O movemento feminista en Estados Unidos comezou antes ca noutros países e nas súas orixes estivo estreitamente ligado ao movemento antiescravista . A importante participación feminina en movementos humanitarios pola abolición da escravitude axudou á rápida concienciación das mulleres. A analoxía entre os escravos sen dereitos e as mulleres era evidente.
Pero a presenza de mulleres molestaba profundamente a moitos dos abolicionistas varóns, contrarios á actividade pública feminina. En 1840 exclueuse expresamente ás mulleres dunha convención antiescravista mundial celebrada en Londres, non permitíndolle a entrada na sala a ningunha das mulleres que foras elixidas para participar na conferencia.
Durante o decenio 1840-1850, as mulleres americanas sentiron medrar a súa insatisfacción ante o xeito en que eran tratadas nas organizacións antiescravistas e paralelamente ás súas actividades nestas organizacións comezaron a se celebrar unha serie de reunións para discutir a súa propia situación e sinalar os seus propios dereitos. Estas reunións culminaron coa famosa convención dos Dereitos da Muller celebrada en Séneca Falls, no estado de Nova Iorque, en xullo de 1848. A Convención aprobou un documento que levaba o título de “Declaración de Sentimentos” e que foi redactado por Lucrecia Mott e Elizabeth Cady Stanton utilizando como modelo a Declaración de Independencia dos Estados Unidos. Co tempo, a Declaración de Séneca Falls alcanzou a categoría de mito, debido fundamentalmente ao seu apoio ao principio do voto para as mulleres.
Séneca Falls iniciou unha longa serie de convencións en favor dos dereitos das mulleres en Estados Unidos. Dende 1850 ata 1860 celebráronse convencións todos os anos agás en 1857. Durante esta etapa, aínda que non se formou ningunha organización permanente, foise configurando o carácter do movemento feminista americano, ao tempo que se forxaban as súas propias dirixentes: Lucretia Mott, Elizabeth Cady Stanton, Susan B. Anthony, Lucy Stone...
EXTRACTO DA DECLARACIÓN DE SÉNECA FALLS: "A historia da humanidade é a historia das repetidas vexacións e usurpacións por parte do home con respecto á muller, co obxectivo directo de establecer unha tiranía absoluta sobre ela. O home nunca lle permitiu que ela desfrute do dereito inalienable do voto, obrigándoa a se someter a unhas leis en cuxa sanción a muller non tivo nin voz nin voto.
Negoulle dereitos que se conceden aos homes más ignorantes e indignos, tanto indíxenas como estranxeiros. Habéndoa privado deste primeiro dereito de todo cidadán, o do sufraxio, deixándoa así sen representación nas asembleas lexislativas, oprimiuna desde todos os ángulos.
Se está casada deixouna civilmente morta ante a lei. No contrato matrimonial obrigóuselle a prometer obediencia ao seu esposo, mentres que el convértese no seu amo, xa que a lei lle confire poder para privala de liberdade e para administrarlle castigos. Despoxouna de todo dereito de propiedade, mesmo sobre o xornal que ela mesma gana.
Moralmente converteuna nun ser irresponsable, xa que pode cometer toda clase de delictos con impunidad, con tal de que sexan cometidos en presenza do seu marido.
Elaborou de tal xeito as leis do divorcio en canto a cales deben ser as súas causas e determinou de tal forma a quen hai que conceder a titoría dos fillos en caso de separación, que non se ten en conta para nada a felicidade da muller; a lei baséase en todos os casos na falsa suposición da supremacía do varón, deixando todo o poder nas súas mans.(...)
Negoulle a oportunidade de recibir unha educación axeitada, posto que todas as universidades están pechadas para ela...
Por tanto, en vista da completa falta de liberdade da metade da poboación da nación, da súa degración social e relixiosa; en vista das leis inxustas , e considerando que as mulleres deben sentirse agraviadas, oprimidas e fraudulentamente despoxadas dos seus dereitos máis sagrados, insistimos en que lles sexan recoñecidos inmediatamente todos os dereitos e privilexios que lles pertencen como cidadáns dos Estados Unidos”. |
Neste documento exprésase por primeira vez o que se podería denominar unha "filosofía feminista da historia". Unha filosofía que denunciaba as vexacións que ao longo da historia sufrira a muller.
Co estoupido da Guerra de Secesión, as feministas suspenderon as súas actividades a favor dos dereitos das mulleres e acudiron en apoio da Unión, pensando que recibirían a súa recompensa tras a Vitoria. Pero ao rematar esta (1861-1865), o movemento feminista que ligara en gran medida a súa sorte ao abolicionismo sufriu unha gran desilusión. Pese ao trunfo do bando nordista, partidario da supresión da escravitude, a XIV enmenda da Constitución, que outorgaba o dereito de voto aos escravos negros liberados, negoulle á muller o dereito de sufraxio. Este feito puxo fin definitivamente á colaboración do feminismo co abolicionismo en Norteamérica
A reacción foi inmediata. Elisabeth Candy Stanton (1815-1902) e Susan B. Anthony (1820-1906), convencidas daquela de que a loita polos dereitos das mulleres tería que ser librada polas mulleres soas, abandoan oficialmente a Asociación Antiesclavista pola Igualdade de Dereitos e fundan a Asociación Nacional polo Sufraxio da Muller (National Woman Suffrage Association) en 1868, primeira asociación do feminismo radical americano, independente dos partidos políticos e dos movementos de reforma.
 |
 |
 |
Elisabeth C. Stanton |
Susan B. Anthony |
Lucy Stone |
Moitas das sufraxistas veteranas do movemento, asustadas polo radicalismo de Stanton e Anthony, escindíronse en 1869, con Lucy Stone á cabeza, para fundar a AWSA (Asociación Americana para o Sufraxio da Muller), de carácter máis moderado cá NWSA. Lucy Stone comezou a loitar dende moi nova pola emancipación da muller americana.
Durante as décadas de 1870 e 1880, a organización encabezada por Stanton e Anthony creou un estilo radical de facer campañas, consistente en marchas, reunións masivas, reparto de folletos, sentadas... Nesta etapa foron frecuentes os altercados promovidos polas feministas. En 1872, Susan Anthony foir procesada por poñerse na cabeza dun grupo de 50 mulleres que acudiron a depositar o seu voto nas urnas, con motivo das eleccións presidenciais, cando as mulleres non tiñan recoñecido ese dereito. A NWSA era partidaria de conseguir o voto directamente a nivel federal a través do congreso. Por esta razón presentou no Congreso, ano tras ano, unha enmenda constitucional a favor do sufraxio feminino, que pasou á historia co nome de enmenda Susan Anthony, debido a que foi esta última quen a redactou.
Mentres, a organización de Lucy Stone, que era contraria á política da enmenda constitucional, centraba as súas enerxías en campañas para promover referéndums sobre o sufraxio feminino en cada un dos Estados. A AWSA opinaba que o camiño correcto para conseguir o voto era o de unha campaña gradual Estado por Estado e rexeitaba a política de Stanton e Anthony dun asalto directo a nivel federal.
Ningunha das dúas ás do movemento sufraxista americano conseguiron grandes progresos estes anos, o que, unido ás dificultades que tiveron que compartir ambas, impulsou a súa reunificación en 1890, data na que as dúas organizacións existentes fundíronse nunha soa: a ANWSA (Asociación Nacional Americana para o Sufraxio da Muller). Stanton foi a súa primeira presidenta, sucedéndoa Anthony en 1892, quen permaneceu no cargo ata 1900. Para aquel entón as mulleres xa conseguiran o voto en catro Estados da Federación: Wyoming (1869), Utah (1870), Colorado (1893) e Idaho (1896).
Durante a década de 1900, baixo a presidencia de Anna Howard Shaw , unha predicadora con grandes dotes de oradora, o movemento sufraxista americano coñeceu unha época de estancamento. Pero a visita en 1911 da sufraxista inglesa Mrs. Pankhurst, infundeu unha gran dose de optimismo, acrecentado polo feito de que entre 1910 e 1912 outros seis Estados outorgaran o voto ás mulleres por referéndum. Parte deste entusiasmo manifestouse en forma de grandes desfiles. Durante 1912 as principais cidades americanas, e especialmente Nova Iorque, convertéronse en escenario de xigantescas manifestacións en favor do sufraxio feminino.
En 1913, durante a toma de posesión do presidente Wilson, organizouse unha manifestación en Washington que foi interrompida por unha multitude antisufraxista ante a pasividade da policía, quen autorizara a marcha. As manifestantes foron golpeadas, o que orixinou unha reacción da opinión públlica en favor da causa sufraxista.
En 1913 fúndase a Unión Congresista co propósito de obrigar ao Congreso a aceptar a enmenda Susan Anthony. Pouco despois a Unión Congresista adoptou o nome de Partido Feminino, organizando grupos por todo o país e compaxinando as manifestacións e os enfrontamentos coa policía.
Nesta época o movemento sufraxista americano coñeceu un crecemento sen precedentes, pasando de 17000 afiliadas en 1905 a 100000 en 1915.
En 1917, tanto a ANWSA como o Partido Feminino apoiaban a política da enmenda Susan Anthony e trataban de conseguir que o Congreso presentara unha enmenda constitucional nos 48 Estados. A principios de 1918, a Cámara de Representantes votou a favor da enmenda por 274 votos a favor e 136 en contra. Só faltaba a aprobación de cada un dos Estados para incorporala definitivamente á Constitución. En 1920 , unha vez ratificada por todos os Estados, asinábase por fin a proclamación oficial da enmenda Susan Anthony: “O dereito dos cidadáns dos Estados Unidos ao voto non será denegado nin limitado polos Estados Unidos, nin por ningún Estado, en razón do sexo”. |