Biblioteca > Muller e Feminismo > Sufraxismo > Feminismo e movemento obreiro


* FEMINISMO E MOVEMENTO OBREIRO

Os movementos feministas e sufraxistas estiveron dirixidos por mulleres de procedencia burguesa. A pesar de que os plantexamentos feministas eran interclasistas, as súas ideas non lograron penetrar amplamente nos ambientes obreiros. Nin feministas, nin sufraxistas conseguiron nunca mobilizar amplamente ás mulleres traballadoras. Os propios ideólogos do primeiro movemento obreiro, na primeira metade do século XIX, mantiveron posturas contraditorias respecto á igualdade de dereitos da muller.

Flora Tristán (1803-1844), filla dun criollo peruano e unha francesa, é a gran pioneira do feminismo socialista: “A vosoutros, obreiros que sodes as vítimas da desigualdade de feito e da inxustiza, a vosoutros tócavos establecer por fin sobre a terra o reino da xustiza e da igualdade absoluta entre a muller e o home. (...) mentres reclamades a xustiza para vós, demostrade que sodes xustos, equitativos; proclamade, vosoutros, os homes fortes, os homes de brazos nus, que recoñecedes á muller como a vosa igual, e que, a este título, recoñecédeslle un dereito igual aos beneficios da unión universal dos obreiros e obreiras”.

Esta posición contrasta claramente coa misoxinia dalgún dos primeiros ideólogos do movemento obreiro como Ferdinand Lasalle (1825-1864) e, sobre todo, Pierre-Joseph Proudhon (1809-1864). Este último afirmaba claramente que unha muller igual ao home significaría “a fin da institución do matrimonio, a morte do amor e a ruína da raza humana”. O lugar ideal para a muller era o fogar. Para Proudhon as cousas estaban claras: “non hai outra alternativa para as mulleres que a de ser amas de casa ou prostitutas”.

Nembargantes, foron Karl Marx (1818-1883), Friedrich Engels (1820-1895) e August Bebel (1840-1913) os que estableceron as bases do pensamento socialista sobre a “cuestión da muller”. Engels no seu libro "El origen de la familia, la propiedad privada y el Estado" (1884) equiparaba a dominación de clase coa dominación da muller polo  home.

Sen embargo, para el como para Marx, a emancipación da muller só se faría realidade tras unha revolución socialista que liquidara o capitalismo. En consecuencia, a loita das mulleres debía subordinarse, á loita de clases, xa que, de feito, non había diferenza algunha de obxectivos.
Para Marx e Engels, a igualdade política entre os sexos era unha condición necesaria para a plena emancipación da sociedade. Ademais, os fundadores do socialismo científico entendían que a base fundamental da emancipación feminina era a súa independencia económica fronte ao home: “A muller é un ser libre e intelixente, e como tal, responsable dos seus actos, o mesmo que o home; pois, se isto é así, o necesario é poñela en condicións de liberdade para que se desenvolva segundo as súas facultades. Agora ben, se relegamos exclusivamente á muller ás funcións domésticas, é sometela, como ata aquí, á dependencia do home, e, polo tanto, quitarlle a súa liberdade. ¿Que medio hai para pór a muller en condicións de liberdade? Non hai outro máis que o traballo”.

Corresponde a August Bebel , dirixente socialista alemán,  o mérito de ser o primeiro teórico marxista que escribiu dunha forma específica sobre a muller no seu libro La mujer y el socialismo (1879): “A muller da nova sociedade será plenamente independente no social e o económico, non estará sometida o máis mínimo a ningunha dominación nin explotación, enfrontarase ao home como persoa libre, igual e dona do seu destino”.

Por último, hai que destacar, dentro da socialdemocracia alemá, a figura de Clara Zetkin (1857-1933). Creadora do Día Internacional da Muller, o 8 de marzo, foi a gran propulsora do feminismo na Segunda Internacional ou Internacional Socialista. En 1907, celebrouse, baixo os seus auspicios, a I Conferencia Internacional de Mulleres Socialistas. Esta organización chegou a agrupar 174.751 afiliadas en 1914.


Enderezos | Mapa Web | Agradecementos | Contáctanos