Artigos Comentarios Luns, 20 Abril 2026

Xeral | 20 Xuñ 2007 06:58 pm

OS NOSOS ESTATUTOS (renovados en 2012)

Descarga estatutos en pdf (actualizados en Xullo 2012)

ESTATUTOS DA ASOCIACIÓN DE NAIS E PAIS DE ALUMNOS “PEREGRINA” DO INSTITUTO DE ENSINO SECUNDARIO “EDUARDO PONDAL” DE SANTIAGO DE COMPOSTELA.

CAPÍTULO  I  DENOMINACIÓN, FINS, DOMICILIO, ÁMBITO

Artigo 1. Coa denominación ASOCIACIÓN DE NAIS E PAIS DE ALUMNOS “PEREGRINA” DO INSTITUTO DE ENSINO SECUNDARIO “EDUARDO PONDAL” DE SANTIAGO DE COMPOSTELA, constitúese esta asociación ao abeiro da Lei Orgánica 8/1985 do 3 de Xullo, reguladora do Dereito á Educación, e da  Lei Orgánica 1/2002  do 22 de Marzo, reguladora do Dereito de Asociación, e demais leis e disposicións complementarias,  con capacidade xurídica e plena capacidade de obrar, carecendo de ánimo de lucro.

Artigo 2. Esta Asociación  constitúese por tempo indefinido.

Artigo 3. Terá como fins os seguintes:a) Asistir aos pais e titores en todo o concernente á  educación dos seus fillos e pupilos.b) Colaborar nas actividades educativas e extraescolares do Centro.c) Promover a participación dos pais do alumnado na xestión do Centro.d) Asistir aos pais do alumnado no exercicio do seu dereito a intervir no control e xestión do Centro.e) Facilitar a representación dos pais de alumnos no Consello Escolar do Centro.f) Estimular a participación dos pais do alumnado na programación xeral do ensino a través dos órganos colexiados correspondentes.g) Fomentar as relacións de cooperación do Centro cos outros establecementos escolares e os sectores sociais e culturais do entorno.h) Promover a plena realización do principio de gratuidade no ámbito do Centro, así como a efectiva igualdade de dereitos de tódolos alumnos sen discriminación por razóns socioeconómicas, ideolóxicas, confesionais, de raza ou de sexo.i) Requirir aos poderes públicos o cumprimento das leis, regulamentos e plans de actuación relativos á educación, demandando a atención e axudas que esta mereza.j) Promover actividades formativas, culturais e de estudio.k) Promover reunións de colaboración de pais con profesores e as boas relacións entre eles.l) E todos aqueles outros non recollidos nos estatutos e que sexan conformes á lei.

Artigo 4. Para o cumprimento destes fins se realizarán, loxicamente, todas aquelas actividades formativas, culturais ou de estudio necesarias, reunións con tódolos sectores da comunidade educativa, e todas aquelas outras actividades tendentes a cumprir os fins sinalados  que sexan conformes á lei e decididas polos órganos competentes.

Artigo 5.A). Para a realización das actividades que lle son propias, a Asociación utilizará locais do Centro, e a Dirección facilitará a integración das devanditas actividades na  vida escolar, tendo en conta o normal desenrolo da mesma.B). A efectos da utilización dos locais do Centro a que se refire o apartado anterior será necesaria a previa comunicación da Xunta Directiva da Asociación á Dirección do Centro.

Artigo 6. Para o mellor cumprimento dos seus fins esta Asociación integrarase nas Federacións e Confederación de ANPAS estatais, autonómicas e municipais que aprobe a Asemblea Xeral.No referente as federacións de ámbito municipal, a Asociación integrarase nas do Concello de Santiago de Compostela e nas dos concellos limítrofes dos que proveña o alumnado do Centro.

Artigo 7. O ámbito da Asociación abranguerá a tódolos Concellos onde residan os alumnos do Centro Educativo, e fixa o seu domicilio no Instituto de Ensino Secundario “Eduardo Pondal” en Santiago de Compostela, sito na rúa Doutor Maceira, nº 9.  

CAPÍTULO II ÓRGANO DE REPRESENTACIÓN Artigo 8. A Asociación estará representada e administrada por una Xunta Directiva formada por: - Presidente/a,- Secretario/a,Tódolos cargos que compoñan a Xunta Directiva serán gratuítos. Estes serán designados e revocados pola Asemblea Xeral Ordinaria ou Extraordinaria e o seu mandato terá unha duración de dous anos, renovándose a partires do segundo ano, cada ano a metade dos membros, podendo ser reelixidos.

Artigo 9. Os membros da Xunta Directiva que teñan esgotado o prazo para o cal foron elixidos, continuarán ostentando o seus cargos ata o momento en que se produza a designación dos que os vaian  substituír.

Artigo 10. A elección dos membros da Xunta Directiva pola correspondente asemblea, será polo procedemento de listas abertas.

Artigo 11. A Xunta Directiva elixirá de entre os seus membros aos cargos correspondentes.

Artigo 12. As vacantes que se puideran producir por renuncia voluntaria, comunicada por escrito á  Xunta Directiva, ou por incumprimento das obrigas inherentes ao cargo, poderán cubrirse provisionalmente por membros que designe a Xunta Directiva ata que se celebre a primeira reunión da Asemblea Xeral.

Artigo 13. A Xunta Directiva  reunirase sempre que sexa convocada polo Presidente/a. Tamén deberá reunirse a petición dun tercio da totalidade dos seus compoñentes. Quedará validamente constituída cando asista a metade máis un dos seus membros e, para que os seus acordos sexan válidos, deberán ser tomados pola maioría dos votos dos presentes. En caso de empate, o voto do presidente será de calidade para deixar sen efecto o empate.

Artigo 14. As facultades da Xunta Directiva estenderanse, con carácter xeral, a tódolos actos propios dos fins da Asociación, sempre que non requiran, segundo estes Estatutos, autorización expresa da Asemblea Xeral.Son facultades particulares da Xunta Directiva:a) Dirixir as actividades da Asociación e levar a xestión económica e administrativa, acordando realizar os oportunos actos e contratos.b) Executar os acordos da Asemblea Xeral.c) Formular e someter á aprobación da Asemblea Xeral os balances, contas e programa anual de actividades.d) Resolver sobre a admisión de socios se fose necesario.e) Nomear delegados para algunha actividade determinada da Asociación.f) Calquera outra facultade que non sexa de competencia exclusiva da Asemblea e sexa conforme á Lei.Artigo 15. O/ Presidente/a terá as seguintes atribucións: Representar legalmente á Asociación perante toda clase de Organismos Públicos ou privados; convocar, presidir e levantar as sesións que celebre a Asemblea Xeral e a Xunta Directiva, así como dirixir as deliberacións dunha e doutra; ordear pagos e firmar xunto co Tesoureiro os libramentos, cheques, etc.; recibir no nome da Asociación calquera cantidade procedente de subvencións de Entidades Públicas ou privadas; autorizar coa súa sinatura os documentos, actos e correspondencia da Asociación; adoptar calquera medida urxente que a boa marcha da Asociación aconselle, ou no desenvolvemento das súas actividades resulte necesaria ou conveniente, sen perxuicio de dar conta posteriormente á Xunta Directiva; asumirá tamén, en todo caso, tódalas facultades que a Lei establece.

Artigo 16. O/a Presidente/a poderá delegar nalgún vogal as súas competencias para a atención ou xestión de asuntos determinados ou un conxunto dos mesmos, previa conformidade da Xunta Directiva.

Artigo 17. O/a Secretario/a terá ao seu cargo a Dirección dos traballos meramente administrativos da Asociación, expedirá certificacións, levará os Libros da Asociación legalmente establecidos e o ficheiro de Asociados e custodiará a documentación da Entidade, facendo que se cursen as comunicacións sobre designación de Xuntas Directivas e demais acordos sociais inscribibles nos correspondentes rexistros, así como a presentación das contas anuais e do programa de actividades e o cumprimento das obrigas documentais, nos termos que legalmente correspondan; ademais velará pola conservación dos locais sociais e gardará o cuño da Asociación.Artigo 18. O/a Tesoureiro/a estará encargado de recadar e conservar os fondos e bens da Asociación. Levará o Libro de Caixa e firmará os libramentos de fondos xunto co Presidente; elaborará o proxecto de presuposto que a Xunta Directiva debe presentar perante a Asemblea Xeral e preparará as contas que deban someterse á devandita  Asemblea.

Artigo 19. Os Vocais terán as obrigas propias do seu cargo como membros da Xunta Directiva e poderán recibir por acordo desta o encargo de presidir ou coordinar grupos de traballo así como a execución de comisións, representacións e outras tarefas que pola Xunta Directiva lles fosen encomendadas.

Artigo 20. A Xunta Directiva poderá establecer as seguintes comisións:a)       A Comisión Permanente, composta polo Presidente ou Presidenta, Secretario/a e o/a representante da Asociación no Consello Escolar ou membro nomeado pola Xunta Directiva para tal fin. Esta comisión terá como función dar solución a determinados temas para os que pola súa urxencia non poida ser convocada a Xunta Directiva.b)       A Comisión Económica, composta pola Presidenta ou Presidente, Tesoureiro/a. A súa función será a de asistir a Tesoureira/o.c)       E calquera outra que se acordo constituír.

Artigo 21. As vacantes, que se puideran producir durante o mandato, de calquera dos membros da Xunta Directiva, serán cubertas provisionalmente  polos devanditos membros ata a elección definitiva pola Asemblea Xeral. 

CAPÍTULO III ASEMBLEA XERAL  Artigo 22. A Asemblea Xeral é o órgano supremo e soberano da Asociación e estará integrada por tódolos socios.

Artigo 23. As reunións da Asemblea Xeral serán ordinarias ou extraordinarias. A ordinaria celebrarase obrigatoriamente unha vez ao ano, dentro dos catro meses seguintes ao peche do exercicio e nela  propoñerase a aprobación das contas e presupostos e o programa Xeral da actuación social. Tamén nela procederase á elección de membros da Xunta Directiva cando corresponda por imperativo estatutario. As extraordinarias celebraranse  cando as circunstancias o aconsellen, a xuízo da Presidencia, cando a Xunta Directiva o acorde ou cando o pida ou solicite formalmente por escrito alomenos un tercio dos asociados.

Artigo 24. As convocatorias das asembleas xerais realizaranse por escrito expresando o lugar, día e hora da reunión, así como a orde do día con expresión concreta dos asuntos a tratar. Entre a convocatoria e o día sinalado para a celebración da asemblea, en primeira convocatoria, haberán de mediar alomenos 2 días hábiles, pudendo así mesmo facerse constar a data e hora na que se reunirá a asemblea en segunda convocatoria, sen que entre una e outra poida mediar un prazo inferior a media hora.

Artigo 25. As asembleas xerais, tanto ordinarias como extraordinarias, quedarán validamente constituídas en primeira convocatoria cando concorran a elas a maioría dos asociados, e, en segunda convocatoria,  con calquera que sexa o número de asociados presentes.Os acordos tomaranse por maioría simple das persoas presentes ou representadas, cando os votos afirmativos superen aos negativos, non sendo computables a estes efectos os votos en branco nin as abstencións.

Artigo 26. Será necesario o voto favorable de metade máis un dos asociados presentes na asemblea para adoptar as seguintes decisións:a) Nomeamento das Xuntas Directivas.b) Disposición ou Alleamento de Bens.c) Solicitude de Declaración de Utilidade Pública da Asociación.d) Integración en Federacións e Confederacións.e) Modificación Estatutaria.f) Disolución da Asociación. 

CAPÍTULO  IV SOCIOS 

Artigo 27. Poderán ser membros da Asociación tódolos pais ou titores, maiores de idade, dos alumnos que cursan estudios no Instituto de Ensino Secundario “Eduardo Pondal” de Santiago de Compostela.

Artigo 28. Serán dereitos dos asociados:a) Elixir e ser ilexible para tódalas funcións representativas da Asociación.b) Ter voz e voto nas reunións da Asociación.c) Tomar parte en tódalas  actividades da Asociación e utilizar os servicios que se poidan establecer en beneficio dos socios.d) Dirixir peticións e propoñer iniciativas aos Órganos de Goberno da Asociación.e) Demandar e recibir da Xunta Directiva canta información precisen sobre a xestión asociativa,f) Asistir a tódalas reunións e actos convocados pola Xunta Directiva.g) Colaborar activamente no cumprimento dos fins da Asociación e na execución e eficacia dos mesmos.

Artigo 29. Serán deberes dos socios:a) Observar e cumprir os estatutos da Asociación e os acordos da Asemblea.b) Contribuír economicamente ao sostemento da Asociación na forma e modo que se estableza na Asemblea Xeral.c) Compartir as finalidades da asociación e colaborar para a consecución das mesmas.

Artigo 30. Causarase baixa na Asociación:a) Por petición do interesado.b) Por baixa dos/as fillos/as matriculados no Centro.c) Por falta de pagamento das cotas dun período superior a tres meses e mediando un apercibimento previo da Xunta Directiva.d) Por incumprimento dos Estatutos.e) Por utilización da Asociación con fins alleos aos específicos da mesma.Para excluír a calquera socio polas causas dos apartados d ou e do anterior artigo, deberase abrir un expediente pola Xunta Directiva no que se sinalarán detalladamente os feitos que orixinan a expulsión. Así mesmo deberase escoitar ao propio expedientado, que poderá presentar un prego de descargo alegando o que considere conveniente na súa defensa e que se unirá ao expediente que estudiará a Xunta Directiva, antes de propoñer a decisión que considere oportuna. Se optase pola expulsión, deberá presentala na seguinte Asemblea Xeral, que, despois de escoitar á Xunta Directiva e ao socio se o solicitase, tomará unha decisión que será inapelable.

Artigo 31. Os recursos económicos para o desenvolvemento dos fins e actividades da Asociación serán os seguintes:a) As cotas dos socios periódicas ou extraordinarias que serán determinadas pola Asemblea Xeral a proposta da Xunta Directiva.b) As subvencións, legados, herdanzas ou doazóns que podera recibir de forma legal e que sexan aceptadas, tanto que proveñan de persoas físicas coma xurídicas.c) Calquera outro recurso de procedencia lícita.

Artigo 32. A Asociación carece de patrimonio fundacional. O patrimonio social que se vaia constituíndo estará composto por tódolos bens que se adquiran para a realización dos fins sociais. A súa administración corresponde a Xunta Directiva.

Artigo 33. O exercicio asociativo e económico coincidirá co inicio e finalización do curso escolar que fixe a Administración Educativa para cada ano académico. CAPÍTULO V DISOLUCIÓN

 Artigo 34 A Asociación constitúese por prazo indefinido. A Asemblea Xeral poderá acordar voluntariamente a disolución da Asociación cando así o decida a Asemblea Xeral en reunión extraordinaria convocada ao efecto, e por acordo dunha maioría de dous tercios dos asociados.

Artigo 35. En caso de disolución  nomearase unha comisión liquidadora a cal, unha vez extinguidas as débedas, e se existise sobrante líquido,  destinarao a aquelas entidades sen ánimo de lucro dedicadas á realización de fins educativos cun espírito similar ao que anima a esta Asociación, que serán sinaladas na Asemblea Xeral na que se acorde a liquidación. 

DISPOSICIÓN ADICIONAL En todo o que non estea previsto nos presentes estatutos, aplicarase a vixente lei orgánica 1/2002 do 22 de marzo, reguladora do Dereito de Asociación, así como a lei orgánica 8/1985 do 3 de Xullo reguladora do Dereito á Educación, e demais disposicións específicas de aplicación provenientes da Comunidade Autónoma de Galicia, ou do Dereito Estatal Supletorio en ausencia do autonómico, segundo dispón a Constitución Española.

Comentarios desactivados.