Este traballo non ten límite de extensión e debe ser entregado como data límite antes do venres 17 de febreiro mediante envío ao blog.
O traballo debe desenvolverse a partir da lectura do texto seguinte. As dificultades de comprensión que se poidan suscitar, poden ser resoltas mediante consultas ao profesor, ben sexa directamente ou a través de comentarios ao blog.
AS NEUROCIENCIAS E O PROBLEMA MENTE - CORPO
A POSICIÓN DE DAMASIO

Antonio Damasio é un prestixioso neurocientífico estadounidense de orixe portuguesa. Partindo das achegas da neurociencia, Damasio rexeita a escisión entre “mundo mental” e “mundo físico”, presente en boa parte da tradición filosófica e que tería a súa orixe na falsa “intuición” de que os fenómenos mentais (a conciencia, o eu) constitúen unha realidade distinta e separada dos fenómenos físicos. Así, el identifica no cerebro a base física e corpórea de todos os fenómenos mentais e salienta a capacidade do sistema nervioso para comunicarse, a través de sinais químicas e neuronais, con calquera parte do corpo. Mediante esa comunicación, o cerebro ten a capacidade de transformar os estados corporais (a través de ordes dirixidas ao sistema muscular, por exemplo, pero tamén doutras ordes dirixidas a construír determinados estados emocionais) e tamén de simulalos. Todo isto explicaría que os fenómenos mentais (que inclúen a construción da conciencia persoal, o que Damasio chama a “identidade reflexiva” ou tamén o “eu autobiográfico”) non sexan simple resultado mecánico, por así dicir, de determinados estados da máquina corporal, senón que á súa vez estes fenómenos poden producir transformacións destoutros estados. Non hai, logo, separación entre mente e cerebro, entre “alma” e “corpo”. A mente é produto do cerebro, e este unha parte do corpo. Pero o corpo é á súa vez, en todo momento, influenciado polas construcións mentais.
O DUALISMO CARTESIANO

René Descartes foi un filósofo francés do século XVII, considerado o “pai” da filosofía moderna e un dos principais representantes da concepción dualista entre alma (mente) e corpo. Un dos seus principais argumentos a favor desta tese pode resumirse así: Descartes anda na procura de algunha afirmación que poida superar toda dúbida (é o inicio do que el denomina “dúbida metódica”, a dúbida como método ou procedemento para acceder a unha verdade indiscutible). Desbota así as aparentes evidencias de orixe sensible (empíricas) porque se decata de que todas elas están sometidas a incerteza. Aplicando a dúbida hiperbólica (é dicir, levando a dúbida ata a máxima esaxeración), procede a considerar falsas todas as ideas derivadas da percepción sensible. Polo tanto, é falso que existan fóra da miña mente corpos cunha extensión, figura e movemento. Isto quere dicir, logo, que admito como falso que eu mesmo sexa un corpo. Obrígame iso a considerar que eu non son nada? En absoluto, posto que, por moito que dubide, non podo dubidar de que dubido e, se dubido, son, existo. Isto quere dicir, logo, que a miña existencia pode ser concibida á marxe da existencia do corpo; en consecuencia, conclúe Descartes, eu son algo máis que corpo (“res extensa”, algo material que ocupa un lugar no espazo), eu son pensamento (“res cogitans”, algo pensante). Deste modo, cre Descartes que queda probado que o pensamento ou espírito (a alma) é algo substancialmente distinto do corpo e que ademais a existencia do eu como pensamento é indubidable (non pode ser pensada sen contradición: pensar “eu penso que eu non son pensamento” é absurdo por contraditorio) mentres que, en cambio, a existencia do eu como corpo si é cuestionable (pode ser pensada como inexistente sen caer en contradición: pensar “eu penso que eu non son corpo” non é contraditorio).
A CRÍTICA DO REDUCIONISMO CIENTIFISTA POR JUAN ARANA
Na súa contribución ao libro colectivo Neurofilosofía. Perspectivas contemporáneas, Juan Arana admite que o dualismo substancialista cartesiano é discutible na medida en que se basea no concepto de “substancia” propio da tradición metafísica occidental (“substancia” é algo que existe en si, fronte ao “accidente” que existe noutro; así, por exemplo, Sócrates é un ser humano que constitúe unha substancia que existe por si mesma, mentres que alto ou baixo, sabio ou ignorante, son cualidades accidentais que para seren precisan ser na substancia Sócrates, ou noutra substancia análoga) que a filosofía contemporánea ten cuestionado (agora imos prescindir aquí das bases dese cuestionamento). Pero en cambio considera inadmisible que a partir dese cuestionamento se reduza o pensamento e, con el, o ser do suxeito pensante (o “eu”) a simples conexións neuronais por complexas que estas sexan. Rexeita así os intentos de facer unha neurofilosofía que sería a descrición mecánica dos procedementos físicos que rexen a actividade cerebral e, xa que logo, apenas un comentario dos resultados das neurociencias. Isto é o que se adoita chamar “reducionismo cientifista”, isto é, a pretensión de que a filosofía non pode aspirar a procurar respostas aos enigmas da existencia humana máis alá dos resultados que a ciencia proporciona. En relación coa cuestión da natureza do “eu”, do suxeito pensante, é reducionista pensar que as explicacións das neurociencias son suficientes para dar conta de toda a enorme complexidade dos comportamentos mentais conscientes e inconscientes. As neuronas non pensan, conclúe Arana citando a un autor que non nomea, logo a suma de neuronas tampouco poden dar lugar a pensamento (a suma de moitos ceros segue a ser cero). O pensar, logo, é algo máis que un gran número de neuronas conectadas.

A POLÉMICA ENTRE DENNETT E CHALMERS
Este debate (entre reducionismo cientifista e filósofos antirreducionistas) reprodúcese na discusión entre os filósofos estadounidenses Daniel C. Dennett (A conciencia explicada. Unha teoría interdisciplinar, 1991; Doces soños. Atrancos filosóficos para unha ciencia da conciencia, 2005) e David J. Chalmers (A mente consciente. Na procura dunha teoría fundamental, 1996), o primeiro “reducionista”, o segundo “antirreducionista”. Este último defende que a existencia da “conciencia” (o “eu”) é algo intuitivo, isto é, inmediato e indubidable (no que segue a Descartes, e era algo que tamén reivindicaba Arana) e que os intentos reducionistas de explicala mediante as neurociencias cometen o erro de reducir os fenómenos mentais á “mente psicolóxica”, sen decatarse de que tamén existe a “mente fenoménica”. Así, mentres que a primeira pode ser explicada cientificamente, por medio de leis físico – químicas, a segunda non. Exemplo de estados fenoménicos son os “qualia”, isto é, as experiencias suxeitivas de determinadas cualidades que non poden ser explicadas sen reducionismo ás relacións causa – efecto que explican as ciencias. En consecuencia, isto obriga a recuperar o dualismo mente – corpo (actualización do vello dualismo substancialista cartesiano). Para probar que isto é así, Chalmers propón varios “experimentos mentais” (experimentos imaxinarios, concibibles mentalmente aínda que imposibles de aplicar na realidade física) dos que seleccionaremos dous. O primeiro é o da existencia dun mundo paralelo de zombis e di, en síntese, así: nada nos impide concibir un mundo paralelo ao noso onde existirían individuos exactamente idénticos a nós, coa mesmo estrutura corpórea incluída a mesma complexidade cerebral, que con todo non estarían dotados de conciencia de si, isto é, de mente consciente ou eu (ou sexa, un clon noso zombi); se podo concibilo, entón é posible aínda que non sexa real e, se é posible, isto proba que a conciencia (mente) precisa dunha explicación secundaria distinta da simple explicación da parte física (corpórea) do ser humano. O segundo é o chamado “experimento de Mari”: Mari sería unha completísima especialista de intelixencia artificial, capaz de aplicar eses coñecementos ao funcionamento do cerebro humano, mais Mari vive recluída nunha habitación pintada con cores brancas e negras e coa única conexión co mundo exterior a través dun ordenador dotado dunha pantalla de branca e negro; aínda que Mari coñeza as bases físicas que explican a percepción das cores, cando Mari saia da habitación, ou reciba na habitación algún obxecto dotado de cores (distintas do branco e negro), terá unha experiencia nova que o coñecemento teórico previo non explica de ningún xeito; esa experiencia nova é o que denominamos “experiencia consciente” e en consecuencia a conciencia presupón un engadido adicional ao simple proceso físico, que non pode ser explicada mediante as leis que explican os procesos físicos en xeral.

Fronte a Chalmers, Dennett asegura: 1, que o dualismo mente – corpo está tan inxustificado como o dualismo substancialista cartesiano; os fenómenos mentais, incluída a conciencia, non son outra cousa que a manifestación dos procesos físico – químicos que ocorren nas complexas conexións neuronais que constitúen o cerebro humano. 2, que, xa que logo, a conciencia pode ser explicada mediante os estudos que están a desenvolver as neurociencias e non se precisa de ningunha explicación adicional. 3, que os fenómenos mentais que ata o de agora non foron explicados pola ciencia só poden ser resoltos no futuro con novas achegas científicas, sen que as especulacións metafísicas de certos filósofos poidan proporcionar explicacións substitutorias. 4, que, polo tanto, non hai ningún “enigma” ou “misterio” da conciencia senón problemas que a ciencia aínda non ten descifrado, do mesmo xeito que noutros campos tamén permanecen certos fenómenos inexplicados e a ninguén se lle ocorre que poidan chegar a explicarse por medios distintos dos medios científicos. 5, que o método científico esixe procedementos de carácter “heterofenoménico” (que permitan a observación e comprobación experimental dos fenómenos por parte de terceiros) o que exclúe como procedemento básico o método da introspección (a análise persoal da experiencia mental) usado polos filósofos da mente da corrente de Chalmers. Como retruca Delnett aos experimentos mentais de Chalmers? Sobre a hipótese dos zombis é contundente: “Algúns filósofos pensan que poden concibir un zombi, pero están completamente equivocados.” Isto é: como os zombis non existen realmente (o que recoñece o propio Chalmers), a existencia imaxinaria dos zombis non pode ser adoptada como proba de nada. En canto ao experimento de Mari, Dennett pensa que, se fose certo que Mari tivese ese completo coñecemento que o experimento lle atribúe, Mari non se sorprendería en absoluto cando puidese ter a experiencia directa da cor (por exemplo, se se lle amosase un obxecto dunha determinada cor) senón que, moi ao contrario, recoñecería perfectamente esa cor (sabería, aínda que fose a primeira vez que a vía, que a cor vermella é vermella). En palabras do propio Dennett: “,,, Mari xa tería deducido, valéndose do seu vasto coñecemento da ciencia da cor, o que se sinte exactamente ao ver algo vermello, algo amarelo ou algo azul antes de pasar pola experiencia.”
A partir do resumo que aquí acabamos de expór (que ti podes complementar mediante lecturas adicionais dos textos que se citan máis abaixo), ti debes desenvolver o teu punto de vista, para o cal:
- Debes identificar que puntos de vista e que argumentos dos autores citados che resultan convincente, e cales non, e por que razóns.
- Debes ter en conta que de ningún xeito podes estar de acordo con argumentos contraditorios entre si, polo que é conveniente que identifiques asemade cales son eses argumentos contraditorios (isto é: que se é verdadeiro un, o contraditorio é necesariamente falso).
- Pode, en cambio, ser posible que os dous argumentos contraditorios sexan igualmente falsos. Nese caso, ti deberías expór o teu propio argumento alternativo, desenvolvendo debidamente as razóns polas que o consideras superior aos anteriores.
- Finalmente e a xeito de conclusión, deberás presentar, de xeito debidamente xustificado, o teu propio punto de vista sobre os principais problemas analizados: 1, poden as neurociencias explicar o “enigma” da conciencia ou se precisan explicacións adicionais non reducibles ao estrito modelo científico? 2, o cientifismo fai innecesaria unha filosofía da mente para alén da explicación neurocientífica? (posición reducionista) ou, pola contra, segue a ser precisa unha filosofía baseada na introspección? (posición non reducionista). 3, segue a ser necesario un dualismo mente – cerebro ou pola contra a mente non é máis que a manifestación das conexións neuronais que constitúen a estrutura física cerebral?
REFERENCIAS BIBLIOGRÁFICAS
David J. Chalmers: La mente consciente. En busca de una teoría fundamental. Gedisa.
Antonio Damasio: Y el cerebro creó al hombre*. Destino.
Daniel C. Dennett: Dulces sueños. Obstáculos filosóficos para una ciencia de la conciencia. Katz.
René Descartes: Meditaciones metafísicas*.
Diosdado, Rodríguez Valls e Arana ed.: Neurofilosofía. Perspectivas contemporáneas. Thémata / Plaza y Valdés.
(Os libros marcados con asterisco están dispoñibles na biblioteca do centro para quen queira consultalos. Quen desexe consultar calquera dos restantes, debe solicitalo ao profesor)