xente que ollaba cara ao ceo


Hoxe é moi doado sabermos que a Terra e redonda e que non é o centro do Universo. 

Incluso sabermos que a nosa Galaxia, a Vía Láctea non é a única Galaxia do Universo ou que todo se orixinou hai aproximadamente 15 mil millóns de anos nunha terrible explosión de enerxía: o Big Bang.

Pero moi poucas destas cousas se poderían saber sen o esforzo continuado de xeracións e xeracións de físicos e astrónomos que se esforzaron na comprensión do Universo que habitamos.

Nesta procura do tesouro imos investigar sobre unha mostra representativa destes grandes xenios e dos pasos de xegantes que fixeron dar á humanidade: a primeira medición da circunferencia terrestre, o abandono do xeocentrismo, a determinación das órbitas dos planetas, a lei da gravitación universal, a teoría da relatividade, a medida real do Universo e o estudio do seu comezo e a previsión do seu fin.

Imos traballar por grupos elixindo cada un a un astrónomo e recollendo os seus datos biográficos e as súas máis importantes aportacións para o desenvolvemento do coñecemento astronómico.

O resultado da nosa investigación se reflectirá nunha presentación de diapositivas.

Deberemos tomar notas

  • dos datos relevantes da  biografía do autor
  • da situación do coñecemento astronómico antes das súas investigacións
  • dos descubrimentos realizados por el

Tamén deberemos procurar imaxes para exemplificar os datos que vaiamos expoñer na presentación de diapositivas e ilas gardando nun cartafol que abriremos dentro do noso cartafol persoal.

Logo este traballo o iremos elaborando de xeito cooperativo entre todos os membros do grupo mediante unha wiki, na que recolleremos os datos escolmados nas nosas procuras.

Por último, antes de pasar a deseñar a presentación, presentaremos un esquema do traballo que pensamos realizar ao profesor para que podamos millorara o proxecto inicial con outro punto de vista.

Antes de comezar o traballo fai este Jclic, e faino outra vez cando remates a investigación e teñas visto as exposicións dos teus compañeiros. Verás como seguro que aumentas os teus resultados enormemente. Grazas á investigación aprendes cousas novas.


Esta procura do tesouro está realizada con fins educativos. Agradecemos as informacións que recollemos pola rede das páxinas enlazadas neste traballo. Se algo do noso traballo violase algún copyright fagan o favor de o comunicar para a súa retirada.

Astrónomos