O NOSO IDEARIO

 

  FEducar na liberdade para a paz:

Aproveitando o nome do Centro e a simboloxía da "pomba" como portadora da paz, incorporamos ó centro esta seña de identidade, como valor a reivindicar cada día, fomentando a educación na tolerancia, respeto e solidariedade.

F Atención á diversidade:

Defendemos unha educación para todos e todas na diversidade porque somos, na nosa básica igualdade, diferentes e especiais, e precisamos axudas, dun xeito ou outro e en maior ou menor medida.

F Pluralismo ideolóxico e valores democráticos:

O noso colexio asume e promove o respecto ás diferentes opcións ideolóxicas e fomenta os valores, normas e actitudes democráticas como o mellor xeito de defender o pluralismo das persoas e dos grupos da nosa comunidade escolar.

   

F Normalización lingüística:

Dentro dun ensino de calidade potenciamos a utilización na nosa comunidade educativa, da lingua galega como canle de comunicación normal, tanto nas actividades educativas e administrativas internas ó centro, como nas referentes á súa proxección exterior. Todo isto garantindo o emprego e coñecemento do castelán. 

F Coeducación:

Neste centro pretendemos unha educación centrada nas alumnas e alumnos, considerados ámbolos dous con igualdade de dereitos e oportunidades. Polo tanto, identificámonos cunha educación non sexista, que rexeita toda forma de discriminación por razón de sexo.

 

   

F Adaptación e apertura ó contexto:

Propoñemos, promovemos e defendemos unha escola aberta ó coñecemento e a relación co contorno social e cultural, contribuindo á súa mellora e procurando que esta relación sexa bidireccional, é dicir, que a escola e o medio sexan á vez motores e beneficiarios desta relación.

F Defensa do medio ambiente:

Fomentamos unha educación ambiental que trate de comprender e afrontar as relacións do individuo co medio, partindo do contorno máis próximo, de xeito activo e solidario en beneficio da calidade de vida, potenciando unha educación para a saúde e o consumo e implicando nela a toda a comunidade educativa.

 

Arriba