PROXECTO CURRICULAR DA E.S.O.
1. INTRODUCCIÓN
2. FINALIDADES
3. OBXECTIVOS XERAIS DA E.S.O.
4. METODOLOXÍA
4.1. Principios xerais
4.2. Metodoloxía ó inicio de curso
4.3. Metodoloxía xeral de aplicación na aula
5. A BIBLIOTECA E OUTRAS FONTES DE INFORMACIÓN
6. AVALIACIÓN
6.1. Avaliación inicial
6.1.1. Procedemento da avaliación inicial
A. Análise das características xerais do grupo
B. Análise de casos particulares
C. Unha vez acabada a avaliación inicial
6.2. Avaliación formativa
6.3. Avaliación sumativa
6.4. Procedementos para avaliar o proceso da aprendizaxe
6.5. Criterios xerais sobre a avaliación das aprendizaxes
6.6. Criterios para a promoción de curso
6.6.1. Criterios para a promoción ou non promoción de curso
6.6.2. Criterios para a obtención do título
6.6.3. Recuperación de materias pendentes
7. TEMAS TRANSVERSAIS
ALUMNOS DE BACHARELATO
CRITERIOS DE PROMOCIÓN
PROXECTO CURRICULAR DA E.S.O.
Segundo o Decreto 78/1993, do 25 de febreiro, polo que se establece o currículo da educación secundaria obrigatoria en Galicia, correspóndelle ós equipos docentes dos centros, neste caso do I.E.S. Otero Pedrayo de Ourense,a elaboración do presente proxecto curricular.
1. INTRODUCCIÓN
O sistema educativo vixente ten unha decidida orientación formativa para o conxunto da Educación Secundaria Obrigatoria. Así, máis que unha transmisión de información e de coñecementos, preténdese acompañar e promover o desenvolvemento de capacidades que favorezan a formación integral dos alumnos como persoas autónomas, solidarias, críticas, cunha imaxe axustada de si mesmos, capaces de reflexionar, de relacionarse... Baixo esta dimensión formativa debe propoñerse todo o percorrido da Secundaria Obrigatoria. Ademais intentaremos que os nosos alumnos / alumnas adquiran un hábito de traballo e unha valoración e das distintas disciplinas, pois deste xeito a súa formación será integral.Ademais, promoverase unha educación da vontade que lles capacite para a toma de decisións e para o cumprimento dos seus deberes.
Por tratarse dun tramo de ensino obrigatorio, a ESO pretende atender as necesidades educativas de tódolos alumnos, ó mesmo tempo que ten un forte carácter comprensivo. Deste xeito, permite e facilita a atención á diversidade en función de diversos intereses e aptitudes dos alumnos e das alumnas.
A escolarización obrigatoria ata os 16 anos leva consigo que nos centros educativos teñamos a necesidade de diferenciar entre escolares e estudiantes rpocurando satisfacer as necesidades diferentes de cada un dos colectivos e procurando converter a maioría de escolares en estudiantes.
2. FINALIDADES
As finalidades desta etapa son:
• Transmitir a tódolos alumnos e alumnas os elementos básicos da cultura.
• Formalos para asumi-los seus deberes e exerce-los seus dereitos.
• Preparalos para a súa incorporación á vida activa ou para o acceso á educación secundaria postobrigatoria, potenciando as súas habilidades.
• Promover as capacidades persoais e axudalos no descubrimento da súa propia orientación persoal e vocacional.
3. OBXECTIVOS XERAIS DA E.S.O.
I.- Comprender e producir mensaxes orais e escritas con propiedade, autonomía e creatividade nas linguas galega e castelá e, polo menos nunha lingua estranxeira.
Na sociedade actual obsérvase unha pobreza lingüística considerable. Este feito afecta da mesma maneira tanto á lingua galega como a castelá. Mencionar que é moito máis problemático no caso das linguas estranxeiras, xa que é a consecuencia da mala base que teñen nas outras linguas. Polo tanto, cando se traballe neste obxectivo deberase facer fincapé nos seguintes aspectos:
• A aprendizaxe da lingua deberá ser prioritaria no conxunto do profesorado.
• Ofertarase algunha optativa que axude a consolidar os aspectos máis funcionais da lingua.
• Traballarase a lectura comprensiva en todas as materias. Os departamentos detallarán, respectando a autonomía do profesorado, o método a seguir.
II.- Interpretar e producir con propiedade, autonomía e creatividade mensaxes que utilicen códigos artísticos, científicos ou técnicos co fin de enriquecer as súas posibilidades de comunicación e reflexionar sobre os procesos implicados no seu uso. Desde as áreas de expresión plástica e visual, tecnoloxía, literatura, música, sociais... desenvolveranse hábitos creativos que predispoñan para o goce artístico a través do emprego dos distintos tipos de linguaxe.
III.- Obter e seleccionar información utilizando as fontes nas que habitualmente se atopa dispoñible, tratala de forma autónoma e crítica, cunha finalidade previamente establecida, e transmitila ós demais de maneira organizada e intelixible.
Tendo en conta que a E.S.O. pretende que sexan os propios alumnos os que constrúan a súa propia aprendizaxe, con este obxectivo fórmase espírito investigador e crítico de tal maneira que se afaste do estudio excesivamente memorístico.
IV.- Elaborar e desenvolver estratexias de identificación e resolución de problemas nos diversos campos do coñecemento e da experiencia, mediante procedementos intuitivos e de razoamento lóxico, contrastándoas e reflexionando sobre o proceso seguido.
Este será un obxectivo prioritario para a área científico-tecnolóxica que fomentará o razoamento máis que o estudio memorístico.
V.- Formarse unha imaxe adecuada de si mesmos, das súas características e posibilidades e desenvolver actividades de forma autónoma e equilibrada, valorando o esforzo e a superación das dificultades.
Este é un obxectivo prioritario para tódalas áreas. Dado que o ambiente sociocultural no que viven os alumnos, ás veces, pode que non permita o desenvolvemento persoal dunha maneira positiva, será o centro o que permita un coñecemento de si mesmos para que sexan capaces de tomar decisións en función das súas potencialidades. Tamén será prioritario que tódolos profesores valoren o esforzo e a superación das dificultades dada a escasa motivación e deficientes hábitos de traballo imperantes na sociedade actual.
VI.- Aprender a colaborar, traballar en equipo, adquirir hábitos de comportamento que favorezan a convivencia (civilidade), a resolver conflictos e a desenvolver destrezas afectivas e interrelación. Para todos isto desenvolverase a destreza básica do diálogo, para que o alumnado tome a súa propia palabra.
VII.- Adquirir e desenvolver hábitos de comportamneto e respecto como condición necesaria para unha realización eficaz das tarefas educativas e desenvolver actitudes solidarias e tolerantes con tódalas persoas, malia as diferencias sociais, relixiosas, de sexo e de raza, superando prexuízos con espírito crítico, aberto e democrático.
Este obxectivo é importante no concepto dunha educación libre, tolerante e aberta. Fomentarase dende tódalas áreas. Neste centro, en particular, existe un número importante de alumnos inmigrantes.
VIII.- Lograr unha ponderada actitude crítica que lles permita participar na sociedade e na cultura mediante a educación na liberdade responsable.
Este obxectivo debe formar parte de tódolos contidos actitudinais de tódalas áreas, e débese continuar co obxectivo da educación en valores.
IX.- Coñece-las crenzas, actitudes e valores básicos da nosa tradición e patrimonio cultural, valoralos criticamente e elixir aquelas opcións que mellor favorezan o seu desenvolvemento integral como persoas. Con este obxectivo preténdese que os nosos alumnos coñezan, se identifiquen e respecten a súa cultura.
• Analiza-las leis e os procesos básicos que rexen o funcionamento da natureza, valora-las repercusións que sobre el teñen as actividades humanas e contribuír activamente á súa defensa, conservación e mellora como un elemento determinante da calidade de vida.
Este será un obxectivo prioritario da área de Ciencias da Natureza, e que conecta co medio físico e urbano en que se moven a maioría dos nosos alumnos. Intentarase que os alumnos participen activa e criticamente na solución de moitos dos problemas que a sociedade afronta no uso, disfrute e conservación do medio ambiente.
X.- Coñecer e valora-lo desenvolvemento científico e tecnolóxico, as súas aplicacións e a incidencia no seu medio físico e social, e utiliza-las tecnoloxías da información e comunicación nos procesos de ensino-aprendizaxe.
Trátase dun obxectivo específico da área de tecnoloxía porque incrementa a funcionalidade dos saberes adquiridos a través da resolución de problemas prácticos reais e a toma de decisións ante situacións concretas. Por outra parte desenvolver capacidades de inserción e actuación social facilitando o tránsito da escola á vida activa e adulta.
XI.- Coñece-los diferentes elementos básicos do corpo humano e comprendelo seu funcionamento, así como as consecuencias para a saúde do exercicio físico, a hixiene, a alimentación e a vida sa. Este obxectivo será prioritario nas disciplinas de Educación Física e Naturais. Tamén este obxectivo se traballa en temas transversais e forma parte das prioridades do centro, tendo en conta que no medio no que vive o alumnado non sempre se dan as condicións alimentarias adecuadas.
XII.- Analiza-los mecanismos e valores que rexen o funcionamento da sociedade, en especial ós relativos ós dereitos e deberes da cidadanía, e adoptar xuízos a actitudes persoais con respecto a estes.
XIII.- Coñecer e aprecia-lo patrimonio natural e cultural e contribuír activamente á súa conservación e mellora, desenvolvendo unha actitude de interese e respecto pola dimensión pluricultural e plurilingüística, entendida coma un dereito dos pobos e dos individuos á súa identidade. Promoverase a valoración da realidade plurilingüe do Estado como unha manifestación de riqueza e diversidade, e a estima da lingua de Galicia, facendo uso dela con normalidade en tódalas situacións de comunicación, e asumindo unha actitude crítica perante os prexuízos lingüísticos existentes no noso contorno.
XIV.- Promocionar hábitos de participación democrática a través da participación nos foros ad hoc do propio centro educativo.
4. METODOLOXÍA
4.1. Principios xerais:
Os principios de aprendizaxe e intervención educativa de carácter xeral que guiarán a toma de decisións do equipo docente do noso centro en canto á planificación do traballo en tódalas áreas son as seguintes:
a) Asegurar a construcción de aprendizaxes significativas deseñando actividades que permitan establecer ós alumnos relacións substantivas entre os coñecementos e experiencias previas e as novas aprendizaxes. Segundo as últimas teorías cognitivas, o coñecemento baséase máis na adquisición e desenvolvemento de contidos significativos ca na acumulación memorística de datos. Ausubel afirma ?De tódolos factores que inflúen na aprendizaxe o máis importante consiste no que o alumno xa sabe?.
b) Garantir no proceso do ensino a funcionalidade das aprendizaxes co fin de asegurar que poidan ser utilizadas nas circunstancias reais nas que o alumno as necesita.
c) Posibilitar que o alumno realice aprendizaxes significativas por si mesmo, é dicir, que sexan capaces de aprender a aprender, desenvolvendo habilidades e estratexias de planificación e regulación da propia actividade de aprendizaxe.
d) Preocuparse, nos proxectos e programacións, por reforzar os aspectos prácticos ós que tradicionalmente se reservou un espazo moi reducido e marxinal no currículo escolar.
e) Crear un clima de aceptación mutua e cooperación que favoreza as relacións entre iguais, a coordinación de intereses e a superación de calquera tipo de discriminación.
f) Prestar especial atención ós problemas que se presentan en relación á autoestima e equilibrio persoal e afectivo que poidan aparecer, debido ós importantes cambios que se producen no desenvolvemento fisiolóxico nos alumnos destas idades.
g) Converterse en protagonista do proceso de aprendizaxe e non en mero transmisor de coñecementos.
4.2. Metodoloxía ó inicio de curso:
Ó principio de curso manterase unha ou varias sesións informativas co alumnado en cada materia sobre os seguintes aspectos:
• Presentación persoal do profesor/ profesora.
• Conceptos, procedementos e actitudes a desenvolver na aula.
• Secuenciación aproximada da materia.
• Metodoloxía de traballo na aula.
• Procedementos e técnicas utilizadas para a avaliación.
• Enumeración dos obxectivos mínimos a conseguir que se colocarán no taboleiro da aula en cada avaliación.
• Criterios de avaliación a seguir.
• Realizar unha avaliación inicial que permita determinar o nivel de desenvolvemento do alumnado e realizar a necesaria adaptación curricular.
4.3. Metodoloxía xeral de aplicación na aula
Dadas as peculiaridades do alumnado do centro elaboramos unha serie de puntos como conxunto de regras comúns a tódalas áreas a ter en conta como metodoloxía xeral de aplicación na aula:
>> Establecer unha conexión secuencial entre os contidos. O alumno non debe ver os contidos do curso como bloques independentes. É obriga do profesor explicar ó alumno a interrelación existente entre os distintos contidos. Ademais procurará que o alumno teña sempre unha visión global do plan de traballo a seguir e da secuenciación dos temas por medio dun guión ou esquema.
>> Técnicas de traballo intelectual e de investigación. O profesor asesorará ó alumno nos seguintes aspectos:
• O guión: planificación da información que se vai desenvolver.
• Localización, selección e recompilación de fontes de información: bibliográfica, audiovisual, informatizada a través dos organismos de documentación (bibliotecas, museos, centros de documentación, institucións...)
• Pescuda, comparación, crítica e síntese da información procedente de diferentes fontes.
• Toma de notas de mensaxes orais ou de textos escritos.
• Conservación (orde, catalogación) e reprodución da información.
• A presentación (orde, limpeza, marxes, títulos, faltas de ortografía, caligrafía, índice...) dos traballos e do material elaborado.
• Resumos (regras para resumir). O alumno acostumarase a facer un esquema ó final de cada grupo de contidos que lle sirva como ferramenta de traballo á hora do estudo.
>> Controlar as faltas de ortografía en tódalas áreas. É deber dos profesores o control de todo tipo de faltas de ortografía do discurso e das palabras independentemente da área que se estea a impartir. Este control será tido en conta á hora de avaliar.
>> Potenciar o uso do diccionario na aula. Independentemente da materia que se estea a tratar, o profesor fomentará o uso do diccionario na aula co fin de ir acadando un enriquecemento do vocabulario do alumno.
>> Asesorar ó alumnado nas técnicas de estudio. O Departamento de Orientación estará disposto a asesorar ós profesores neste tema.
>> Fomentar o hábito de lectura. Ademais das recomendacións de libros para ler, o profesor intentará orientalos tamén na elección e análise crítica de programas de televisión, noticias de prensa...
• Cada alumno terá un caderno por materia. A elaboración e presentación do caderno (limpeza, marxes, caligrafía, ortografía...) converterase en requisito indispensable e polo que se obterá unha puntuación.
• A revisión e corrección dos cadernos ha de ser frecuente, polo menos unha vez por avaliación.
5. A BIBLIOTECA E OUTRAS FONTES DE INFORMACIÓN
A ensinanza escolar debe constituír debe contribuír a crear lectores competentes na utilización de diversos textos, promover actitudes reflexivas e críticas ante os diversos medios de información e espertar o interese pola lectura.
A recollida, selección, arquivo, recuperación e transmisión de información considerase coma unha aprendizaxe imprescindible e os alumnos deben dispor de estratexias precisas para aprender por si sós.
Procurarase que o horario de apertura da Biblioteca sexa mañá, tarde e serán para así satisfacer as necesidades dos alumnos do centro.
1º ESO
• Coñecer as normas de uso e comportamento da Biblioteca, así como os seus horarios.
• Inculcar no alumno a idea de que un libro é un obxecto que debe ser tratado con coidado, xa que é un ben de tódolos alumnos do centro.
• Promoverase o achegamento á Biblioteca coñecendo a súa organización e utilidade.
• Achegamento ás estratexias de busca de material.
• Adquirir e incrementar hábitos de lectura.
2º ESO
• Coñecer os elementos dun rexistro bibliográfico e a súa relación cos fondos da biblioteca.
• Asentar no alumno o sentimento de respecto polo libro que lle é entregado en préstamo.
• Identificar as partes do libro.
• Localizar os libros na Biblioteca.
3º ESO
• Comprender o concepto de obra de consulta e referencia.
• Emprego da hemeroteca como fonte de información.
• Usar correctamente a variada tipoloxía de obras de referencia segundo a maneira de almacenar información.
• Manexo doutros recursos e materiais de información, como poden se DVD, CD-ROM, e mesmo Internet.
• Reforzamento de hábitos de lectura.
• Afondar nas técnicas de procura de información para realización de traballos escolares.
4º ESO
• Coñecer os pasos a dar na elaboración dun traballo monográfico.
• Realizar citas bibliográficas.
• Reforzar hábitos de lectura.
6. AVALIACIÓN
A avaliación das aprendizaxes presenta fundamentalmente dúas funcións: unha de carácter social e orientadora do alumnado, que á súa vez é de clasificación , e outra de carácter pedagóxico, de regulación, ou de comprobación, do funcionamento do proceso de ensinanza-aprendizaxe. Estas dúas funcións, tanto a de orientación para o alumno como a de corrección do sistema de ensinanza-aprendizaxe, están fortemente relacionadas e, ás veces, entre elas hai conflicto.
Segundo o momento en que se realicen as avaliacións e tendo en conta o obxectivo que perseguen existen tres modalidades:
• Avaliación inicial: antes do proceso.
• Avaliación formativa: durante o proceso de ensinanza.
• Avaliación sumativa: despois da ensinanza.
6.1. Avaliación inicial
A Xunta de avaliación inicial realizarase como mínimo nos cursos establecidos e nos que o equipo educativo correspondente o demande e durante o primeiro mes do curso (antes do 15 de outubro). O titor ou titora aportará o informe de avaliación inicial no que aparecerán reflectidos os resultados xerais de todo o grupo nos diferentes apartados avaliados (nivel nas áreas instrumentais, resultados da enquisa inicial, resultados das probas psicométricas e do resto das áreas) para o cal todo o profesorado terá que aportar os resultados correspondentes para que o titor ou titora poida realizar o informe antes da Xunta de avaliación. Nesta tarefa os titores e titoras poderán solicitar a colaboración do Departamento de Orientación.
Ademais nesta Xunta de avaliación inicial o titor ou titora remitirá ó Departamento de Orientación, previa consulta co equipo educativo, as solicitudes de avaliación psicopedagóxica que considere oportunas en función das dificultades que atope no alumnado e tendo en conta os resultados das probas realizadas (solicitude de atención polo Departamento de Orientación).
6.1.1. Procedemento da avaliación inicial.
A. Análise das características xerais do grupo
• Informe do profesor-titor baseado -no seu caso• nos datos aportados polo cuestionario que cumprimentaron os alumnos, nos informes do curso anterior de que se dispoña, así como na propia percepción que o profesor-titor teña do grupo.
• Informe de cada profesor en relación coa súa área: actitude do grupo diante do área; resultados das probas de avaliación inicial efectuadas e valoración dos mesmos; medidas de carácter metodolóxico, organizativo ou de calquera outro tipo que deban introducirse na Programación Didáctica do Departamento; etc.
• ?Actuacións? que, dadas as características do grupo, son necesarias desde as diferentes instancias implicadas no proceso de ensino-aprendizaxe dos alumnos (Titoría, Xefatura de Estudios, Departamento de Orientación, e Equipo docente).
B. Análise de casos particulares
Só se recollerá información relativa a aqueles alumnos que sobresaian -por defecto ou por exceso nalgúns dos aspectos que se especifican a continuación.
• Lectura (silenciosa): Comprende o que le.
• Expresión oral: Exprésase con fluidez, facéndose entender.
• Expresión escrita:. Elabora un texto de forma organizada, mantendo a coherencia e a cohesión das ideas, respectando a convención ortográfica e respectando os criterios de corrección.
• Comprensión oral/escrita: Distingue as ideas principais das secundarias. Resume/esquematiza un texto.
• Razoamento lóxico: Ante unha situación problemática, sigue un proceso de razoamento lóxico para resolvela e, é capaz de extraer conclusións.
• Integración social: Relaciónase adecuadamente cos seus compañeiros e profesores, así como cos demais membros da comunidade educativa.
• Actitude diante do estudio: Traballa con regularidade e de forma organizada. Participa activamente no desenvolvemento das clases. Asiste ó centro de forma continua e cumpre co horario escolar.
C. Unha vez acabada a avaliación inicial
• Reunión do profesor-titor co grupo para comentar os principais acordos adoptados; e, de forma individual, con aqueles alumnos que, por diferentes motivos, requiran unha atención máis personalizada.
• Entrega por parte do titor, na Xefatura de Estudios, de dúas copias do Informe da avaliación do grupo, que servirá como acta da reunión. Unha destas copias pasará ó Departamento de Orientación.
6.2. Avaliación formativa
Na avaliación formativa teranse en conta os procedementos utilizados polo profesor coa finalidade de adaptar o seu proceso didáctico ós progresos e problemas de aprendizaxe observados nos seus alumnos.
6.3. Avaliación sumativa
Na avaliación sumativa estableceranse os resultados finais do proceso de ensinanza-aprendizaxe.
6.4. Procedementos para avaliar o proceso da aprendizaxe
Tendo en conta que os criterios da avaliación están definidos por cursos e por áreas nos diferentes Proxectos Didácticos, tratarase agora de determinar os procedementos para avaliar o proceso da aprendizaxe.
Preténdese que estes procedementos sexan o máis variados posible, que dean información concreta do que se pretende avaliar e que utilicen distintos códigos verbais. Nos proxectos didácticos propóñense distintos instrumentos da avaliación que se resumen da seguinte maneira:
1. Observación a través de escalas, listas de control, diarios da clase.
2. Análise das produccións dos alumnos a través de monografías, resumes, traballos de aplicación e síntese, caderno de clase, resolución de problemas, textos escritos, produccións orais, plásticas, musicais motrices, investigacións, xogos de simulación e dramáticos.
3. Intercambios orais cos alumnos a través de diálogos, asembleas,, postas en común,...
4. Probas específicas que poden ser obxectivas, abertas, interpretación de datos, exposición dun tema, resolución de exercicios e problemas, probas de capacidade motriz.
5. Cuestionarios.
6. Gravacións no magnetófono ou vídeo e análise posterior.
7. Observar o medio externo.
Non é necesario utilizalos todos, pero cada área recoñécese fundamentalmente nalgún deles. Do mesmo xeito, non todos estes procedementos avalían o mesmo tipo de contido, xa que uns son axeitados para avaliar conceptos, e sen embargo, non o son para os procedementos e as actitudes. Tamén teremos en conta as diferencias individuais que existen entre os alumnos con respecto a instrumentos que lles resultan máis adecuados que outros.
6.5. Criterios xerais sobre a avaliación das aprendizaxes
Tendo en conta que os criterios de avaliación están definidos en cada programación didáctica da área establécense os seguintes criterios xerais:
• En cada área realizarase unha avaliación inicial do alumnado que sirva de referente á hora de valorar a posterior evolución das aprendizaxes.
• Realizaranse tres avaliacións ó longo do curso para informar ó alumnado e á súa familia da evolución das súas aprendizaxes.A terceira avaliación será a global de cada curso, o mesmo cá avaliación extraordinaria.
• As cualificacións con que será avaliado cada alumno irán desde 0 ata 10. Na primeira e segunda avaliación cando se produza unha ausencia prolongada do alumno, ou profesor, poderá omitirse a nota de cualificación.
• Cando un alumno sexa obxecto dunha adaptación curricular, os criterios de avaliación deberán ser coherentes con tal adaptación. Esta circunstancia farase constar nos distintos documentos.
• Cada departamento fixará as medidas de recuperación do seu alumnado, tanto as recuperacións das avaliacións suspensas como os pendentes do curso anterior. O alumnado pendente terá unha atención a cargo do departamento correspondente.
• Cando un alumno que asiste a unha clase de reforzo, obtén máis de un cinco na cualificación, regresará á clase de referencia, se así o aproba a Xunta de Avaliación, a proposta, ou previo informe do profesor.
• Deberá haber coordinación entre o profesor titular da materia e o de reforzo da mesma materia, para que as probas de avaliación sexan o máis semellantes posible.
• O alumnado repetidor terá unha programación e unha atención específica se houbese horas lectivas dispoñibles.
6.6. Criterios para a promoción de curso
6.6.1. Criterios para a promoción ou non promoción de curso
1. Promocionará ó curso seguinte o/a alumno/-a que aprobe tódalas materias do curso.
2. Se despois da avaliación extraordinaria foi cualificado negativamente en unha ou dúas materias, promocionará ó curso seguinte con ditas materias pendentes de superación.
3. Con 3 materias suspensas o equipo docente, excepcionalmente, poderá decidir a promoción se considera que a natureza das dificultades non lle impedirá seguir con éxito o curso seguinte, que ten expectativas favorables de recuperación e que a dita promoción beneficiará a súa evolución académica. Polo que se establecen os seguintes criterios:
• Se a suma da cualificación global das tres materias non superadas é inferior a 11 puntos non promociona.
• Se o alumno chegase a amosar durante o curso unha actitude negativa, ou de abandono, dalgunha materia suspensa, non promociona.
4. Con máis de 3 materias suspensas repítese só unha vez por curso e, con carácter xeral, como máximo dúas veces en toda a ESO. Se xa se repetiu dito curso, ou máis de dúas veces promociona ó curso seguinte coas materias suspensas como pendentes. Excepcionalmente, o alumnado poderá repetir unha segunda vez o cuarto curso se non repetise nos cursos anteriores.
5. A efectos de promoción de curso se se chegase a non superar estas dúas materias -Física e Química de 3º ESO e Bioloxía e Xeoloxía de 3º ESO- contarían ámbalas dúas como unha única materia. Noutros casos seguirase o procedemento normal.
6.6.2. Criterios para a obtención do título
1. Acadará a titulación o/a alumno/-a que aprobe tódalas materias do curso.
2. Se despois da avaliación extraordinaria foi cualificado negativamente en unha ou dúas materias, e excepcionalmente en tres, poderá obter o título sempre que o equipo docente que imparte no grupo considere que a natureza e o peso destas no conxunto da etapa non lle impediu alcanzar as competencias básicas e os obxectivos da etapa. Polo que se establecen os seguintes criterios:
• Con 1 materia suspensa:
Se a cualificación numérica é tres ou máis de tres, e o alumno non amosou unha actitude negativa, ou de abandono da materia, proporase para título.
• Con 2 materias suspensas:
Se a suma da cualificación das dúas materias suspensas é igual ou superior a 7 puntos, e o alumno non amosou unha actitude negativa, ou de abandono da materia, proporase para título.
• Con 3 materias suspensas:
Se a suma da cualificación global das tres materias non superadas é igual ou superior a 11 puntos e o alumno non amosou unha actitude negativa, ou de abandono da materia, proporase para título.
3. O alumnado con dezaoito anos cumpridos (no ano natural no que remata o curso) que non fose proposto para o título e teña avaliación negativa ata nun máximo de cinco materias disporá, durante os dous anos inmediatemante seguintes ao remate da súa escolarización, dunha convocatoria anual de probas para superar as materias con avaliación negativa*. Esta convocatoria terá lugar no mes de xuño e será incompatible con estar cursando ensinanzas de adultos ou coa presentación ás probas libres para obter o título de graduado en educación secundaria.
*O alumnado deberá solicitar a admisión ás probas durante a segunda quincena do mes de abril, na secretaría do IES.
Alumnos de Diversificación Curricular
Criterios de promoción de PDC 1 (3º ESO)
En Diversificación Curricular promocionarase de primeiro a segundo, independentemente do número de ámbitos ou materias suspensas.
Alumnos Pendentes de Diversificación
Téñense en conta os criterios xerais.
A avaliación das materias pendentes será responsabilidade do profesorado que imparta clase nel con coordinación do departamento implicado.
Criterios de titulación
1. O alumnado que curse un programa de diversificación curricular obterá o título de graduado en educación secundaria obrigatoria se supera todos os ámbitos e materias que integran o programa.
2. Así mesmo, poderá obter o título aquel alumnado que, tendo superados os dous ámbitos, teña avaliación negativa nunha ou dúas materias e, excepcionalmente, en tres se o equipo docente considera alcanzadas as competencias básicas e os obxectivos xerais para a etapa (aplicaranse os mesmos criterios que para o resto do alumnado de 4º ESO).
O alumnado que ao finalizar o programa de diversificación curricular non estea en condicións de acadar o título de graduado en educación secundaria obrigatoria e cumpra os requisitos de idade establecidos poderá permanecer un ano máis no programa.
6.6.3. Alumnos con materias pendentes de cursos anteriores
1. Establécese unha avaliación extraordinaria para os alumnos pendentes de materias de cursos anteriores no mes de maio.
2. Cada Departamento didáctico organizará todos os anos os seus programas de reforzo, de acordo con xefatura de estudos, dependendo dos recursos humanos dispoñibles:
a) De haber profesor específico de reforzo será este o responsable da avaliación no mes de maio.
b) De non haber profesor específico do programa de reforzo, será o Xefe de Departamento o responsable da avaliación do alumno no mes de maio, previa coordinación co profesor da materia, se esta é de igual denominación.
3. Cando se trata de materias de igual denominación a avaliación positiva dunha materia do curso superior implica a superación da mesma materia de igual denominación de curso inferiores.
7. TEMAS TRANSVERSAIS
Partimos do convencemento de que os temas transversais deben impregnar a actividade docente e estar presentes na aula de forma permanente, xa que se refiren a problemas e preocupacións fundamentais da sociedade e figuran nas distintas Programacións Didácticas dos Departamentos. Son:
• Educación ética e cívica
• Educación para a paz
• Educación para a saúde
• Educación ambiental
• Educación para o consumo responsable
• Educación para a igualdade de ambos sexos
• Educación afectivo-sexual
• Educación vial
• Educación para Europa
• Educación multicultural
• Educación cara os usos dos medios de comunicación
• Educación para a democracia
• Educación para o lecer
ALUMNADO DE BACHARELATO
CRITERIOS DE PROMOCIÓN
• O alumnado de 1º de bacharelato que aprobe todas as materias, ou teña unha ou dúas materias suspensas, promociona a 2º de bacharelato levando estas materias pendentes.
• Os que teñan máis de dúas materias suspensas repiten 1º de bacharelato na súa totalidade.
• Cando repitan por ter só 3 ou 4 materias suspensas, manterán a cualificación obtida anteriormente na mesma materia cando a nova cualificación sexa inferior. En calquera caso, este alumnado estará suxeito aos mesmos dereitos e obrigas que o alumnado que se matricula por primeira vez no bacharelato e a cualificación de materias xa superadas outorgarase na avaliación final ordinaria.