A comparsa de cada aldea ten unha banda de gaitas formada por catro, cinco ou seis números que tocan instrumentos tradicionais galegos como gaitas, tambor, pandeiretas e bombo. Estas bandas son contratadas por cada comparsa e, a pesar de estar traballando, tamén o pasan moi ben.

As comparsas organízanse por medio duns presidentes. Normalmente son dous ou tres que se encargan de organizar as actividades festivas e recadar os cartos para financiar todos os actos previstos. A recadación faise pola aldea entre as casas que a compoñen; no caso de que nunha casa convivan máis dun matrimonio págase por matrimonio, igualmente os socios da comparsa realizan aportacións. Os cartos recadados utilízanse para pagarlles ós gaiteiros e as súas comidas, para o aluguer e alumeado do baixo no que se celebrará a festa pola noite, para foguetes que se utilizan durante os desfiles, para comprar os ingredientes de comidas que se regalan ós compoñentes da comparsa o último día: filloas, orellas, chulas, bandullos, chocolate, etc. Pero no que máis diñeiro se gasta é no viño tinto, do que se consumen grandes cantidades. En todas estas compras, ás veces, prodúcense rebaixas de prezos, pois normalmente os que subministran comidas e servicios son os propios veciños que teñen tendas, bares ou baixos axeitados.

En épocas anteriores á actual a organización do carnaval implicaba a máis xente das parroquias, pódese dicir que participaba practicamente toda a comunidade veciñal, e as actividades prologábanse máis días. Considerábase que o carnaval comezaba o domingo anterior ó domingo de carnaval, chamado o domingo gordo, logo sucedíase o domingo, luns e martes de carnaval. Remataba o domingo seguinte do mércores de cinsa co chamado domingo de piñata. Non se alugaban locais e os festexos celebrábanse nas bodegas dos veciños que tiñan bo viño e nos adros das igrexas e ermidas.

 

 

Superior        Seguinte