Xeral | 30 Nov 2012
A Presidenta da ANPA no Consello Escolar
Nas recentes elecións ó Consello Escolar foi elixida en representación dos pais e nais do centro a presidenta da ANPA, Sonia Calvete. Noraboa e grazas a todos os que a votaron.
Xeral | 14 Nov 2012
A ANPA DO IES PONDAL APOIA A FOLGA XERAL DO 14 DE NOVEMBRO
A ANPA do IES Eduardo Pondal de Santiago de Compostela comunica o seu apoio á folga xeral do mércores 14 de novembro. Esta folga foi convocada por tódolos sindicatos e apoiada por un amplo conxunto de asociacións entre as que figura a Federación de ANPAs de Compostela.
A razón de que unha asociación de nais e pais se sume a unha folga xeral é que consideramos que estamos a atravesar un momento de emerxencia social: tras unha reforma laboral na que os traballadores vimos minguados os nosos dereitos, o paro segue aumentando, imparable, ao tempo que se recortan os salarios e os impostos soben, empobrecendo ás clases traballadoras de maneira palpable día a día.
Ademais, como ANPA aféctannos moi directamente os recortes en educación, que hipotecan a nosa vida e o futuro dos nosos fillos e fillas; a educación sofre unha mingua na súa calidade, con aumento do número de alumnos por aula e redución do profesorado en primaria e secundaria, por máis que tenten disfrazarse as cifras ou as intencións destas medidas. E non debemos esquecer que temos á vista unha nova lei de educación que claramente pretende beneficiar os intereses das clases altas, favorecer o ensino privado e facer cada vez máis difícil o acceso ó ensino para as familias menos favorecidas económicamente.
Os recortes en educación son só unha pequena parte das razóns que levan a un bo número de colectivos a unirse nesta folga e son, por si mesmas, abondo para movernos, para unirnos pedindo unha política que nos achegue a un futuro máis xusto, máis igualitario a través dunha educación pública e de calidade para todos.
Cremos que é moi importante que as autoridades perciban que non estamos de acordo co que nos están ofrecendo nin co que nos queren impoñer para o futuro: coa participación de todos, a nosa voz soará máis forte.
Recibide un saúdo
Xunta Directiva da ANPA do IES Eduardo Pondal (Santiago)