Aínda que antes da revolución houbo mulleres que desde unha posición individual plantexaron reivindicacións en pro da igualdade feminina (un exemplo é a ilustrada española Josefa Amar cos seus libros Importancia de la instrucción que conviene dar a las mujeres (1784) ou o Discurso sobre la educación física y moral de las mujeres (1769)), houbo que esperar á Revolución Francesa para que a voz das mulleres empezara a expresarse de maneira colectiva.
Entre os ilustrados franceses que elaboraron o programa ideolóxico da revolución destaca la figura de Condorcet (1743-1794), quen na súa obra Bosquejo de una tabla histórica de los progresos del Espíritu Humano (1743) reclamou o recoñecemento do papel social da muller. Condorcet comparaba a condición social das mulleres da súa época coa dos escravos.
Tras o triunfo da revolución en 1789 pronto xurdiu unha contradición evidente: unha revolución que baseaba a súa xustificación na idea universal da igualdade natural e política dos seres humanos ("Liberté, Egalité, Fraternité"), negaba o acceso das mulleres, a metade da poboación, aos dereitos políticos, o que en realidade significaba negar a súa liberdade e a súa igualdade respecto ao resto dos individuos.
 |
 |
Condorcet |
Olimpia de Gouges |
A autora teatral e activista revolucionaria Olimpia de Gouges (1748-1793) foi a protagonista da resposta feminina. En 1791 publicou a Declaración de los Derechos de la Mujer y de la Ciudadana (1791) que era un calco da Declaración de Derechos del Hombre y del Ciudadano aprobada pola Asemblea Nacional en agosto de 1789.
Parafraseando o gran documento programático da revolución, Olimpia de Gouges denunciaba que a revolución esquecese ás mulleres no seu proxecto igualitario e liberador. Así, afirmaba que a " muller nace libre e debe permanecer igual ao home en dereitos" e que “a Lei debe ser a expresión da vontade xeral; todas as Cidadás e os Cidadáns deben contribuír, persoalmente ou por medio dos seus representantes, á súa formación". O programa de Olimpia de Gouges era claro: liberdade, igualdade e dereitos políticos, especialmente o dereito de voto, para as mulleres.
Sen embargo, o plantexamento feminista non era compartido polos varóns que dirixían a revolución, mesmo entre os máis radicais. Un deles, Chaumette, misóxino notorio, chegou a dicir: “¿Desde cando está permitido ás mulleres abxurar do seu sexo e converterse en homes? ¿Desde cando é decente ver a mulleres abandonar os coidados devotos da súa familia, o berce dos seus fillos, para vir á praza pública, á tribuna das arengas (...) a realizar deberes que a natureza impuxo aos homes soamente?"
O encarceramento e execución de Olimpia de Gouges durante o período da ditadura xacobina simbolizou o fracaso das reclamacións feministas durante a revolución.
O Código Civil napoleónico (1804), no que se recolleron os principais avances sociais da revolución, negou ás mulleres os dereitos civís recoñecidos para os homes durante o período revolucionario (igualdade xurídica, dereito de propiedade...), e impuxo unhas leis discriminatorias, segundo as cales o fogar era definido como o ámbito exclusivo da actuación feminina. |