No noso país a existencia dunha sociedade arcaica, con escaso desenvolvemento industrial, cunha forte ascendencia da Igrexa Católica e fortes xerarquizacións de xénero en todos os ámbitos da vida social, deu lugar a que o feminismo tivese durante o século XIX unha menor presenza e influencia social ca noutros países.
Nun país no que a práctica política estaba circunscrita a unha minoría social (voto censitario) e no que as prácticas electorais (adulteración das eleccións) e o protagonismo do exército (pronunciamentos) marcaban a dinámica política, non nos debe estrañar que o feminismo pioneiro non se centrase en reivindicacións políticas, como o dereito de sufraxio, senón que se baseara en demandas sociais, buscando o recoñecemento dos seus roles sociais como tal xénero feminino (maternidade e coidado da familia) e na esixencia dos dereitos civís.
As dúas grandes figuras son Concepción Arenal (1820-1893) e Emilia Pardo Bazán (1851-1921).
 |
 |
Emilia Pardo Bazán |
Concepción Arenal |
A escritora galega Emilia Pardo Bazán denunciaba na España Moderna (1890) que os avances culturais e políticos logrados ao longo do século XIX (as liberdades políticas, a liberdade de cultos, o mesmo sistema parlamentario) só serviran para incrementar as distancias entre sexos, sen promover a emancipación feminina. A penalista Concepción Arenal insistiu en múltiples escritos en que o papel de nai e esposa eran fundamentais na vida das mulleres, pero subliñando que a experiencia da vida feminina non podía centrarse no exercicio exclusivo dese rol.
No terreo educativo foi onde máis avanzó o feminismo español. As iniciativas do Krausismo tras 1850 e da Institución Libre de Enseñanza (1876) buscaban un avance na educación, o ensino e a cultura feminina.
Porén, o modelo variou pouco e nas escolas seguiuse trasmitiendo pautas de comportamento baseadas na función doméstica da muller. Concebida como “anxo do fogar”, o seu labor debía adicarse en exclusiva aos quefaceres domésticos e ao coidado da familia.
A resistencia á xeneralización do ensino feminino foi moi acentuada. O recoñecemento oficial do dereito á educación superior non se produciu ata 1910. Ao longo de todo o século XIX, o analfabetismo feminino mantívose en taxas enormemente altas que rondaban o 70% en moitas zonas a fins da centuria.
Aínda a fins do século XIX, a subordinación da muller era xustificada baseándose nunha suposta inferioridade xenética: a función reprodutora convertía á muller nun ser pasivo, inferior, incompleto, e, en resumo, un mero complemento do home, é dicir, do ser intelixente.
Esta opinión non era exclusiva dos grupos máis conservadores ou reaccionarios do país. O escritor catalán, Pompeu Gener, ideoloxicamente adscrito ao republicanismo federal e, por consecuencia, ligado aos sectores máis progresistas do país, afirmaba o seguinte: “En si mesma, a muller, non é como o home, un ser completo; é só o instrumento da reprodución, a destinada a perpetuar a especie; mentres que o home é o encargado de facela progresar, o xenerador da intelixencia, (...) creador do mundo social.”
No caso español, ata principios do século XX non se pode falar con propiedade dun movemento colectivo de emancipación feminina.
 |
Podemos situar nos anos vinte a consolidación dun proceso que viña xestándose dende finais do século XIX: a participación das mulleres na vida pública española e o avance que este feito provoca na súa situación social, laboral e legal. Certo é que son poucas aínda as mulleres escritoras, as profesionais de calquera campo, e escasísimas tamén as que interveñen en política ou na Adeministración; porén, todas, dende as súas diferentes posicións, escriben e traballan por mellorar o lugar social das mulleres, a súa situación legal, cultural, profesional, aínda dende o convecemento da incomprensión xeral, no mellor dos casos, que provocarán as súas palabras e denuncias.
Partindo disto, a ditadura de Primo de Rivera (1923/1930) son os anos nos que se poñen as bases para o que despois serán as tendencias feministas españolas e o movemento de mulleres pola consecución dos seus dereitos. Os factores que conflúen nestes anos para permitir que se dea esta avance son os mesmos intereses de Primo de Rivera e da clase política dirixente, que volven a súa vista ás mulleres, tanto pola necesidade de conseguir unha forte base social que ampare os sistema como pola necesidade de dar unha imaxe de “modernismo” social en paralelo coas correntes rexeneracionistas que triunfaban en toda Europa.
Xunto ao contexto político, ten importancia a extensión dos movementos de mulleres e o feito de que dende principios de século circulaban por España obras e estudos sobre a súa condición social. O 20 de outubro de 1918 fúndase a Asociación Nacional de Mujeres Españolas (ANME) por María Espinosa de los Monteros, organización feminista que se convertiría na máis importante de España, e as súas mulleres nas máis activas na loita polo voto en 1931. Outras moitas asociacións -como “A Muller do Porvir” e “A Progresiva Feminina” en Barcelona, e a “Liga para o Progreso da Muller” e a “Sociedade Concepción Arenal”, en Valencia- creáronse e traballaron pola causa feminista no noso país, ao igual que moitas outras mulleres –como Victoria Kent, Consuelo Álvarez, Matilde Huuici...-
Outro sector importante que centralizaba as actividades das mulleres foron as Asociacións Católicas de Mulleres, que resultaron moi beneficiadas pola súa colaboración coa ditadura. Chegaron a agrupar decenas de miles de obreiras nos seus sindicatos e as súas líderes foron máis tarde designadas persoalmente por Primo de Rivera para ocupar postos na Administración Nacional e nos concellos como concelleiras. Estas mulleres traballaron moi activamente, peron non foron elixidas senón designadas na ditadura. Hai que destacar ao seu carón o movemento das mulleres obreiras do sector téxtil catalán, que dende 1901 participaban masivamente en folgas e loitas reivindicativas, soportando unha situación laboral pésima, con salarios entre un 55 e un 60% menor có dos homes; no período 1910/1914 participaron 61.918 mulleres nas folgas, destacando pola súa valentía e radicalismo. Estas mulleres continuaban o labor da mítica dirixente anarquista Teresa Claramunt.
 |
Fundadora dun grupo de obreiras anarquistas en Sabadell que durante a folga de 1913 a topábase desterrada en Zaragoza por dirixir a de 1902; polo seu activismo naquela cidade foi encarcerada en 1921 e contraeu no cárcere unha parálise que a afectou ata a súa morte en 1931. O caso das obreiras catalás é un exemplo do movemento das mulleres obreiras en toda España, no que tamén destacan as famosas loitas das cigarreras de Madrid e Sevilla, entre outras. Debe, por tanto, aparecer este movemento de mulleres obreiras relacionado coa reforma da lexislación que lles afectaba: regulación do traballo nocturno, establecemento do horario de lactancia, baixa por maternidade... A acción lexislativa e política de Primo de Rivera cara ás mulleres era paternalista... e ambigua, xa que en 1924 recoñece o dereito ao voto das mulleres solteiras e viúvas, excluíndo ás casadas, “xa que podían exercelo contra dos seus homes”.
O 14 de abril de 1931 proclámase a República, abríndose así unha nova etapa do período de crise política que sacudía a España dende 1917. O novo sistema de forzas que xorde desta situación vai beneficiar ás mulleres, xa que estas poderán integrarse na acción política e social. Loxicamente, estas mulleres esixían os dereitos políticos, civís e laborais denegados ata entón. Con motivo da elaboración do texto constitucional de 1931, e sendo consecuentes cos principios democráticos que o inspiraban, concédese o voto ás mulleres nas mesmas condicións que aos homes.
Pero... ¿sería posíbel isto sen a intervención de Clara Campoamor? A súa loita encarnizada e en solitario para conseguir o dereito ao voto feminino, sempre indo en contra non só dos partidos da esquerda senón tamén da prensa progresista, foi obxecto de contundentes ataques.
O 14 de outubro de 1931, uns días despois de ser aprobado nas Cortes o dereito das mulleres ao voto, unha serie de grupos feministas celebraron a vitoria ofrecendo unha homenaxe a Clara Campoamor pola súa brillante actuación en defensa do sufraxio feminino.
A obtención do voto para as mulleres españolas tivo tamén a súa repercusión no estranxeiro. As feministas americanas acolleron a nova con entusiasmo e manifestaron a súa esperanza de que este feito influíse favorablemente sobre o rápido establecemento do sufraxio feminino en todos os países da Europa meridional. As sufraxistas inglesas celebrárono igualmente.
|