O carnaval de Cangas está a cabalo entre un carnaval urbano, de vila, e o carnaval rural. Antigamente, a onde chega a memoria dos máis maiores, os protagonistas da festa de Cangas eran os farrovellos, os merdeiros e as comparsas.

 Os farrovellos vestíanse con roupas vellas e tapaban a cara cunha careta. Percorrían as rúas de Cangas metendo medo, facendo trasnadas e pedindo filloas (filloses) ou chulas polas casas.

 Os merdeiros, mal vestidos, sucios e cheirentos, a imitación da xente das aldeas, chamaban á porta das casas dicindo “¿ten un carriño de merda ou de esterco para vender?”

 Comparsas había moitas, e algunhas delas moi numerosas (teñen chegado a contar con 150 integrantes). Estaban formadas sempre por homes, aínda que todas tiñan unha madriña, vestidos todos de igual maneira e coa cara destapada. Cantaban “bonitas“ cancións adicadas fundamentalmente ao mariñeiro, á muller do mariñeiro, ao amor....... Cando os barcos paraban, os mariñeiros xuntábanse a cantar nas moitas tabernas que había. Coas súas actuacións polo carnaval, facían de Cangas un foco de atracción, non só das parroquias e concellos veciños, senón que tamén chegaban de Vigo barcos cargados de xente disfrazada disposta a gozar do carnaval.

 Letras de cancións que despois dos anos transcorridos aínda están na memoria de moita xente e incluso algunha delas pasou a formar parte do Himno de Cangas.

             Por eso aquí llegamos

             en alas del amor                      

             que Cangas tiene fama

             de pueblo encantador

              Pues todo el mundo sabe

             que entre bellezas mil

             son todas sus mujeres

             del mágico pensil.

              As festas empezaban o domingo gordo (domingo anterior ao de entroido) no que as comparsas saían á rúa con cancións que anunciaban a chegada do entroido e remataban co enterro do Momo, deus da burla e o sarcasmo.

               O momo está representado por unha persoa, sempre home, que leva unha careta de vello e viste un hábito branco. É dado á bebida (sempre leva unha botella na man) e é o responsable de moitos males. Vai nun cadaleito seguido de todo un cortexo fúnebre formado por curas, viúvas, moitas viúvas, choronas, amigos, personalidades... que se lamentan pola súa morte.

           É un adeus cheo de choros e queixas porque se vai a alegría do carnaval, un adeus a días de desenfreno.

Coa chegada da república hai máis liberdade, circunstancia esta moi favorecedora para este tipo de festa. As letras das comparsas atrévense a meterse cos políticos.

            Señor alcalde, señor alcalde

            cuente con los Capuchones

            para evitar que los concejales

            quieran pegarse en las sesiones

            Fan alusión aos enfrontamentos que había entre os concelleiros do partido radical e o partido socialista.

            el socialista y el radical

            que se disfracen y se abracen

            en el Carnaval

             Durante a Guerra Civil non houbo celebracións do entroido. Na época franquista non se perdeu o carnaval xa que non deixou de celebrarse aínda que con limitacións e represión. Non se pode andar coa cara tapada e as comparsas prácticamente desaparecen. Vai ser a murga Peña Machaca a que co seu disfrace de frac e letras de burla e crítica e os disfraces individuais, de parella ou pequeno grupo os que se encarguen de manter vivo o espírito do carnaval.

 Polos anos 70 hai uns movementos de renovado entusiasmo polo carnaval. Como se se tratase dunha epidemia, ano tras ano bótanse á rúa xentes enmascaradas, comparsas e máis comparsas, cangueses e canguesas dispostas a superar inhibicións e liberar doses de adrenalina, alcanzando o seu máximo apoxeo nos primeiros anos dos 80. Na actualidade a festa celébrase durante catro días: o domingo, moi pouco, o luns, martes e mércores de cinza co Enterro da Sardiña que en realidade é o Enterro do Momo.

              É un carnaval moi institucionalizado con desfiles e concursos de comparsas (agora si con participación de mulleres) e no que cada vez hai menos disfrace individual de parella ou pequeno grupo. Todo isto supón unha merma no que é o sentido do carnaval.

 

 

Anterior    Superior    Seguinte