Biblioteca > Muller e Feminismo > Literatura Galega de Muller

Gran acontecemento literario!!!

A biblioteca do noso centro foi seleccionada en xullo do 2005 dentro do Plan de Mellora das Bibliotecas Escolares. Conforme a esta iniciativa, desenvolveu un amplo labor que polarizou no fomento da lectura e en actividades interdisciplinares que se concentraron nos Dereitos da Muller, con dous días básicos: o 25 de Novembro –Non á Violencia Doméstica- e o 8 de Marzo –Igualdade da Muller-; igualmente, as Letras Galegas tiveron unha homenaxe particular, dedicándose unha parte do alumnado a ler e estudar obras escritas por mulleres da nosa literatura galega.

Non maxinabamos termos un remate tan extraordinario: a presenza aquí no noso centro de nove figuras importantes da nosa literatura, de nove mulleres que destacan polo seu labor poético, novelístico, lingüístico, e, sobre todo, pola defensa do noso idioma dende o particular universo feminino, suxírennos seguirmos loitando por eses ideais que esperamos posúa a sociedade do futuro: unha sociedade sen violencia de xénero, sen loitas sexistas e unha sociedade galega non diglósica, unha sociedade que dende os centros de ensino debemos aprender a transmitir. Ogallá os nosos esforzos, individuais e colectivos, alén das nosas fronteiras particulares, sirvan como rochas e non como grans de area para que esa sociedade se instaure nun porvir non moi afastado. Esforzarémonos dende a biblioteca do centro en que este evento cultural sen precedentes non sexa un oasis no deserto, senón que se transforme nunha fervenza que chegue a océano de sabedoría e cultura.



ELVIRA RIVEIRO TOBÍO
BIOGRAFÍA: Naceu en Cerponzóns (Pontevedra) no ano 1971. Licenciouse en Filoloxía Galego-Portuguesa pola Universidade de Santiago de Compostela despois de ter cursado na súa cidade natal a diplomatura de Maxisterio. Completou a súa formación en Estudos Portugueses.
OBRAS: "Arxilosa", "Andar ao leu", "Das sonorosas cordas", ...
21 de marzo

Atroz o cometido do espello
a ollada escrutadora
teimoso o zoom impertinente

espelliño asasino máxico
quen non mente?
espelliño olláparo asegura
que se me abren sucos de versos en ruínas pola cara
sinais do seu silencio no fondo da garganta

é o día mundial da poesía
e eu cos poemas
rebentándome as tripas


INMA LÓPEZ SILVA
BIOGRAFÍA: Naceu en Santiago no ano 1978. É unha das novas narradoras galegas máis destacadas. Á súa novela Neve en abril , gañadora do Premio Rúa Nova, seguiron os relatos de Rosas, corvos e cancións . Con Concubinas obtivo o Premio Xerais 2002
OBRAS: "Concubinas", "Rosas, corvos e cancións" e "Neve en abril"

"O que pasa é que poucas amantes teñen que competir cunha esposa que chora ouro e que, polo tanto, multiplica fortunas. E moito menos unha amante ten que competir cun cento de amores que foron e viñeron única e exclusivamente para que as pebidas que chorou Helena Zumálave fosen grandes coma puños..."

Concubinas


DOLORES RUÍZ
BIOGRAFÍA: Naceu en Vigo no ano 1968. É licenciada en filoloxía hispánica e actualmente compaxina a preparación da súa tese de doutoramento sobre a poesía de Gloria Fuertes coa creación literaria e co seu primeiro traballo de guionista.
OBRAS: "Dentro da illa", "Historia invisible do bico Simón"

"A cociña desapareceu ao seu arredor e Frida notou que flotaba. Sentía unha dor moi forte na cabeza, moi forte, tanto que non era capaz de respirar. Quixo abrir os ollos e non puido, e soubo que afundía, máis e máis, e tanto lle tivo porque afundirse era como voar, incluso a dor quedaba atrás..."

Dentro da illa

 

ESTÍBALIZ ESPINOSA

BIOGRAFÍA: Naceu na Coruña en 1974. É poeta, actriz e cantante. Licenciada en Socioloxía e Filoloxía Hispánica pola Universidade da Coruña. Profesora da Comunicación e Linguaxe en Publicidade e Relacións Públicas do Centro Español de Nuevas Profesiones da Coruña.

Web: estibalizes.blogspot.com/

OBRAS: "Pan (libro de ler e desler)", "-orama", "Número e"

Voei

e se vos dixese que non falo todo o que debería calar
pero é que ademais
canto te amei
canto
canto te amo
canto
canto canto
canto

 

YOLANDA CASTAÑO

BIOGRAFÍA: Naceu en Santiago de Compostela en 1977. Licenciada en Filoloxía Hispánica, desempeña o cargo de Secretaria da Asociación de Escritores en Lingua Galega e traballa en diversos medios audiovisuais. Esta autora consolídase como unha voz esencial desta última década grazas a un discurso anovador en canto á linguaxe e que se inclúe nesa corrente xeral entre as poetas máis xoves de renovación do discurso erótico.

Web: www.yolandacastano.com

OBRAS: "Edénica", "O libro da egoísta", ...

Se falase de ti non pronunciaría
as sílabas supremas
pero bicas ben e gústame estar contigo
O meu verde co teu azul.
Delirio de ramas.
O meu verde co teu azul.
Abstéñome de pronunciar esas sílabas sublimes
pero gústame como abrazas e o teu pelo fai xogo co meu vestido
Os teus dedos patinan nas miñas medias.
O meu verde co teu azul.

Edénica

 

CUHS PATO
BIOGRAFÍA: Naceu en Ourense en 1955. Licenciada en Xeografía e Historia, é profesora no IES Ramón María Aller de Lalín.

OBRAS: "M-Talá", "A Ponte das Poldras", "Fascinio", ...

esta frase
... a partir do espíritu da música
impídeme (e non porque reflexione sobre ela, senón como un vivinte /físico/
obstáculo ou valo transparente, de fermosura)
continuar
e detén o tempo
faino de imposible medición e progreso
e caen as murallas de Xericó
onde "música" debe interpretarse "espíritu da abundancia"

 

ANTÍA OTERO
BIOGRAFÍA: Naceu en 1982 en A Estrada (Pontevedra) e é licenciada en Historia da Arte na especialidade de Arte Contemporánea pola Universidade de Santiago de Compostela.    
Na actualidade é membro da directiva da Asociación de Escritores en Lingua Galega onde exerce como vogal pola área de Santiago de Compostela, cursa o Máster en Historia e Estética da Cinematografía pola Universidade de Valladolid e fórmase como actriz na Escola de Teatro e Danza Espacio Aberto en Santiago de Compostela.
OBRAS: "O Son da Xordeira "

Cactus
Nos corais de pedra danzaban
corpos tristes de mulleres.
Mireinas. Sorrinlles.
De costas ollaron
e coa pel de galiña
convertéronse en cactus.

 


UXÍA PEDREIRA
BIOGRAFÍA: Nacida en Foz (Lugo), Uxía Pedreira comezou os seus estudos musicais de guitarra e linguaxe musical. Licénciase en Psicoloxía e continúa a súa preparación na música tradicional recibindo aulas de pandeireta e de canto de diferentes escolas . É a directora do Conservatorio de Música Folque de Lalín. Actualmente é a cantante do grupo Marful.

 

CARME HERMIDA
BIOGRAFÍA: Carme Hermida Gulías naceu en Portela de Lamas, no concello de Forcarei, en 1961. É profesora de lingua galega na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago.


Enderezos
| Mapa Web | Agradecementos | Contáctanos | 8 de Novembro de 2006