Biblioteca > Muller e Feminismo > A Muller na Matemática > A miña avoa e as matemáticas


A MIÑA AVOA E AS MATEMÁTICAS por Alicia Colmeiro Corral

Nunha pequena aldea do concello de Silleda vive a protagonista da nosa historia, a miña avoa.
Ás nove, como cada mañá, soa o espertador. Mira o reloxo. Non se decata que as agullas forman un ángulo recto, nin que a esfera do mesmo é unha circunferencia dividida en catro cadrantes, que abarca os ángulos de cero a 2Pi radiáns. Nembargantes, este é o seu primeiro contacto diario coas matemáticas.

Érguese e asómase pola fiestra, rectangular ao igual que as outras da casa, para contemplar o campo da festa. Concentra a súa mirada no palco de música que contén, e aínda que descoñece que a forma da súa planta é octogonal, admira a súa beleza.

Chega a hora de facer o xantar e bota unha cullerada daquilo, media cunca de aqueloutro, un chisco do de aquí, catro ou cinco pedazos do de alá… Pareceravos mentira, pero neste caso podemos comprobar a eficacia da aritmética en pro da elaboración dunha boa comida.


A media tarde, coma sempre adoita facer, sae a pasear polo pobo, e xúntase cos veciños no punto de reunión habitual. Alí ten lugar o intercambio de cotilleos do pobo. Supoñamos que un veciño lle conta unha nova a outros tres nun minuto, e cada un deles lla contá á súa vez a outras tres persoas no mesmo tempo. ¿Sabedes canto tempo tardarían en estar enterados da nova os 364 veciños que conforman a aldea?. Tan só cinco minutos.

Unha das veciñas comentou que a semana pasada estivera en Mallorca de excursión co inserso. A miña avoa non di nada, pero ten claro que ela nunca irá en avión, xa que lle ten moito medo. Cando eu lle digo que a probabilidade de que teña un percance un avión é moi pequena ela resposta que aínda que ocurrise só unha vez de cada millón aos que vaian esa vez non lles importa que non se volva repetir en moito tempo.


De volta a casa detense a coller unhas berzas nunha das súas fincas. Non sabe se algún día aprendeu que as superficies do cadrado, rectángulo e triángulo se calculan respectivamente, pero sí sabe perfectamente cantas áreas teñen cada unha das súas fincas. E cando menciona a súa extensión en ferrados, o erro que comete é inferior ao 1%. ¿Poderíamos afirmar que carece de coñecementos de xeometría?


Prende o televisor para ver o parte. Escoitando as novas, faise cargo da díficil situación pola que está atravesando a nosa sociedade: violencia de xénero, anorexia, terrorismo, etc… Non relaciona estes feitos coa técnica ideada polo matemático Stephen Smale para explicar a evolución do caos, pero non está moi lonxe do razonamento desta teoría cando afirma “Este mundo estache toliño de remate”.

Despois da cea, cando a miña irmá chega da universidade, desaparece sixilosamente e volta con cartos para repartir. Non ten nin idea aparente do reparto directamente proporcional, sen embargo, a miña irmá sempre leva unha cantidade maior, precisamente por ter máis idade.


Tras un longo día, chega a hora de ir á cama. Ten por costume botar unha ollada ao firmamento, tentando deste xeito averiguar o tempo que fará ao día seguinte. Aproveita para contar algunhas estrelas, e de paso fixarse na maxestuosidade das figuras que conforman as constelacións: a osa maior, a osa menor… Demostrado queda que a pincelada de astronomía tamén ten cabida na súa actividade.

Se queres adentrarte un pouco máis no marabilloso mundo das matemáticas non deixes de visitar a páxina do Departamento de Matemáticas do instituto.

 



Enderezos | Mapa Web | Agradecementos | Contáctanos