente consciente. En busca de una teoría fundamental (David J. Chalmers, Gedisa, cap. 3) e Dulces sueños. Obstáculos filosóficos para una ciencia de la conciencia (Daniel C. Dennett, Katz, cap. 1.1, 2.4 e 2.5, e 4). Esta sesión terá lugar o primeiro mércores tralo regreso das vacacións de Nadal.

CLUBE DE LECTURA FILOSÓFICA

O clube de lectura filosófica está aberto a todo o alumnado interesado en manter unha tertulia quincenal a partir das lecturas de textos filosóficos especialmente seleccionados. En principio, os textos serán seleccionados polo profesor pero os alumnos e alumnas participantes poderán propór e escoller novas lecturas.
O tema inicial para a selección de lecturas será “As neurociencias e a súa influencia sobre as concepcións filosóficas clásicas”.
As tertulias terán lugar cada dous mércores, na biblioteca do instituto, ás 16,30 h.
A participación do alumnado no clube de lectura será tomada en conta para a avaliación, puidendo, en calquera caso, mellorar a cualificación, nunca empeorala.

* Primeira lectura: Cap. 4 (II parte) de Y el cerebro creó al hombre de Antonio Damasio (hai un exemplar do libro á disposición do alumnado na biblioteca do instituto).
* Segunda lectura: Segunda Meditación das Meditaciones metafísicas de Descartes (o alumnado conta tamén cun exemplar á súa disposición na biblioteca).
* Terceira lectura: Artigo de Juan Arana “¿Existe algo así como una explicación neuronal de la conciencia?”, incluído en Diosdado, Rodríguez Valls e Arana ed.: Neurofilosofía. Perspectivas contemporáneas, Thémata / Plaza y Valdés.

A próxima sesión terá lugar o mércores día 30, á hora e no lugar previstos.

ORIENTACIÓNS PARA 1º DE BACHARELATO (1º A e 1º B)

CONDICIÓNS PARA A AVALIACIÓN:
A avaliación fundamentarase nos seguintes materiais e actividades:

1. Libro de texto
O libro de texto do alumnado será Filosofía e Cidadanía, Bacharelato 1, de Edicións Xerais de Galicia. Cómpre ter en conta que o libro de texto é concibido como un material de consulta e apoio, non como a referencia única arredor da cal debe xirar o traballo de clase e a avaliación. Isto significa, por un lado, que de ningún modo se poderá desenvolver a totalidade do seu contido (non o permite o tempo de clase dispoñible) e, en consecuencia, o profesor explicará que contidos van ser traballados e cales non; e, por outro, que o profesor poderá incluír algún material complementario de traballo, que tamén será contemplado como contido avaliable.

2. Exposición de temas en clase
· O alumnado organizarase en grupos de traballo, cun mínimo de tres compoñentes e un máximo de catro. O profesor encargará a cada grupo de traballo, con polo menos unha semana de antelación, a preparación dun tema do programa para a exposición en clase. Os grupos de traballo non teñen por que ser inalterables ao longo do curso, senón que poden variar, se así o deciden os seus compoñentes, ao afrontar os novos temas.
· Cada compoñente do grupo poderá optar entre tres opcións para a exposición en clase:
· Opción A: Unha interpretación persoal sobre o tema ou un aspecto do tema.
· Opción B: A análise e comentario dun texto (dos recollidos no libro ou proposto polo alumno ou alumna, previo acordo co profesor).
· Opción C: Presentación dunha exposición escrita a xeito de breve ensaio ou disertacións persoal ou do grupo.
· En todo caso, a exposición non deberá exceder dos 25 minutos, para deixar tempo á intervención do profesor ou do alumnado en forma de preguntas e debate.
· Para a exposición poderase dispór de cantos medios de apoio se precise (notas, libros, uso de medios audiovisuais…), para o cal o grupo deberá reclamalos con anticipación ao profesor. Con todo, deberase ter en conta que non se trata de ler un texto xa escrito (como, por exemplo, o que aparece no libro de texto) -agás que este sexa creado polo propio grupo ou por algún dos compoñentes (opción C)- senón de explicar os coñecementos adquiridos sobre o tema, demostrando que se entenden e utilizando unha linguaxe asequible para todos os restantes alumnos. Por esa razón, cando se precise utilizar conceptos técnicos ou complexos, estes conceptos deben ser previamente definidos e explicados. Se houbese algún aspecto do tema que, malia o esforzo do grupo, non o dera entendido, débese consultar previamente ao profesor.
· Porase especial atención na análise de textos (ver “ferramentas do oficio” das Unidades 11 e 14), aplicando a metodoloxía de mapas conceptuais (“ferramentas do oficio” da Unidade 5) que será explicada no seu momento polo profesor. Este destacará tamén previamente que textos deben analizarse na exposición en clase do tema, en diálogo cos compoñentes do grupo.
· En todo caso, cómpre ter en conta que o profesor avaliará e cualificará, non a correcta comprensión do tema, senón o esforzo por chegar a comprendelo. Así, a errónea definición ou mala interpretación de conceptos ou ideas que se expoñen por primeira vez en clase non serán avaliadas negativamente. Si o serán no caso de que se trate de conceptos ou ideas xa explicados previamente en clases anteriores.
· A avaliación da exposición en clase será anotada como “deficiente”, “regular”, “aprobado”, “notable” ou “sobresaliente”. No caso de obter un “deficiente”, ao alumnado que compoña o grupo (se a avaliación é conxunta) ou ao alumno ou alumna así avaliado, lle será restado un punto da media que obteña polos demais conceptos na avaliación trimestral. A obtención dun “regular” implica que a nota non sofre variación. As demais notas farán media coa nota media restante. Así, o “aprobado” non cambiará un 5 ou un 6, pero pode restar algo a unha nota superior; o “notable” non cambiará un 7 ou un 8, pero permitirá acadar o aprobado a quen teña cando menos un 3; e o “sobresaliente” non cambiará un 9 ou un 10, pero ademais de permitir aprobar a quen obteña de media polo menos un 2,5, significará pasar ao notable (7) a quen só teña aprobado (5).

3. Desenvolvemento de procedementos de traballo filosófico
· Tamén a partir da formación de grupos de traballo (que poderán ser os mesmos ou distintos dos encargados de expor os temas), trimestralmente realizarase un traballo sobre os temas que se vaian tratando ao longo do curso, desenvolvendo algúns dos procedementos contemplados no libro de texto (ver programación) ou outros que o profesor irá explicando e propoñendo.
· O profesor presentará os materiais a partir dos que se efectuará o traballo e explicará os pasos e procedementos a aplicar. Estes materiais e explicacións serán expostas no blog do departamento de Filosofía, ao que se pode acceder a través do sitio en Internet do instituto (www. centros.edu.xunta.es/ieseduardopondal).
· Este traballo iniciarase na aula pero terá que ser continuado e concluído polo grupo de traballo fóra de clase, respectando os prazos que en cada caso se explicitarán no blog.
· A avaliación deste traballo será conxunta (a mesma nota para todos os compoñentes do grupo) agás que cada membro do grupo precise a parte do traballo que ten desenvolvido. A nota oscilará entre “deficiente”, “regular”, “aprobado”, “notable” e “sobresaliente”. Os traballos deficientes deberán ser feitos de novo. Os que merezan o notable, poderán sumar un punto á nota media final do trimestre, e os que merezan sobresaliente, dous puntos.

4. Exercicios escritos
· Concluída a exposición e revisión dun tema na clase, realizarase un exercicio escrito que constará dun texto acompañado de tres preguntas (agás algún caso en que se prescindirá de texto como no tema de Lóxica): a primeira consistirá nunha análise e comentario de texto, máis outras dúas preguntas de carácter específico ou xeral. A primeira pregunta valorarase cun 4 de nota máxima, e as dúas restantes cada unha cun 3 (agás casos excepcionais, que serán precisados previamente).
· Se se utilizase un mapa conceptual como apoio para a análise de texto, cómpre ter en conta que este debe ir acompañado da análise argumentada e desenvolvida. O mapa conceptual sen ese acompañamento carece de valor.
· O calendario aproximado destes exercicios escritos é detallado na programación final.
· Todo exercicio que reciba unha avaliación negativa (inferior a 4,5) poderá ser recuperado polo alumnado. As datas de recuperación deberán ser fixadas polo propio alumnado, previa consulta co profesor (agás o exercicio de recuperación final, que será inmediatamente antes da avaliación final).

5. Avaliación trimestral
Do que levamos dito, séguese que a avaliación trimestral será o resultado da media das avaliacións das exposicións de grupo en clase, os exercicios escritos e o desenvolvemento dos traballos no blog.

6. Investigación sobre un tema de interese filosófico
· Os grupos de traballo (que poderán ser os mesmos ou outros formados ad hoc) deberán realizar un traballo de investigación filosófica en profundidade sobre un tema de libre elección, se ben o profesor suxerirá varios posibles temas.
· O procedemento de investigación filosófica é explicado no apartado final (“ferramentas do oficio”) da Unidade 15 do libro de texto.
· Antes do último día do mes de outubro, o alumnado deberá decidir sobre que tema de traballo quere investigar.
· O mes de novembro comezarán os traballos previos de investigación.
· Durante os meses de novembro e decembro o profesor atenderá as consultas do alumnado para revisar os primeiros pasos da investigación, axudándoo a seleccionar a hipótese ou hipóteses a comprobar, determinar a metodoloxía da investigación e planificar os pasos para o seu desenvolvemento.
· Durante o segundo trimestre os grupos de traballo realizarán fóra das horas de clase as súas respectivas investigacións. En todo momento poderán contar co apoio e asesoría do profesor.
· O resultado da investigación deberá ser entregado na primeira quincena do mes de maio (agás que o profesor especifique algo noutro sentido).
· A avaliación deste traballo de investigación sumará un punto á nota final, no caso de que que sexa considerado notable a xuízo do profesor, e dous, se é considerado sobresaliente. Con todo, nunca significará unha diminución da nota que nese momento os alumnos ou alumnas teñan como media. Se o traballo é xulgado como moi deficiente, deberá ser repetido. Se o traballo non é presentado no prazo debido, implicará o suspenso do alumno ou alumna, ata que sexa finalmente entregado. En caso contrario, deberá ser presentado en setembro para que o alumno ou alumna poida acadar o aprobado, como mínimo.

7. Avaliación final
A avaliación final obterase aplicando a media das notas obtidas nos tres trimestres máis a da investigación. Se a nota media final non acada 4,5, o alumno ou alumna non obterá o aprobado e deberá recuperar en setembro, de acordo co que o profesor indique.

PROGRAMACIÓN DO CURSO
(Poderá sufrir modificacións)

Setembro: O saber filosófico (Unidade 1)Definición de filosofía. Partes da Filosofía. Diferencias entre Filosofía e ciencias. Clasificación das ciencias
Outubro: Teoría do coñecemento. Facultades que interveñen no proceso do coñecemento. Coñecemento e verdade. A epistemoloxía da modernidade e o paradigma do suxeito.(Unidade 2 e textos adicionais)
Primeira semana: presentación traballos mapa conceptual.O debate e o discurso argumentativo (Unidades 2, 3 e 12).Elección de tema para investigación filosófica. Primeira quincena: exercicio escrito sobre Unidade 1.
Novembro: Teoría do Coñecemento. O desenvolvemento das neurociencias e a crítica do paradigma do suxeito.(Textos propostos polo profesor) Novas achegas científicas ao coñecemento do cerebro (neurociencias) e debate sobre as súas implicacións para as concepcións filosóficas sobre a noción de “conciencia” ou “eu”, e para as teorías filosóficas sobre o coñecemento.Primeiras consultas sobre o traballo de investigación (ver “ferramentas o oficio na Unidade 15). Primeira semana: exercicio de Teoría do Coñecemento (I).
Decembro: Lóxica. A argumentación correcta (Unidade 3) Dilemas e falacias (Unidade 9).Presentación traballos do blog, última semana de novembro.Continúan os labores de preparación da investigación filosófica. Primeira semana: exercicio de Teoría do Coñecemento (II).
Xaneiro: Epistemoloxía. A racionalidade científica (Unidade 4) Redacción dun texto filosófico (Unidade 8). A disertación (Unidade 10).Inicio do traballo de investigación filosófica. Primeira semana: Exercicio de Lóxica.
Febreiro: Ética e Filosofía moral. Nin deuses nin bestas, humanos (Unidade 9). Á procura da felicidade: o individuo (Unidade 10). Inferencias, dilemas e análise de textos (Unidade 11). Presentación dos traballos para o blog. Primeira semana: exercicio de Epistemoloxía.
Marzo: Por mor do deber: a persoa (Unidade 11). Teorías morais universalistas na filosofía moderna e contemporánea. O comentario de texto (Unidade 14). Presentación traballos blog. Primeira semana: exercicio de Ética e Filosofía Moral (1).
Abril: Filosofía política (1). O dereito e a xustiza: o cidadán (Unidade 12). Formas de lexitimación e lexitimidade democrática (Unidade 15). A crítica na política (Unidade 13). Primeira semana: exercicio de Ética e Filosofía moral (2).
Maio: Filosofía política. A orixe da sociedade e do Estado (Unidade 13). A constitución civil debe ser repubicana (ao modo kantiano) (Unidade 14). O futuro da democracia (Unidade 15). A investigación filosófica (Unidade 15). Presentación de traballos blog. Primeira semana: exercicio de Filosofía Política. Primeira quincena: entrega dos traballos de investigación.
Xuño: Filosofía política. A nación e o Estado en tempos de globalización (Unidade 15). Traballo con mapas (Unidade 16). Data límite presentación traballos blog Exposición en clase dos traballos de investigación.Exercicios de recuperación final.

ORIENTACIÓNS PARA 2º DE BACHARELATO (2º A e 2º B)

CONDICIÓNS PARA A AVALIACIÓN
A avaliación do alumnado da materia Filosofía de 2º de bacharelato fundamentarase esencialmente nas seguintes actividades:

1. Libro de texto
O libro de texto do alumnado será Historia da Filosofía, Bacharelato 2, de Edicións Xerais de Galicia. Cómpre ter en conta que o libro de texto é concibido como un material de consulta e apoio, non como a referencia única arredor da cal debe xirar o traballo de clase e a avaliación. Isto significa, por un lado, que de ningún modo se poderá desenvolver a totalidade do seu contido (non o permite o tempo de clase dispoñible) e, en consecuencia, o profesor explicará que contidos van ser traballados e cales non; e, por outro, que o profesor poderá incluír algún material complementario de traballo, que tamén será contemplado como contido avaliable.

2. Intervencións en clase
O alumnado organizarase en grupos de traballo, cun mínimo de tres compoñentes e un máximo de catro. O profesor encargará a cada grupo de traballo, con suficiente antelación, a preparación dun tema do programa para a exposición en clase. O traballo sobre os temas orientarase cara á preparación dunha “composición filosófica” seguindo o modelo proposto pola CIUG para o exame de acceso á universidade. (http://ciug.cesga.es/grupos/filosofia.html, e en especial http://ciug.cesga.es/grupos/filosofiamodelo.html). Cada grupo centrará a súa exposición na análise e comentario dun texto, aplicando a metodoloxía que o profesor explicará ao comezo das clases. Previamente, o profesor indicará os textos sobre os que se traballará que, na maior parte dos casos, serán seleccionados a partir dos propostos pola CIUG (http://ciug.cesga.es/grupos/filosofiatextos.html).
Para a idónea presentación dos traballos do grupo, e especialmente para a preparación dos exercicios escritos (véxase máis abaixo) é tamén conveniente o uso do libro A composición dun texto filosófico. Edicións Xerais de Galicia, aínda que non se considerará obrigatoria a dispoñibilidade do mesmo por parte do alumnado, como no caso do libro de texto.
A exposición de cada grupo non debería superar os 25 minutos, co obxecto de deixar tempo para as aclaracións e explicacións do profesor e, se fose o caso, o debate cos restantes alumnos e alumnas. Esta exposición en ningún caso deberá adoptar a forma da lectura dun texto previamente escrito. O grupo porá dispór de cantos medios de apoio considere oportuno utilizar (notas, libros, recursos audiovisuais…).
Por outra banda, todo o alumnado (non só os compoñentes do grupo encargado da exposición na aula) deberá desde o primeiro momento desenvolver en casa as composicións filosóficas que vaian sendo programadas e que o profesor indicará en cada momento.
En todo caso, cómpre ter en conta que o profesor avaliará e cualificará, non a correcta comprensión dos textos (acéptase que en principio se presentarán erros de interpretación, sen que estes erros teñan por qué ser penalizados na avaliación), senón o esforzo por chegar a comprendelos; nin tampouco o desenvolvemento acertado da composición, senón a progresión que cada alumno ou alumna vaia amosando a partir dos primeiros exercicios.

3. Exercicios escritos
Concluída a exposición de cada tema, realizarase un exercicio escrito elaborado segundo o modelo empregado nas probas de acceso á Universidade (ver estrutura dos modelos de exames na páxina da CIUG). A avaliación efectuarase tamén seguindo os criterios da CIUG.
Para a preparación dos exercicios é moi conveniente consultar o libro A composición dun texto filosófico. Edicións Xerais de Galicia, onde se recollen tanto unha metodoloxía para a redacción das composicións como exemplificacións de distintas composicións a partir de modelos de exames.

4. Lectura de textos
Ao longo do curso, cada alumno e cada alumna deberán ler uns textos relacionados cos autores previstos na programación e presentar un resumo dos mesmos. Estes textos deberán ser extraídos destas tres fontes:
· Enxergo. O comentario de texto. Edicións Xerais de Galicia. (OCdT)
· A composición dun texto filosófico. Edicións Xerais de Galicia (ACdTF)
· CIUG. Textos (http://ciug.cesga.es/grupos/filosofiatextos.html) (CIUG)
· J. Gaarder. El mundo de Sofía. (EMdS)
A presentación do resumo das lecturas destes textos (que teñen un carácter xeral, con autores de distintos períodos históricos) deberá facerse coincidir, de xeito aproximado, coa exposición de cada autor en clase. Así, o resumo dos textos de Platón (OCdT, AcdTF ou CIUG) ou a parte relativa á filosofía platónica (El mundo de Sofía), entregaríase á final do mes de outubro (véxase á cronoloxía prevista máis abaixo), o do texto de Tomé de Aquino ou a filosofía medieval en decembro, e así sucesivamente.
Ademais, deberán escoller tamén un libro específico dun autor, entre os seguintes:
· Platón. Apología de Sócrates.
· Platón. OBanquete.
· Platón. La República (libros III a VIII).
· Aristóteles. Ética a Nicómaco.
· Aristóteles. A Política.
· San Agustín. Confesiones.
· Descartes. Discurso do método.
· Locke. Carta sobre la tolerancia.
· Kant. La paz perpetua.
· Marx e Engels. Manifesto comunista.
· Nietzsche. Así habló Zaratustra.
O resumo do libro seleccionado deberá presentarse durante o 2º trimestre ou, como moi tarde, na semana inmediatamente posterior ás vacacións de Semana Santa. O resumo debe probar a lectura e comprensión do libro por parte do alumno ou alumna. Caso de que algunhas das partes resulten de difícil comprensión, o autor do resumo fará explícitas esas dificultades e explicará o por qué das mesmas.
A non presentación destes resumos implicará suspender a materia. A avaliación dos resumos poderá proporcionar entre un ou tres puntos adicionais, sobre a cualificación previa, na avaliación trimestral.

Cronoloxía aproximada:
Stbro-Outubro A formación da polis grega. Do Mito ao Logos. Dos Presocráticos aos sofistas. Sócrates e Platón.
Textos Platón (OCdT, ACdTF ou CIUG) EMdS pp. 73 – 86 / 94-114
Novembro: Aristóteles
Textos Aristóteles (OCdT, ACdTF ou CIUG) EMdS pp. 126-142
Decembro: Da Filosofía helenística á Filosofía medieval. Agostiño e Tomé de Aquino
Textos Tomé de Aquino (OCdT)Textos Agostiño / Tomé de Aquino (ACdTF e CIUG)EMdS pp. 154 – 169 / 206 - 228
Xaneiro: Da Filosofía renacentista á Reforma. Inicio da Filosofía moderna. Descartes e o Racionalismo
Textos Descartes (OCdT)Textos Descartes / Hume / Locke (ACdTF e CIUG) / EMdS pp. 283 – 298 / 310 - 339
Febreiro / Marzo: Kant e a Ilustración
Textos Kant (OCdT, ACdTF ou CIUG)EMdS pp. 365 - 413
Abril: Karl Marx
Textos Marx (OCdT, ACdTF ou CIUG)EMdS pp. 471 – 493.
Límite para a entrega do resumo comentado do libro de lectura escollido.
Maio: Nietzsche e a crítica da Ilustración
Textos Nietzsche (OCdT, ACdTF ou CIUG). EMdS pp. 560 - 580

TRABALLO DE FIN DE CURSO

Para o traballo de fin de curso podedes optar entre dúas opcións:

Opción 1
Desenvolver un breve ensaio persoal sobre calquera dos seguintes temas, xa tratados na clase:
- O valor da filosofía para a formación dun adolescente do século XXI.
- Que é a filosofía para ti?
- O problema do coñecemento e a verdade.
- A importancia de saber argumentar correctamente.
- Por que se cometen falacias nas argumentacións?
- Como diferenciar unha ciencia dunha “pseudociencia”.
Este ensaio persoal tamén pode adoptar algunha das temáticas que están pedentes de desenvolver en clase:
- Vantaxes e problemas de vivir nunha sociedade tecnificada.
- Que é a beleza? Relación entre beleza e arte na sociedade contemporánea.
- Que é o ben? O ben e a felicidade.
- Que é a xustiza? Vivimos nunha sociedade xusta? Que podemos facer para cooperar na construción dunha sociedade máis xusta?
- É a democracia o modelo político máis xusto? Cres que a democracia é unha conquista definitiva da sociedade contemporánea? Cales son os perigos que poderían debilitar e mesmo facer desaparecer á democracia?
- Que é para ti ser cidadán? Ser cidadán implica participar activamente na vida política?

Opción 2
Trátase de desenvolver un pequeno traballo de investigación, que poderá ser realizado en grupo (máximo 4 persoas) e deberá seguir os seguintes pasos:
1. Facer un inquérito, a partir dunha mostra reducida (pode estar composta por todo o alumnado de 1º de bacharelato do centro ou mesmo tan só polo alumnado da clase), sobre os gustos cinematográficos e de programas televisivos (con preguntas do tipo: cantas veces vas ao cine?, cantas horas –semanais, diarias- dedicas a ver a televisión?, cales son as túas películas favoritas -cómicas, dramáticas, de acción, románticas…-?, cales son os teus programas de televisión favoritos?, cita 3 títulos de películas que teñas visto hai pouco e che teñan gustado moito … …). O inquérito será anónimo pero deberá incluír o sexo da persoa que responda.
2. Seleccionar as películas e os programas de televisión máis citados.
3. Desenvolver un traballo adicional, ben a partir das películas ou ben a partir da televisión. Este traballo consistirá na identificación dos principais dilemas morais que aparecen representados nas películas ou series de televisión seleccionadas (non máis de tres). Hai dilema moral nunha situación en que unha persoa ou varias se ven obrigadas a escoller entre dúas ou máis posibilidades, de tal xeito que esa escolla implica un problema de carácter moral, isto é, que actuar dunha ou doutra maneira equivale a actuar moralmente ben (ou moralmente mellor) ou moralmente mal (ou moralmente peor).

Os alumnos e alumnas que decidan facer o seu traballo de fin de curso seguindo a opción 1 deberán entregalo o venres 21 de maio como data límite.
Os alumnos e alumnas que decidan facer o seu traballo de fin de curso seguindo a opción 2 deberán entregalo o venres 4 de xuño como data límite.

COMENTARIO SOBRE OS TRABALLOS RECIBIDOS

En xeral foron bastante pobres. Xa comentamos na clase os feitos a partir de dilemas tomados do cine e das series televisivas, algúns con certo interese, sobre todo en canto esforzo persoal por investigar e reflexionar minimamente (aínda que eu diría que demasiado minimamente).
En canto aos que adoptaron outro tema de traballo, predominan os erros que veño sinalando con frecuencia: os defectos tanto na redacción como na construción das argumentacións anulan os resultados. Así que a conclusión que se deriva é ben clara: precisades mellorar esas capacidades. Se non sabedes redactar correctamente, é imposible que comuniquedes axeitadamente as vosas ideas. Se non sabedes organizar os argumentos, as vosas afirmacións resultan arbitrarias por mal fundamentadas.
Decidín destacar, con todo, un traballo que, aínda que modesto, evita estes dous grandes e principalísimos erros, traballo que reproduzo de seguido acompañado dunha breve valoración crítica final (que, en calquera caso, non nega o valor positivo que se lle recoñece ao ser reproducido aquí).

VALOR DA FILOSOFÍA PARA OS ADOLESCENTES DO SÉCULO XXI

Neste traballo, analizarei como influe a filosofía nos adolescentes actuais dende o meu punto de vista adolescente.

Durante primeiro, segundo e terceiro de ESO ningún rapaz plantease o que é a filosofía e moitos nin se quera saben o que é. Realmente, en cuarto dase Ética e cidadania que eu a considero como unha pequena introducción a filosofía.

Aínda así ética e cidadania ten un nivel moi simple comparado coa propia asignatura chamada Filosofía de bacharelato, que dende logo non me parece complicada. Os rapaces van todos contentos despois de aprobar ética cara o bacharelato, chega a primeira hora de filosofía e cando acaba a hora a gran maioria do alumnado dice frases como “Menudo coñazo” ou “Para que quero eu a filosofía?” ou tamén temos o típico “Bueno, esto ta tirao”. Típico entre adolescentes da sociedad actual, que non mostra o mínimo interese no mundo no que vive.

Eu teño que admitir que a primeira vez que tratei coa filosofía, pensei como o terceiro exemplo dado antes. Non mostraba moito interese, pero pouco a pouco, clase tras clase, vin que a filosofía axudabame a ter un criterio sobre o mundo no que vivimos. Pareceme unha cousa moi importante ter criterio, xa que se o temos nun futuro non nos poderan manipular e facer uso de nos.

A parte de esto, a filosofía axudanos a aprender a argumentar correctamente. Aprendemos a non caer nas falacias cando argumentamos, e argumentar ben, é tan importante como ter criterio porque unha cousa leva a outra. Se ti tes criterio podes opinar, e para opinar tes que saber argumentar e defender a tua opinión.

Tamén cabe destacar outras cousas como aprender lóxica, que dende o punto de vista practico non é moi útil, pero ten o seu aquel xa que son mais cousas que sabes, e iso nunca esta de mais.

En resumo, deberíamos apreciar mais unha materia que esta infravalorada, a cal me parece que será moi útil no que é a vida e o mundo que nos espera.

Lucas Mosquera López 1ºC

Comentario: Interesante reflexión de carácter persoal. Con todo, advirto ao final unha incoherencia que empobrece o conxunto. É esta: unha vez que se valora a importancia de saber argumentar e a súa utilidade, como se pode afirmar posteriormente que “aprender lóxica… dende o punto de vista practico non é moi útil”. Que outra cousa é a lóxica que a parte da filosofía que se ocupa das regras da argumentación?

Este traballo deberá ser entregado, como moi tarde, dúas semanas antes das datas de avaliación deste Segundo Trimestre.

SARTRE E CAMUS, UN DEBATE QUE CONTINÚA

camus.bmp

sartre3.jpg

Anos cincuenta. París de posguerra. Jean- Paul Sartre, filósofo xa célebre. Albert Camus, xornalista e escritor, que se fixera famoso despois do éxito da súa primeira novela, L’étranger (O estranxeiro). Sartre e Camus, dous amigos. Os dous comparten as noites nos cafés de Saint Germain des Prés e Montparnasse. Os dous comparten tamén o amor polo teatro e as súas obras (Sartre : Les mouches, Hui clos, La putain respectueuse; Camus : Caligula, Le malentendu, Les justes) marcan a actualidade da escena francesa. Sartre é o director de unha revista, Les Temps Modernes, que actúa de portavocía do pensamento dos intelectuales de esquerda. Camus é tamén un colaborador eventual da revista pero é igualmente o redactor xefe do xornal Combat, nacido durante a resistencia contra a ocupación nazi. Por qué esta amizade se rompe? Por qué os dous amigos se confrontan nun moi duro debate, despois do cal endexamais volverán a intercambiar entre eles unha palabra ? A orixe é a aparición en Temps Modernes de un artigo moi crítico con L’homme révolté (O home sublevado), o ensaio que Camus acaba de publicar, onde denuncia non só a violencia do Estado senón tamén a violencia terrorista, e afirma a coincidencia entre a razón de Estado do totalitarismo comuniste do estalinismo et a razón de Estado do totalitarismo nazi, entre o Gulag (os campos de concentración da URSS) e os Lager (os campos de concentración hitlerianos).
Ocuparémonos aquí das cuestións filosóficas máis salientables implicadas no debate. Procuraremos ilustrar, siempre que sea posible, cada unha das cuestións con frases dos autores ou de outros autores que han escrito sobre o debate. Vós deberedes demostrar : 1, a comprensión das cuestións ; 2, o senso dos diversos puntos de vista, de Camus e de Sartre, sobre todo ; e 3, o voso persoal punto de vista sobre cada cuestión e sobre o conxunto do debate.

Cuestión 1 :
A lexitimidade da violence, isto é, cando a violencia pode ser razonable ou aceptable desde unha perspectiva ética ou mesmo política. Hai guerras xustas e guerras inxustas ? A violencia aplicada segundo unha razón de Estado, o terrorismo de Estado, pode ser inevitable e por conseguinte xustificable? O terrorismo individual ou dun grupo pode estar xustificado por circunstancias históricas ?

nenos-presos.jpg
Nenos presos nun campo de concentración nazi

stalin_gulag.jpg
Stalin e o Gulag

Cuestión 2 :
Procura a definición de totalitarisme e explica a diferenza entre o Estado totalitario e o Estado democrático. Hai diferenzas entre o totalitarismo nazi e o réxime soviético, entre os campos de concentración da Alemaña de Hitler e o GULAG de Stalin ?

Cuestión 3 :
Hai razóns para cualificar de inxusto o réxime económico capitalista ou de economía de libre mercado? Hai razóns para considerar máis xusto un réxime económico comunista, isto é, de economía igualitaria baixo control do Estado ? A desigualdade do capitalismo pode xustificar a crítica da democracia como « democracia burguesa » (isto é, unha democracia que só é democrcia para os « burgueses », os propietarios capitalistas) ? A igualdade que persigue o comunismo pode xustificar a limitación dos dereitos democráticos ?

A violencia, unha idea nova ?
« A democracia de masas. En Os Comunistas e a paz, Sartre opón a ‘democracia de masas’ á ‘democracia burguesa’. Que é o que a caracteriza ? En que se diferencia da outra ? a unanimidade. A necesaria ‘unanimidade’. E unha unanimidade que, di el, ‘refaise sen cesar por a liquidación dos opositores’. Se eles resisten ? Sartre non o dubida. ‘Irase ata lles facer violencia’. Pois ‘aos ollos do grupo’, escribe, ‘o disidente é un criminal’ .»
Bernard –Henry Lévy (2000) : Le siècle de Sartre. Paris, Bernard Grasset. P. 451.

bhl.jpg
O filósofo Bernard-Henry Levy

« Cómpre permanecer aterrorizado ou trocarse terrible ; isto quere dicir : abandoarse ás disociacións de unha vida trucada ou conquerir a unidade natal. Cando os paisanos collen os fusís, os vellos mitos palidecen, as prohibicións son unha a unha derrubadas : a arma dun combatente é a súa humanidade. Xa que, no primeirp tempo da revolta, cómpre matar : abater a un europeo é matar dous paxaros dun tiro, suprimir ao mesmo tempo un opresor e un opprimido : quedan un home morto e un home libre ; o sobrevivinte, por primeira vez, sinte un chan nacional baixo a pranta dos seus pés. Nese instante, a Nación non se afasta del, ela confúndese coa súa liberdade. »
Jean Paul Sartre. Prefacio a Les damnés de la terre, de Franz Fanon (1961)

franz_fanon.jpg
O psiquiatra e ideólogo da loita de liberación do Terceiro Mundo Franz Fanon

Para Camus, o terrorismo é indefendible, sexan cales sexan os fins que se propoñan, porque unha vítima inocente pesa máis que un ideal que decote se revela como un espellismo : as derivas totalitarias están aí para lembrárnolo… Se, fronte á opresión, a violencia as veces chega a ser o único recurso – Camus participou na Resistencia –, esta en calquera caso debe ser limitada tanto no tempo como no espazo, impoñéndose prohibicións e exercéndose sempre a desgusto. Facer a guerra, si, se é necesario, pero sen querela endexamais. Para el é exemplar a decisión de Kaliayev que, en 1905, deixa para máis tarde o asasinato por medio dunha bomba do gran duque Serxio, porque os seus fillos se atopan na carroza (ver a peza de teatro Os xustos).
A selección dos peores
Criticado polos dous lados, Camus condea á vez a represión francesa en Alxeria, que esquece as inxustizas do colonialismo, e o terrorismo do FLN [o movemento independentista], que ataca ao pobo alxeriano do campo e aos colonos estranxeiros das grandes vilas para encirrar o odio eliminando os movementos concorrentes. Segundo el, o recurso á violencia ilimitada e á tortura leva ao poder aos extremistas dos dous bandos, selecciona aos peores e impide definitivamente aos moderados expresarse. Para Camus, como para Antoine Garapon, a violencia terrorista, unha vez desencadeada, convértese nun reflexo e logo nun costume. Como un virus, contaminará inevitablemente o réxime que se edifique a continuación e pervertirá todo o aparato de Estado. En todos os países, a violencia terrorista asola e perverte os dous campos. Imposibilita o acceso ao futuro sen un enorme traballo de dó e de purificación, que debería ser levado en común.
Procurar o diálogo, contentarse as veces con reformas graduais no canto de practicar a lóxica mortífera do « todo ou nada » reclamando a perfección a calquera prezo, prohibirse xustificar a violencia con grandes palabras, non consentir en ser nin unha vítima nin un verdugo, esas son algunhas das pistas propostas por Camus, e enriquecidas con novos elementos por Antoine Garapon. Estas pistas son as únicas que poden, no corazón da violencia « inevitable pero inxustificable », permitir conservar nos dous campos o seu rostro humano, a súa complexidade, o seu dereito idéntico á mesma felicidade terrestre…
Ariane Buisset comenta o libro de Antoine Garapon Albert Camus, réflexions sur le terrorisme, Paris, Éd. Nicolas Philippe, septembre 2002.
« Camus afástase dos sartrianos e da súa propensión a confrontar, a unha fronte á outra, nun movemento de metrónomo, violencias soviéticas e américanas. »
« Camus denuncia dúas ideoloxías : ‘A primeira, a tecnolatría estaliniana, parece ser a máis espectacular porque é a máis fresca e tamén porque non recúa diante do sacrificio das masas, europeas hoxe, asiáticas mañán. É a máis violenta (…), obrigada a opoñerse eficazmente á tecnoloxía máis avanzada dos Estados-Unidos, que presenta, en efecto, os caracteres de unha tecnolatría instalada. Menos brutal, máis total que totalitaria, esta [a dos Estados Unidos] é máis penetrante e sedutora porque ten sabido, a través dos filmes, a prensa e a radio, mediante unha chamada constante ao menor esforzo, chegar a ser indispensable psicoloxicamente e facerse amar.’ »
« … o asunto dos campos soviéticos mantense, para Camus, como o fundamental. Sartre lembra (…) que tamén el, Sartre, ten adoptado unha posición contraria ao universo concentracionario : ‘Si, Camus, eu encontro coma vostede inadmisibles eses campos : pero tan inadmisible como o uso que ‘a prensa dita burguesa’ fai cada día deles.’ Sartre non volverá moi a miudo sobre o gulag. Velaí a principal fractura entre Camus e Sartre. Sartre confronta, o un fronte ao outro, o Este e o Oeste : ‘Ao meu parecer, o escándalo dos campos nos acusa. A vostede como a min. E a todos os outros : a cortina de ferro non é máis que un espello e cada unha das metades do mundo reflicte a outra metade. A cada volta de rosca aquí corresponde alá un xiro de parafuso e para rematar, aquí e alá, nós somos os aparafusadores e os aparafusados’ Dialéctica sartreana : aos horrores do mundo comunista corresponden os crimes igual de innobles do mundo capitalista. »
« [Para Raymond Aron] ‘Camus non toma en conta só tal ou cal aspecto da realidade soviética. O réxime comunista parécelle unha tiranía total, inspirada e xustificada por unha filosofía. Reprocha aos revolucionarios a negación de todo valor eterno, de toda moral transcendente á loita de clases e á diversidade das épocas, acúsaos de sacrificar os homes vivos a un ben pretendidamente absoluto, a unha fin da historia, cuxa noción é contradictoria e, en todo caso, incompatible co existencialismo.’
Camus continúa crendo en que pode ser realizado un socialismo por definir, un pouco social-demócrata ao modo escandinavo e tradeunionista ao modo británico. Na súa relativa ignorancia dos datos económicos, Camus e Sartre son típicos intelectuais franceses do seu tempo. Comparten un mesmo deseo de transformar a sociedade. Sartre e Camus queren unha nova orde social máis humana. A paixón non é a mesma. Mantense revolucionaria e violenta en Sartre. Camus xa non é revolucionario : é un home sublevado que rexeita en bloque o universalismo xacobino e o universalismo comunista. »
Fragmentos tomados de Olivier Todd (1996) : Albert Camus. Une vie. Éditions Gallimard.

Este libro reconstrúe a evolución da concepción da violencia no pensamento de Albert Camus, desde as súas primeiras obras literarias ata a publicación de L’Homme révolté. A violencia é, para Camus, á vez inevitable e inxustificable. Constitúe unha ruptura do vínculo de solidariedade que une os seres humanos nunha mesma condición. Con todo, Camus cre que unha moral é necesaria para contrapor a violencia. Identifica un valor fundamental, a dignidade humana, sobre a cal repousa a súa moral. O outro, que esixe incondicionalmente o respecto, devén un límite insuperable. Camus, de feito, refuga a xustificación da violencia pola suposta nobreza dos fins. Ese é o sentido do seu combate contra o terrorismo en Alxeria.
Comentario sobre o contido do libro de Yves Trottier, Marc Imbeault (2006) : Limites de la violence. Lecture d’Albert Camus. PUL.

ATENCIÓN AO NOVO TRABALLO

Como podedes ver, incluín no blog cinco comentarios avaliados por extenso. Foron os únicos incorporados debidamente como “comentarios” do propio blog, coa particularidade de que os autores de dous deles o fixeron como comentario á presentación, no canto de comentario ao primeiro traballo, como deberían ter feito. Hai aínda outros dous traballos que me chegaron ao correo pero non foron recoñecidos polo blog, non sei moi ben por que. Os demais, ben recibidos polo correo, fóra do procedemento do blog, ou recibidos por outras vías, tamén foron corrixidos, como é natural. Pero pareceume que non pagaba a pena incluír máis no propio blog porque en xeral todos pecan de semellantes defectos. Entendo, xa que logo, que a avaliación dos catro comentarios pode moi ben servir como referencia para todos os demais. Isto quere dicir, claro está, que case ningún dos traballos obtivo o valor mínimo para ser considerado “aceptable” nin moito menos “bo”, “moi bo” ou “excelente”. Pero non debedes desanimarvos senón tomar nota de cales son os defectos e corrixilos no traballo seguinte.
Este traballo terá como obxecto un célebre debate desenvolvido nos anos cincuenta do pasado século en Francia, entre dúas figuras intelectuais de grande influencia: o novelista, autor de teatro e ensaísta Albert Camus, e o filósofo, e tamén novelista e autor de teatro, Jean Paul Sartre. Deste debate teremos en conta dúas cuestións: a violencia política e o terrorismo, e o Estado totalitario. Dúas cuestións, especialmente a primeira, que continúan a ter vixencia nos nosos días, por desgraza. Convídovos a que, antes de que sexa incorporado o traballo no blog (espero poder facelo esta mesma semana), procuredes información tanto na prensa como en internet sobre Camus, Sartre, o seu debate e os temas a desenvolver. Ao se cumprir o cincuentenario da morte de Camus en accidente de automóbil, estes días teñen aparecido moitos artigos sobre este autor.

Camus, Sartre e outros intelectuais no obradoiro de Picasso

Sartre, Camus (primeiro e segundo na primeira ringleira, a contar desde a esquerda) e outros intelectuais no obradoiro de Picasso

Demócrito por Rivera A morte de Sócrates
Representacións pictóricas do filósofo grego Demócrito de Abdera e da morte de Sócrates
Descartes John Locke Kant
Descartes, filósofo racionalista, e Locke, filósofo empirista do século XVII. Kant, filósofo ilustrado do XVIII
Karl Marx Nietzsche
Karl Marx e Friedrich Nietzsche, dous filósofos alemáns do século XIX

Olla estas imaxes de filósofos. As máis antigas son representacións artísticas de algunhas das figuras filosóficas máis coñecidas. É famosa a realizada polo pintor renacentista Rafaello de Sanzio, un cadro de grandes dimensións, que se atopa no Vaticano, coñecido como “A escola de Atenas”.

A Escola de Atenas de Rafael

Nel, este xenial pintor retratou aos máis coñecidos filósofos gregos da antigüidade clásica. Na wikipedia (http://es.wikipedia.org/wiki/La_escuela_de_Atenas) podes atopar unha completa enumeración dos nomes dos filósofos e as figuras correspondentes. Tamén poderás descubrir que o “retrato”de algúns deles foi feito a partir de modelos de persoas contemporáneas ao pintor. Entre as excepcións están as dúas figuras principais, que representan a Platón e Aristóteles, os grandes mestres filosóficos da Atenas do século IV a. C. Destes existen numerosas esculturas antigas que supoñemos se inspiraban en representacións coetáneas e, xa que logo, probablemente se asemellaban ao Platón e o Aristóteles reais.

Platón Aristóteles

Compara agora estas representacións coas dos filósofos do período medieval (Agostiño de Hipona, Tomé de Aquino, canonizados pola igrexa católica como San Agostiño e Santo Tomé), e logo, tanto as primeiras como as segundas, coas dos filósofos modernos, desde Descartes ata os ilustrados. Finalmente, compara todos eles coas fotografías que xa temos dos filósofos contemporáneos, desde Karl Marx e Friedrich Nietzsche ata hoxe.

Agostiño de Hipona Tomé de Aquino
Agostiño de Hipona e Tomé de Aquino, filósofos medievais

Completa este exercicio comparativo mediante unha pequena pescuda sobre a biografía dun número reducido destes filósofos. Por exemplo, selecciona un ou varios nomes de cada período: un filósofo antigo, outro medieval, outro moderno e outro contemporáneo. Podes buscar os seus principais datos biográficos, ben nun dicionario de Filosofía (tes varios na biblioteca do instituto) ou ben a través de internet.

O seguinte paso é xa iniciar a análise comparativa. Atopas algunhas diferenzas notorias entre eles (tanto respecto das súas representacións incónicas como das súas vidas?, algunhas liñas de continuidade?

Dimone de Beauvoir fotografada por Brassai María Zambrano
Simone de Beauvoir e María Zambrano, dúas filósofas do século XX

Fíxate, por exemplo, en que apenas hai mulleres. É que a filosofía é só cousa de homes? Decátate tamén de que todos os filósofos son europeos (só Agostiño de Hipona naceu en África, na antiga Tunicia, pero cando era unha provincia do imperio romano). É a filosofía só cousa dos europeos ou, cando menos, dos occidentais (non hai filósofos africanos, nin chineses, nin xaponeses…)?

Como describirías a actividade á que se dedican os filósofos? Cal é a súa práctica? É ser filósofo unha profesión? Ou os filósofos deberon dedicarse a algunha outra actividade profesional para se gañaren a vida? E na actualidade? Coñeces o nome de algún famoso filósofo de hoxe mesmo en Galicia? E en España? E no mundo?
Cres que a actividade filosófica tivo algunha repercusión importante no pasado na vida das sociedades en que os filósofos desenvolveron a súa actividade? Que tipo de repercusión ou influencia? Cres que esa repercusión e influencia son hoxe en día maior ou menor?

Ortega y Gasset Heidegger Jean Paul Sartre durante o maio do 68
Ortega y Gasset apoiou a República Española aínda que despois foi tamén crítico co seu desenvolvemento. Heidegger afiliouse ao partido nazi e colaborou co III Reich. Jean Paul Sartre participou activamente nas mobilizacións estudiantís do maio do 68. Tres exemplos de filósofos do século XX con compromisos políticos moi diferentes.

A partir das respostas a estas preguntas deberías construír a túa propia imaxe do filósofo de onte e de hoxe.

BENVIDOS / AS AO CURSO 2009 - 2010

Neste espazo irán aparecendo as propostas de traballo a desenvolver en grupo cada trimestre.
Ofrécese tamén a posibilidade de que sexades vós mesmos/as os/as que propoñades temas alternativos aos propostos polo profesor, sempre que o fagades na semana inmediata á aparición da proposta deste.
É importante que vos rexistredes para poder enviar directamente as vosas contribucións.
Para comezar, aquí tendes a programación do curso, coa metodoloxía e condicións de avaliación:
CONDICIÓNS PARA A AVALIACIÓN
FILOSOFÍA 1º BACH
Curso 09 - 10

A avaliación fundamentarase nos seguintes materiais e actividades:

1. Libro de texto
O libro de texto do alumnado será Filosofía e Cidadanía, Bacharelato 1, de Edicións Xerais de Galicia. Cómpre ter en conta que o libro de texto é concibido como un material de consulta e apoio, non como a referencia única arredor da cal debe xirar o traballo de clase e a avaliación. Isto significa, por un lado, que de ningún modo se poderá desenvolver a totalidade do seu contido (non o permite o tempo de clase dispoñible) e, en consecuencia, o profesor explicará que contidos van ser traballados e cales non; e, por outro, que o profesor poderá incluír algún material complementario de traballo, que tamén será contemplado como contido avaliable.

2. Exposición de temas en clase
· O alumnado organizarase en grupos de traballo, cun mínimo de tres compoñentes e un máximo de catro. O profesor encargará a cada grupo de traballo, con polo menos unha semana de antelación, a preparación dun tema do programa para a exposición en clase.
· Cada compoñente do grupo poderá optar entre dúas opcións para a exposición en clase:
· Opción A: Unha interpretación persoal sobre o tema ou un aspecto do tema.
· Opción B: A análise e comentario dun texto (dos recollidos no libro ou proposto polo alumno ou alumna, previo acordo co profesor).
· En todo caso, a exposición non deberá exceder dos 25 minutos, para deixar tempo á intervención do profesor ou do alumnado en forma de debate.
· Para a exposición poderase dispór de cantos medios de apoio se precise (notas, libros, uso de medios audiovisuais…), para o cal o grupo deberá reclamalos con anticipación ao profesor. Con todo, deberase ter en conta que non se trata de ler un texto xa escrito (como, por exemplo, o que aparece no libro de texto), senón de explicar os coñecementos adquiridos sobre o tema, demostrando que se entenden e utilizando unha linguaxe asequible para todos os restantes alumnos. Por esa razón, cando se precise utilizar conceptos técnicos ou complexos, estes conceptos deben ser previamente definidos e explicados. Se houbese algún aspecto do tema que, malia o esforzo do grupo, non o dera entendido, débese consultar previamente ao profesor.
· Porase especial atención na análise de textos (Unidades 11 e 14), aplicando a metodoloxía de mapas conceptuais (Unidade 5) que será explicada no seu momento polo profesor. Este destacará tamén previamente que textos deben analizarse na exposición en clase do tema, en diálogo cos compoñentes do grupo.
· En todo caso, cómpre ter en conta que o profesor avaliará e cualificará, non a correcta comprensión do tema, senón o esforzo por chegar a comprendelo. Así, a errónea definición ou mala interpretación de conceptos ou ideas que se expoñen por primeira vez en clase non serán avaliadas negativamente. Si o serán no caso de que se trate de conceptos ou ideas xa explicados previamente en clases anteriores.
3. Desenvolvemento de procedementos de traballo filosófico
· Tamén a partir da formación de grupos de traballo (que poderán ser os mesmos ou distintos dos encargados de expor os temas), trimestralmente realizarase un traballo sobre os temas que se vaian tratando ao longo do curso, desenvolvendo algúns dos procedementos contemplados no libro de texto (ver programación).
· O profesor presentará os materiais a partir dos que se efectuará o traballo e explicará os pasos e procedementos a aplicar. Estes materiais e explicacións serán expostas no blog do departamento de Filosofía.
· Este traballo iniciarase na aula pero terá que ser continuado e concluído polo grupo de traballo fóra de clase, respectando os prazos que en cada caso se explicitarán no blog.
· A avaliación deste traballo será conxunta (a mesma nota para todos os compoñentes do grupo) agás que cada membro do grupo precise a parte do traballo que ten desenvolvido.

4. Exercicios escritos
· Concluída a exposición e revisión dun tema na clase, realizarase un exercicio escrito que constará dun texto acompañado de tres preguntas (agás algún caso en que se prescindirá de texto como no tema de Lóxica): a primeira consistirá nunha análise e comentario de texto, máis outras dúas preguntas de carácter específico ou xeral. A primeira pregunta valorarase cun 4 de nota máxima, e as dúas restantes cada unha cun 3 (agás casos excepcionais, que serán precisados previamente).
· Se se utilizase un mapa conceptual como apoio para a análise de texto, cómpre ter en conta que este debe ir acompañado da análise argumentada e desenvolvida. O mapa conceptual sen ese acompañamento carece de valor.
· O calendario aproximado destes exercicios escritos é detallado na programación final.
· Todo exercicio que reciba unha avaliación negativa (inferior a 4,5) poderá ser recuperado polo alumnado. As datas de recuperación deberán ser fixadas polo propio alumnado, previa consulta co profesor (agás o exercicio de recuperación final, que será inmediatamente antes da avaliación final).

5. Avaliación trimestral
Do que levamos dito, séguese que a avaliación trimestral será o resultado da media das avaliacións das exposicións de grupo en clase, os exercicios escritos e o desenvolvemento dos traballos no blog.

6. Investigación sobre un tema de interese filosófico
· Os grupos de traballo (que poderán ser os mesmos ou outros formados ad hoc) deberán realizar un traballo de investigación filosófica en profundidade sobre un tema de libre elección, se ben o profesor suxerirá varios posibles temas.
· O procedemento de investigación filosófica é explicado no apartado final da Unidade 15 do libro de texto.
· Antes das vacacións de Nadal, o alumnado deberá decidir sobre que tema de traballo quere investigar.
· O mes de xaneiro comezarán os traballos previos de investigación.
· O profesor atenderá as consultas do alumnado para revisar os primeiros pasos da investigación, axudándoo a seleccionar a hipótese ou hipóteses a comprobar, determinar a metodoloxía da investigación e planificar os pasos para o seu desenvolvemento.
· Durante o segundo trimestre os grupos de traballo realizarán fóra das horas de clase as súas respectivas investigacións. En todo momento poderán contar co apoio e asesoría do profesor.
· O resultado da investigación deberá ser entregado na primeira quincena do mes de maio (agás que o profesor especifique algo noutro sentido).
· A avaliación deste traballo de investigación sumará un punto á nota final, no caso de que que sexa considerado notable a xuízo do profesor, e dous, se é considerado sobresaliente. Con todo, nunca significará unha diminución da nota que nese momento os alumnos ou alumnas teñan como media. Se o traballo é xulgado como moi deficiente, deberá ser repetido. Se o traballo non é presentado no prazo debido, implicará o suspenso do alumno ou alumna, ata que sexa finalmente entregado. En caso contrario, deberá ser presentado en setembro para que o alumno ou alumna poida acadar o aprobado, como mínimo.

7. Avaliación final
A avaliación final obterase aplicando a media das notas obtidas nos tres trimestres máis a da investigación. Se a nota media final non acada 4,5, o alumno ou alumna non obterá o aprobado e deberá recuperar en setembro os contidos nos que non ten amosado coñecemento suficiente, de acordo co que o profesor indique.

PROGRAMACIÓN DO CURSO
(Poderá sufrir modificacións)

Setembro
O saber filosófico (Unidade 1)
Definición de filosofía. Partes da Filosofía.
Diferencias entre Filosofía e ciencias. Clasificación das ciencias.
O mapa conceptual (Unidade 5)

Outubro
Teoría do coñecemento. Coñecemento e verdade (Unidade 2).
O debate e o discurso argumentativo (Unidades 2, 3 e 12).
Novembro
Lóxica. A argumentación correcta (Unidade 3).
Dilemas e falacias (Unidade 9).
A investigación filosófica (Unidade 15)

Decembro
Epistemoloxía. A racionalidade científica (Unidade 4)
Como considerar científica unha argumentación (Unidade 4).

Xaneiro
Antropoloxía (1). O proceso de hominización (Unidade 5). Por que non somos iguais. O biolóxico e o cultural (Unidade 6).
Redacción dun texto filosófico (Unidade 8).
A disertación (Unidade 10).

Febreiro Antropoloxía (2).
Socialización e endoculturación (Unidade 7).
Do homo sapiens ao homo loquens. A dimensión simbólica do ser humano (Unidade 8).
Inferencias, dilemas e análise de textos (Unidade 11). Poderase

Marzo
Ética e Filosofía moral. Nin deuses nin bestas, humanos (Unidade 9).
Á procura da felicidade: o individuo (Unidade 10).
Por mor do deber: a persoa (Unidade 11).
O comentario de texto (Unidade 14).

Abril
Filosofía política (1). O dereito e a xustiza: o cidadán (Unidade 12).
Formas de lexitimación e lexitimidade democrática (Unidade 15).
A crítica na política (Unidade 13).

Maio
Filosofía política. A orixe da sociedade e do Estado (Unidade 13). A constitución civil debe ser repubicana (ao modo kantiano) (Unidade 14).
O futuro da democracia (Unidade 15).
A investigación filosófica (Unidade 15).

Xuño
Filosofía política. A nación e o Estado en tempos de globalización (Unidade 15).
Traballo con mapas (Unidade 16).
Exposición en clase dos traballos de investigación.
Exercicios de recuperación final.

« Ant.