Entrevista a Quico Cadaval

 

 1.Por que e como empezaches a contar contos?

Por que me enterei que os outros cobraban. E había moita xente que actuaba, cobraba e facía de iso un medio de vida. Eu, facíao pero sen cobrar, por un impulso; non se sabe que impulso é, por que sabes historias que a ti che impresionaron ou che divertiron entón queres transmitilo. Estás moi habituado a falar, entón eu na miña vida diaria contaba historias constantemente. Un día vin a un artista costarricense, que se chamaba Alejandro Tosate, eu ia ao teatro e vin que aquel tipo facíao mesmo que facía eu, que era contar historias, non facía teatro tal como o entendía eu nese momento. Entón empecei a contalas profesionalmente así, agora, como as empecei a contar...

Por exemplo, de pequeno había amigos que preferían xogar ao fútbol e outros que preferíamos ir ao cine, eu era dos que preferían ir ao cine, entón os que xogaban ao fútbol, ao acabar a película saber.. Queríanno todo, querían xogar ao fútbol e saber a película entón eu tiña que contarlla. Entón eso foi como empecei de pequeno a contar historias, contando películas aos rapaces que preferían meter o diñeiro en outras cousas en vez de metelo en ir ao cine. Nesto coincidín con dous narradores máis, con Moisés Bamba, de Burkina Faso e con Nicolás Buenaventura. Só que eles cobraban, xa de pequenos, cobrabábanlle aos amigos cando iban ao cine, por contarlles a película.

2.Que estudaches?

Estudei o ensino secundario. Cando era pequeno, era dos quince aos dezaseis anos, e despois viña o COU que era un curso preuniversitario. No noso ensino secundario había ciencias ou letras. En letras tiñas latín e grego de distintas e en ciencias tiñas matemáticas e física, e despois en sexto engadíase bioloxía pra os de ciencias e historia da arte pra os de letras. Despois viña o COU, que tamén tiña certas escollas. Eles dicíanche dun saco de materias podías escoller as tres que quixeras. Pero non era así, eles xa tiñan os grupos de tres que aos profesores lles parecía razoables, que eran.. química-física-matemáticas, química-física-bioloxía, literatura-filosofía-historia, historia-xeografía-filosofía esas cousas... Eu lémbrome que o día que chegamos a COU e escollemos, un rapaz, dixo que quería estudar unha cousa así, inverosímil para os profesores, Literatura española, matemáticas e lóxica. Entón dixéronlle que iso non podía ser, por que non tiña sentido ningún, que isto era un curso de orientación universitaria, que tiña que ver coa súa vocación. Preguntáronlle: -Ti que queres ser? E el dixo: -Mecánico Entón ríronse del os profesores.-Para ser mecánico non che fai falta estudar. Que é unha mentira, pra todo fai falta estudar, e ser mecánico é unha cousa moi boa. Entón asustouse, pensou que o ían botar. Dixéronlle: -Tes que escoller unha carreira universitaria. E dixo el: -"Inguiniero" E dixéronlle: -"Inguiniero" ¿eh?, pois Matemáticas, física e química. El quedou todo asustado e eu escollín cousas que me iban un pouco mellor. E, con estas escollas de letras, cheguei a universidade sen saber nada de ciencia, esquecéraseme completamente a Álxebra, e non entendía ben a teoría da relatividade, que despois fixéronme moita falta pra os meus estudos dramáticos, por que, no do teatro e na arte en xeral, e unha aplicación das matemáticas. Entón estudei Historia da arte, e fracasei nos meus estudos. Na universidade quero dicir. Estudei Historia da arte e tiven un inconveniente moi grave en historia moderna de terceiro, que era todo matemáticas, e despois, todas as cousas que a min me excitaban e me estimulaban estaban moi lonxe, en quinto, entón non acabei a carreira. Despois fixen estudos teatrais así... Irregulares, tiven un ano sabático e estiven en distintas compañías de teatro, desde Teatro de Rúa hasta Teatro Clásico Español. Tiven profesores, algúns moi prestixiosos e outros moi bos, que eran xente de dramaturxia, como eu lembro a Sanchis Sinisterra pero sobre todo, nos fomos moi autodidactas, i eu tiven a sorte de que me apareceu na miña vida Xoan Cejudo, un actor e director, que me orientou moi ben na arte dramática, que é unha cousa parecida a ser mecánico.

3.Tes algún proxecto en mente para o futuro?

Si, teño moitos, cal queres que che diga (risas). Non, a verdade é que quería traballar mais, entón estes días funme a unha illa deserta para escribir, e non escribín nada. Eu levo traballando con actores moi bos, que son: Victor Mosqueira e Evaristo calvo, e invitamos despois a mais xente, entón, dalgún modo, eles marcan moito as cousas que fago. Practicamente non teño que dirixir, saen ao escenario, fano e xa está ben. E... quero traballar con xente mais nova, xente que aínda poida ganar, que non o coñezan. E tiña un par de proxectos que me parecen interesantes. Penso que se poden facer clásicos que lle interese a un público moi amplo, incluída a da vosa idade (N.T: 12 anos)

4.Cal é a obra ou monólogo que mais che gusta representar?

O complexo de Edipo, que é unha historia do clasicismo grego, un home que sen sabelo mata ao seu pai, despois casa coa súa nai e ten fillos con ela. I eu conseguín darlle un punto de vista moi orixinal por que é unha historia clásica comentada por unha muller de cultura tradicional galega, que é, a súa vez, a miña nai, e entón todo esta relacionado coa cultura hortera de cotilleos, das revistas do corazón... Estes tres puntos de vista: A cultura popular, a cultura clásica e a cultura hortera, dan lugar a unha cousa que para min é moi rica. Iso das obras que son produtos meus, e despois, en canto a gustos por obras de teatro son moi anticuado. Eu sempre fun moito de Shakespeare, por que foi un señor que fixo personaxes que duran para sempre, mais ultimamente estou mais interesado en cousas de gángsters e de política. Hai unha obra, da que fixeron película que se chama Primeira páxina, Primeira Plana creo que lle chaman en “castellano” E é moi interesante, porque é unha obra na que a acción transcorre nun día, está moi concentrado o tempo e iso é moi excitante. Hai outras obras de teatro na que pasan semanas ou meses, e... cando as cousas están así moi apertadas, como dicindo: Maña execútano, ten que chegar o indulto a tempo, e vemos todas as peripecias na que se intenta salvar a vida dun home, ou acabar con ela e ao mesmo tempo e moi divertido, eses dous elementos, que sexa un asunto importante como salvar a vida dun home e que te esteas rindo todo o tempo e algo que me gusta bastante, entón deixámolo en Primeira Plana

5.Cal é o teu autor favorito é por que?

Quico—. Hai que pensar que non é o mesmo autor que obra, xa que as cousas varían, porque falas dunha obra de Shakespeare que che pode gustar, e o autor é mais extenso. Por iso eu son bastante devoto de Álvaro Cunqueiro, que é un autor que morreu no ano 80. Se cadra a maneira que tiven eu de contar Edipo estaba moi influído por el, porque el collía asuntos clásicos, por exemplo, asuntos cabaleirescos da idade media, ou asuntos de historias orientais da china ou de Xapón e era capaz de mostrar un punto de vista de agora, como esas cousas de trasladar todo no tempo e de algún modo rirse de que todo sexa moi importante na cultura, pois iso pódese ver en cousas como na Historia de Ulises, un militar que tarda 10 anos en gañar unha batalla (e iso que era o mellor), e despois dando volta para casa lévalle moitísimo tempo. Bótalle a culpa a Poseidón, o deus do mar, que lle estraga todos os barcos, e encóntrase cunha chea de bruxas… que tamén é mala sorte ¿Non?... poderíase dicir que enganchaba en todas as silveiras, ¿coñecedes esta expresión?

Nós—. Si.

Quico—. É unha expresión que quere dicir que alguén se deixa liar…

Silvia—. Pero iso era cando no camiño a casa había silveiras, agora se vives nunha urbanización xa non hai silveiras que te enganchen, non?

Quico—. O que pasa e que esa era a desculpa, como un conto tradicional para explicar por que se chegaba tarde a casa. Por exemplo, un mozo que volvía á casa dunha festa e podía dar unha volta moi grande pero prefería atravesar polo cemiterio, e as sombras que proxectaba a Lúa sobre o camiño parecía que había cousas que se movían e ía asustándose cada vez máis e había un momento no camiño en que nota un aire moi frío e unha man que o agarra no ombro e non pode andar e di “Ai déixame, déixame, se es un difuntiño hei dicir misas pola túa alma por favor déixame, non vou ser nunca máis malo…” e bota así pola noite ata que pola mañá ve que é unha silveira que lle enganchou a roupa, e por iso quedou o dito de enganchar nunha silveira… e iso era o que lle pasaba a Ulises…

Nós—. Xa…

Quico—. …que enganchaba en todas as silveiras. Entón eu supoño que coñecedes a historia de Ulises, non? Houbo moitísimas versións en debuxos animados, ou películas… E entón o de Ulises, Cunqueiro facíao con moitísimas cousas, e ao mesmo tempo introducía o elemento popular, por exemplo enganchar nunha silveira, que foi a razón pola que Ulises tardou dez anos en chegar a casa, por eso se di que o can de Ulises foi un dos que mais viviu, porque se o amo botou 10 anos na guerra e dez anos voltando a casa, o can tiña que pasar dos vinte anos, porque foi o único que o recoñeceu cando volveu, e iso que o can xa estaba cego e recoñeceuno polo cheiro. Nas culturas clásicas aos cegos dánlle moita importancia. O autor da Odisea miticamente era un cego, quíxolle dar protagonismo a un can cego. Máis ou menos, así é Cunqueiro. Consúltallo ao teu pai (dirixíndose a Carmela), que el sempre me criticaba as obras de cunqueiro: “Ai, iso non sei de onde o sacarías...”

Carmela—. Bueno, el critica todo

Quico—. Ah, entón xa me deixas mais tranquilo. Eu indigneime moito cando se inaugurou o auditorio Novacaixagaliciabancoetcétera no que había cinco oradores e tres deles están encausados que son: o director de Caixa Galicia, o director de Caixa Nova e o ex-alcalde de Santiago, Conde Roa. (...) E chegou un momento que unha azafata dixo “Agora, todos de pé, que vai rezar o arcebispo” e todo o mundo se levantou, e nos quedamos un pouco como: “Pero este non é un estado laico?” e quedamos sentados cinco ou seis. E ademais chegou un home tarde e dixo: “¿¡Pero que pasa aquí!?, ¿¡Que fan rezando!?.

6.Cal foia túa relación con Vidal Bolaño?

Pois con Vidal Bolaño eu coñecíao como unha figura que andaba por Santiago cando eu estudaba, e despois casualmente cando se funda o Centro Dramático Galego lle dan a oportunidade de facer unha obra. Fai unha que se chama “Agasallo de Sombras” que era digamos sobre as sombras que na súa opinión rodeaban a vida de Rosalía de Castro e a min tocoume facer de Edgar Allan Poe. Coñecino aí. Nos anos seguintes el foi marxinado levemente e fixo unha obra moi divertida indignándose por esta marxinación e doume emprego. A diferenza entre actores e teatreiros é que os teatreiros son xente que continúan vivindo no teatro, se non pode ser de actor pois es tremoista ou montador ou eléctrico. Entón a min levoume naquela obra de eléctrico e foi unha experiencia moi interesante o ver o que é a experiencia escénica, o ver a un tipo desde o escenario enfrontándose ao público, e moitas veces enfrontándose directamente ao público. Lembro unha mítica no Castelo de Moeche que houbo que sobrevivir a base de copas de coñac polo frío. Era un castelo en ruínas e o público veu dos lugares próximos e Roberto estaba con moita tose e entón o público dáballe receitas para o tose, recomendáballe todo tipo de pastillas e el contestáballe e todo, durou media hora máis e a partir de aí doume a maioría de idade e xa me considerou un colega, non un aprendiz e volvín a traballar con el en máis ocasións. Tamén convidoume a dirixir a súa obra “Días sen Gloria” que se vai representar este ano e acompañei a xira de Saxo tenor que foi o seu proxecto máis ambicioso no sentido de que metía moitos actores en escena que era una. El sempre escribiu sobre Santiago, digamos que a obra de Roberto Vidal Bolaño é unha vinganza contra Santiago, unha vinganza, unha homenaxe, normalmente as relacións dos autores coa súa cidade sempre ten una mestura de todo, de que queres inmortalizala, de que te queres rir, queres axustar contas… Roberto contaba con moita graza como eran os anos sesenta, que el viviu como adolescente e el buscábase a vida como vós entrevistando a artistas, pero el entrevistaba artistas importantes que actuaban na Alameda, por exemplo Rita Pavone, que igual non a coñecedes pero era unha cantante italiana dos anos sesenta que era famosa; era máis que Laura Pausini agora, sería coma Shakira de famosa, non de corpo nin de voz nin de nada senón de famosa era como Shakira e foina entrevistar Roberto que era moi alto e caeulle enriba a Rita Pavone que era moi pequena e foi cando perdeu o seu emprego de entrevistador, por iso recoméndovos que non me caiades enriba entrevistándome. El contaba todas estas cousas con moita graza e despois eu tiven moita relación, como se di vémonos nos bares pero profesional creo que foi esa. Foi “Saxo tenor” que eu fixen a dirección en xira, era un espectáculo que montou el e logo “Días sen gloria” que dirixín eu, que dirixín o autor que é unha cousa moi rara porque ti dislle o autor como ten que facer o personaxe cando o autor xa o debía saber porque Roberto era o autor da obra e o mesmo tempo era o protagonista. Era unha obra sobre os peregrinos profesionais que había na Idade Media, xente que peregrinaba por outros que normalmente eran delincuentes que se aproveitaban de que no Camiño de Santiago había moito ambiente e que era máis difícil que os apañasen e entón chamábanse galloufos, era un personaxe que sempre lle interesou moito a Roberto, foi unha obra que eu oía na furgoneta como ía escribindo, ía cambiando o título, chamándolle Xubileo e ao final púxolle ese título “Días sen gloria” que non é un bo título porque non se entende moi ben, pode parecer “Días en gloria” ou “Días…

Silvia—. A min sóame a western.

Quico—. Sóache a western, pois é un western, entón está ben titulado porque realmente el para isto, imos a revelalo así en exclusiva, inspirouse nunha película que creo que se chama, igual me engano “Los centauros del desierto” en castelán que non se parece nada ao título en inglés, é o título dunha canción en inglés e creo que é John Wayne que vai buscar unha nena que criaron os indios porque mataron a súa familia, entón a nena criouse cos indios, el vaina buscar para entregarlla a outros familiares e é esa viaxe, entón Roberto adoraba esa película e esa época do wester e fai do camiño de Santiago un wester un lugar fronteirizo, un lugar sen lei e despois iamos ás estreas e criticábamos un a do outro.

Silvia—. Pero con teorías teatrais ou con fallos, ou sexa, aplicabades aí una teoría intelectual para as criticas ou…

Quico—. A verdade o que ten a bohemia é que despois da estrea vas aos bares, a cousa quéntase ou vai máis moderada ou cousas así pero Roberto foi unha figura moi singular, el tivo unha vontade constante de …, dicían ás veces que a estatua de Roberto tería que ser na terraza do Rúa Nova cunha de ambiente, parecida a estatua de Pessoa en Lisboa, porque el era consciente que estaba pasando á historia cando estaba alí tomando unha bebida.

Quico Cadaval inaugurando a Sala Persebeira de Porto do Son