Biblioteca > Muller e Feminismo > Sufraxismo > A loita sufraxista en Inglaterra


* A DUREZA DA LOITA SUFRAXISTA EN INGLATERRA

As orixes do movemento sufraxista inglés remóntanse a 1866. En Inglaterra entón non todos os homes tiñan dereito ao voto: só podían votar os cabezas de familia e os que eran propietarios. No Parlamento estábase debatendo a reforma do sufraxio, e John Stuart Mill presentou ante a Cámara unha petición asinada por 1500 mulleres esixindo que a reforma incluíra o sufraxio feminino. A petición foi rexeitada, e as súas promotoras, case todas membros da Sociedade para o Emprego das Mulleres, decidiron fundar unha Sociedade para o Sufraxio Feminino. Sociedades deste tipo comezaron a proliferar por todo o país a partir da década dos setenta, e a súa principal actividade consistía en conseguir que liberais de esquerda presentasen no Parlamento proxectos privados de lei en favor do vota das mulleres. Despois dun período de dificultades, todas esas sociedades unifícanse en 1897, constituíndose a NUWSS (Unión Nacional de Sociedades para o Sufraxio da Muller). A NUWSS coñeceu un período de rápida expansión a principios de século, chegando a contar con máis de 400 sociedades membros en 1913.

Millicent Garret Fawcet
(1847-1929) encabezou esta asociación que en 1914 chegou a contar con máis de 100.000 membros, e centraba o seu labor na propaganda política, convocando mitins e campañas de persuasión seguindo sempre unha estratexia de orde e legalidade.

Pero onde realmente habería que situar o comezo da loita sufraxista en Gran Bretaña, coas súas peculiares características, é en 1903, ano en que Emmeline Pankhurst (1858-1928) creara a Unión Social e Política das Mulleres (Women's Social and Political Union: WSPU). Os seus membros eran coñecidas como as “suffragettes”.

Millicent G. Fawcet
Emmeline Pankhurst

A WSPU comezou as súas actividades como aliada do Partido Laborista Independente. Dende o primeiro momento a WSPU considerou errada a táctica da NUWSS, que centraba as súas enerxías en conseguir o apoio do Parlamento, quen llelo negaba; ante isto, decidiron que a única forma de progresar era erguer a opinión pública e interesar ao pobo en cuestión. Había que chamar a atención: a hostilidade mesmo sería máis útil que a indeferencia.Así, ademais dos tradicionais medios de propaganda como os mitins e as manifestacións, recorreron a tácticas violentas coma o sabotaxe, o incendio de comercios e establecementos públicos, ou agresións aos domicilios privados de destacados políticos e membros do Parlamento.

“Téñennos sen coidado as vosas leis, señores, nosoutras situamos a liberdade e a dignidade da muller por encima de toda esas consideracións, e imos continuar esa guerra como o fixemos no pasado; pero non seremos responsables da propiedade que sacrifiquemos, ou do prexuízo que a propiedade sufra como resultado. De todo iso será culpable o Gobierno que, a pesar de admitir que as nosas peticións son xustas, négase a satisfacelas” Emmeline Pankhurst

As sufraxistas da WSPU inician unha política de aguilloamento sistemático contra os membrosdo Goberno contrarios ao sufraxio. Os seus métodos conseguiron ir espertando pouco a pouco o interese da opinión pública cara á causa sufraxista. Millicent Garret Fawcett, presidenta da Unión Nacional de Sociedades para o Sufraxio da Muller, declarou que a WSPU, en só doce meses, lograra chamar máis a atención que a súa organización en doce anos.
En 1907 as “suffragettes” organizaron en Londres unha manifestación. A policía montada acudiu a dispersalas e cargou contra as manifestantes con brutalidade. A prensa de Londres protestou duramente. O Goberno comezou a se preocupar: non estaba disposto a conceder o sufraxio feminino pero comprendía que estes choques eran un prexuízo para el. Unha militante da WSPU encadeouse ás verxas da Residencia do primeiro ministro e púxose a berrar “votos para as mulleres” mentres se estaba a celebrar unha reunión do Gabinete. Ata que a policía trouxo unha serra para cortar as cadeas continou a berrar. Outra muller fretou un globo e voou por riba de Londres botando panfletos a favor do sufraxio feminino. Este tipo de actuacións atraía moito a atención doutras mulleres e inducíaas a se interesar polo loita.

En xuño de 1908 todas as organizacións sufraxistas organizaron manifestacións e mitins con máis de 500000 persoas, o que demostra a importancia do movemento. Pouco despois, Mrs. Pankhurst, a súa filla Christabel e Mrs Drummond foron xulgadas por provocar desordes nun mitin celebrado en Trafalgar Square. As tres mulleres foron declaradas culpables e encarceradas porque se negaron a xurar que non volverían a alterar a orde pública.
A partires de 1909, contra a represión gubernamental, as “suffragettes” responderon con folgas de fame no cárcere ás que a administración respostou cunha brutal alimentación forzosa.

A resposta do gobierno ás protestas contra esta cruel práctica foi realmente orixinal. O parlamento aprobou a coñecida como “Lei do Gato e o Rato” pola cal as mulleres, é dicir, os “ratos”, serían liberadas polas autoridades, o “gato”, cando o seu estado físico fora preocupante. Porén, unha vez recuperadas fisicamente volvían a ser detidas e encarceradas.
En 1912, un disciplinado grupo de 200 mulleres rompeu a maioría dos escaparates da elegante zona de Oxford Street. Todas foron detidas. A partires de entón a WSPU converteuse virtualmente nunha organización ilegal. En xaneiro de 1913 o Goberno decide non dar o voto ás mulleres, o que provoca o reforzo do movemento feminista. A WSPU conquistou novas incorporacións de organizacións máis moderadas que creran no Goberno.
O paso seguinte da WSPU foi pasar aos incendios provocados. Nos primeiros meses de 1913, as sufraxistas incendiaron un par de estacións rurais de ferrocarril, fixeron estallar unha bomba e escribiron “voto para as mulleres” con ácido no céspede de varios campos de golf. Estes ataques tiñan o propósito deliberado de causar danos. Agora as sufraxistas estaban en plena guerra contra os poderes públicos.
En xuño de 1913, Emily Davison, militante da WSPU, foi ao hipódromo de Epsom e guindouse diante dun grupo de cabalos en sinal de protesta contra o Goberno. Emily Davison morreu catro días máis tarde a causa das feridas recibidas.

O traslado do seu cadaleito deu lugar a unha das manifestacións máis numerosas en favor do sufraxio feminino; participaron nela todas as partidarias da causa vestidas de negro, de branco e de vermello. Mrs. Pankhurst non estivo presente porque foi detida, unha vez máis, cando saía da súa casa para dirixirse alí.
En 1914, antes da guerra mundial, a virulencia da protesta sufraxista fixo que os partidos políticos comezasen a reconsiderar a súa actitude ante o voto feminino. Continuaron os incendios, moitas veces provocados por bombas de fabricación caseira. As militantes da WSPU atentaban contra todo, agás a vida humana.

A primeira guerra mundial marcou unha tregua nas demandas sufraxistas, e tras o conflito, no que as mulleres acumularon méritos como a man de obra que permitiu o funcionamento da economía, o sufraxio feminino tivo que ser finalmente recoñecido. En 1918, unha nova lei electoral permitiu as británicas de máis de 30 anos obter o dereito de voto. Dez anos despois, en 1928, unha nova lei, a "Equal Franchise Act", fixo que, por fin, todas as mulleres maiores de idade alcanzaron o anhelado dereito de sufraxio.
Probablemente, o que a guerra fixo foi demorar a concesión do voto uns cantos anos.


Enderezos | Mapa Web | Agradecementos | Contáctanos