INICIO HISTORIA  FOTOS ENSINANZAS
EQUIPO DIRECTIVO DEPARTAMENTOS TITORÍAS MATERIAS PENDENTES
ANIVERSARIOS 400/65 PREMIO SAN CLEMENTE ATENCIÓN PROFESORES ENLACES

 

HISTORIA

INSTITUTO ROSALÍA DE CATRO

O Colexio San Clemente de Pasantes, foi fundado polo arcebispo don Xoán de San Clemente, que no seu testamento de 1601, deixa encomendada a fundación dun colexio e seminario "no que, segundo a mente do concilio de Trento, haberían de instruírse e formarse mancebos estudiantes para que aproveitasen na virtude e nas letras".

     O edificio é obra levada a cabo por Xácome Fernández, aínda que, ao parecer, traballa sobre planos alleos. Moi importante, non obstante, tivo que ser o papel desempeñado por Xácome Fernández na construcción do edificio xa que, dende 1609 en que aparecen as citas documentais referidas á súa intervención, prefire nomearse "mestre da obra de San Clemente" a facer constar o seu cargo de mestre de obras da catedral. Esta valoración do papel na construcción, así como a propia estructura dalgunhas partes do edificio, permiten presentar polo menos a hipótese de que o mestre dera os planos ou retocara os anteriores, xa que algúns elementos como a fachada evocan outras construccións como a da colexiata de Cangas ou incluso o compostelán colexio de Santiago Alfeo, máis ca prototipos andaluces que puidese ter presentes Ginés Martínez, ó que Bonet atribúe o edificio. Na nosa opinión, o mesmo ocorre co propio esquema en planta do colexio, un cadrado cun patio no seu interior que, evidentemente pode recordar algunhas construccións civís andaluzas, como o hospital de Santiago de Úbeda, co que se ten posto en relación, pero que ten un modelo quizais moito máis próximo nun edificio como o colexio de Fonseca que estaba destinado a unha actividade civil e de ensinanza, o mesmo có de San Clemente, e que fora fundado polo arcebispo Fonseca, antecesor de don Xoán de San Clemente na sé arcebispal e ao que o prelado tratou de emular na súa munificencia.

      As relacións entre ambos os edificios non se limitan á organización xeral da planta, senón que tiñan outros puntos en común, como é a situación da capela, englobada na totalidade do edificio sen destacarse visual nin estructuralmente, e, sobre todo, o esquema da fachada utilizado, máis de arco de triunfo ca de retábulo, aínda que no caso do edificio clasicista perdeu todo o seu contido emblemático ao estar privada da decoración escultórica prevista nas fornelas dos intercolumnios. É evidente que o tempo transcorrido entre unha e outra fai que as linguaxes ornamentais sexan dispares, e que a fachada do colexio de San Clemente se impoña como arquitectura, con solemnidade e gravidade romanas, pero o aire da familia entre elas é indubidable.

 

        

O edificio, de planta cudrangular e marcada liña horizontal, destaca polo seu magnífico claustro de columnas de orde toscana e arcos de medio punto en perfecta xeometría. A fachada está singularizada pola portada. Componse de dous corpos articulados por columnas sustentadas en grandes pedestais, separados por friso de ornatos salientes e recadros en lugar dos triglifos e métopas da orde clásica. No andar inferior ábrese a porta de arco de medio punto, flanqueada por columnas de orde dórica e fuste estriado, deixando entre elas fornelas para esculturas, a modo de elegante arco de triunfo. O segundo corpo é de orde composta, repetindo no restante a estructura do inferior, agás no oco central que ten un balcón rectangular rematado por un frontón curvo partido co escudo do fundador. Sobre a cornixa, con friso de decoración xeométrica, o frontón triangular e os pináculos de bóla denotan unha maior asimilación da linguaxe arquitectónica finisecular, e intentan romper o clásico ritmo horizontal.  

  

Ao traspasar o vestíbulo, o edificio organízanse ao redor dun claustro ou patio interior de dous andares; o primeiro deles con arcos de medio punto lixeiramente rebaixados entre pilastras encaixadas dobres que deixan entre si interpilastrados con taboleiros afundidos; no andar superior a organización é moi similar, agás no uso de ventás rectangulares alinteladas.

     Tipoloxicamente, este claustro afástase do esquema habitual no Renacemento, coa consabida valoración do oco sobre soporte exento (ben sexa piar ou columna), para introducir unha potenciación mural na que a orde é independente do oco e configura unha sucesión de tramos macizos que alternan con vans, recurso que se utilizará repetidamente nos nosos claustros barrocos. En relación con este, débese poñer o do convento de San Francisco de Santiago, tamén atribuído a Ginés Martínez

      O edificio  representa como ningún outro en Santiago a permanencia do Clasicismo nos comezos do Barroco. Ademais, ao seu indudable valor arquitéctónico éngadese un feito tan a priori superfluo como a súa ubicación. Construído fóra do perímetro amurallado, moi cerca da Porta Faxeira, a súa situación resultou fundamental para a futura conformación urbanística da cidade. O Colexio de San Clemente foi a primeira edificación de mérito levantada extramuros  da zona histórica, pero estreitamente ligado a ela, polo que asumiu a función de nexo entre o pasado e o moderno desenvolvemento de Compostela. A súa presencia condicionou o trazado vial e xerou a necesidade de crear un espacio aberto, para proxectar o esplendor da súa fachada, no que máis tarde serían a Alameda e o Paseo da Ferradura

 

     

       O antigo Colexio de San Clemente alberga hoxe entre as súas históricas paredes as aulas e demais dependencias dun moderno instituto, o Rosalía de Castro, auténtico dinamizador da vida cultural de Santiago. Todo un privilexio do que disfrutaron decenas de xeracións de alumnos composteláns de ensinanza media. Un inmellorable marco para a docencia, en harmonía co entorno monumental da cidade.