Homenaxe a Xosé María Díaz Castro

O alumnado do CEIP A Xunqueira Nº2 homenaxeou a Xosé María Díaz Castro na Biblioteca do Centro.  Recitouse o poema Esmeralda tanto en galego como nas distintas linguas do estado así como nas linguas  de orixe  dos rapaces e rapazas de procedencia estranxeira. Empregamos o alemán, ruso, francés, inglés, chinés, árabe,guaraní, portugués,  catalán, éuscaro, castelán, español nas súas distintas variantes iberoamericanas e por suposto en galego.

ESMERALDA

Herba pequerrechiña
que con medo sorrís
ó sol que vai nacendo
e morrendo sen ti.
¿Por que de ser pequena
te me avergonzas ti?
¡O universo sería
máis pequeno sen ti!

Ao rematar a lectura multilingüe, alumnado de sexto curso de Primaria rapeou o poema “Remuíño”.

Por último a mestra Lupe contounos o relato “ Por que o fondo do río está cheo de pedras?”, utilizando o “Kamishabai”. Canto nos gustou!

Día das Letras Galegas 2014. Xosé María Díaz Castro.


Poeta ao que lle renden tributo as Letras Galegas 2014, no ano no que se conmemora o centenario do seu nacemento.

“Xosé María Díaz Castro naceu o 19 de febreiro do 1914 n’O Vilariño, lugar de San Vicente d’Os Vilares, Concello de Guitiriz, Lugo. Seus pais, Isidro Díaz e María Castro, labregos, tiveron catro fillos: Antonio, María, Xosé María e Serafín. Na escola da súa parroquia aprendeu as primeiras letras. Aos dezaseis anos estreouse cun poema en castelán na revista Lluvia de rosas de Tarragona, na que seguiría colaborando moi esporadicamente. En 1929 ingresa no Seminario de Mondoñedo, onde cursa tres anos de Latín e Humanidades, outros tres de Filosofía e dous de Teoloxía. É alí onde confirma a súa vocación de escritor, segundo el mesmo manifestou. Ver máis.

Páxina da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia con programación de actividades, materiais e propostas da Consellería e outros organismos dependentes dedicados Xosé María Díaz Castro.

A CGENDL, Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística,   pon á disposición da comunidade escolar unha páxina monográfica que compila recursos e materiais sobre o autor homenaxeado no Día das Letras Galegas, nesta ocasión o poeta e tradutor Xosé María Díaz Castro.

Nela, partíllanse recursos didácticos como actividades para imprimir e en liña, información en diferentes soportes, exposicións, xogos, experiencias en centros, etc. que foron elaborados por docentes, ENDL e outros grupos de traballo dos centros escolares, institucións, asociacións, etc. A CGENDL pretende facilitar o labor nas aulas; por iso, agarda polos vosos traballos, propostas e experiencias para partillar co resto do profesorado e as familias: correo@coordinadoraendl.org.

Por último, lembrarvos que xa está en marcha o Premio Leixaprén, de recoñecemento á defensa e promoción do idioma, ata o 30 de maio coas candidaturas de Fernando Vázquez, María Xosé Silvar “Sés”, María Mera e Esther García del Barrio. Poden participar todos os Equipos de Normalización adscritos á Coordinadora a través do sitio web: http://www.coordinadoraendl.org/premioleixapren2014/index.php.

Esa lus, unha canción para Díaz Castro. Vídeo do IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz.

Xa chegou o entroido ao CEIP A Xunqueira Nº 2

Día da Paz 2014: E se comezamos con un abrazo …

FELIZ NADAL 2013

Concurso de postais do Nadal 2013

Xa está aquí o Nadal

A comunidade educativa do CEIP A XUNQUEIRA Nº 2 estamos preparando o colexio para a chegada do Nadal, decoramos as nosas clases e corredores con árbores de Nadal, murais, as postais do concurso, e todo o que poidades imaxinar …  Os alumnos de sexto A construíron de maneira artesanal  con moito interese e agarimo o Belén do colexio.

Feliz  Nadal a todos!

Recursos do Nadal elaborados pola Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística.

O magosto no CEIP A Xunqueira Nº 2 curso 2013-2014

En novembro no CEIP A XUNQUEIRA Nº 2 celebramos o Magosto velaí van algunhas fotos para que podades ver o ben que o pasamos. Despois das fotos podedes ver o vídeo da exhibición de trompo de alumnos do colexio.

Vídeo dos alumnos xogando co trompo. Que ben o pasamos!

O samaín

Chegou o Outono, e con el, o tempo da vendima, das castañas, das longas noites de chuvia, vento e frío. Pero tamén é o tempo do SAMAÍN, un tempo de tradicións e sobre todo, de medo, de moito medo…

Podes ver máis fotos no blog da Biblioteca do CEIP A Xunqueira Nº 2.

Monicreques no CEIP A Xunqueira Nº2: “Malón o bandido”

O alumnado de quinto curso de Educación Primaria participou nun obradoiro de monicreques, cada neno construíu un monifate. Algúns destes foron usados para representar a obra  ”Malón o bandido” que podedes  ver a continuación.