Membros do Dpto.
quen somos...
Libros recomendados
recomendamos...
Apuntamentos
para estudar...
Exercicios
para practicar
Ligazóns
ligazóns interesantes

Selectividade
información sobre a selectividade




IES Pintor Colmeiro > Departamentos > Lingua Galega > A reforma de Normativa


O 12 de xullo de 2003 a Real Academia Galega aprobou unha proposta de modificación da “normativa oficial” do galego. A normativa oficial nacera como tal a raíz do Decreto de Normativización da Lingua Galega (coñecido como “Decreto Filgueira” e publicado no DOG en abril de 1983), que viña consagrar como modelo para a escrita da lingua galega as “Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego”, aprobadas en sesión conxunta da Real Academia Galega (RAG) e do Instituto da Lingua Galega (ILG) en xullo de 1982.

A proposta de modificación da “normativa oficial”, referendada pola RAG, veu precedida dun intenso traballo en prol do consenso normativo, auspiciado pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega, e que deu nunha proposta de modificacións das devanditas Normas Ortográficas aceptada polo ILG e os departamentos de Lingua das tres universidades e apoiada por un número importante de entidades, colectivos e persoas interesadas pola normalización do noso idioma.

A ratificación que o pleno da RAG fixo de modificación no texto da normativa oficial foi saudada de xeito positivo desde a case totalidade dos sectores que pulan pola normalización plena do noso idioma, sexan do ámbito que sexan (lingüístico, cultural, político, sindical...), agás por unha parte dos círculos reintegracionistas que alertaban do escaso alcance das modificacións aprobadas e da marxinación das súas propostas.

Estas son as máis salientables mudanzas realizadas na norma segundo a Real Academia Galega:

Sinalar como opcións preferentes algunhas que estaban admitidas como válidas nas propias Normas, mais que estaban consideradas como opcións non aconsellábeis (é o caso das terminacións “-bel” e “-aria” ou da contracción “ao” . Ex: amábel, apetecíbel, estábel, terríbel, variábel..., libraría, carnizaría, cervexaría, enfermaría, enxeñaría, gandaría, moblaría, reloxaría, zapataría, tinturaría, peixaría..., vou ao teatro...

Desaconséllase a representación gráfica da chamada “segunda forma do artigo”; e así óptase por escribir, por exemplo, “cambiar as cousas” no canto da solución anteriormente recomendada “cambia-las cousas”, adecuada na oralidade.

Óptase por grafar todo xunto, a diferenza de antes, palabras como: apenas, amodo, devagar, acotío, decotío, decote, dabondo, dacabalo, namais, pasadomañá, talvez, etc. Sen embargo debemos separar: vinte e un, vinte e dous, vinte e tres...

Inclúense novas palabras coa terminación “-zo” ou “-za” (anteriormente “-cio”, “-cia”), por exemplo espazo, servizo, diferenza, presenza, licenza, grazas, perseveranza, ou “sentenza”. A forma Galiza recoñécese como tradicional e literaria, e é aceptada nas novas normas.

Por regra xeral, desaparece a letra “c” dos grupos consonánticos “-ct-“ e “-cc-“ se están precedidas das vogais “i” e “u”, por exemplo: afición, conduta, condutor, conflito, contradición, construción, delito, destrutor, dicionario, ditado, ditadura, estrito, estrutura, frutífero, obstrución, produtor, produtivo, produto, redución, tradución, tradutor, vítima, Vítor, vitoria, vitorioso, xurisdición, etc. Así e todo, esta primeira consoante mantense nalgunhas palabras pertencentes a linguaxes especializadas (deíctico, ictericia, micción, adicto...) ou de escasa presenza na fala (ricto, succión, succionar, adicto, fricción...) e tamén se conserva o grupo culto cando é necesario evitar homonimias (adicción / adición, invicto / invito...)

Así mesmo, admítese o emprego de palabras como “até”, “porén”, “estudante” ou do relativo “cuxo”.

A letra “q” vaise chamar “que”, ch chamarase "ce hache", ll chamarase " ele dobre" e qu chamarase "que u".

Os pronomes interrogativos e exclamativos non levan til nin en oracións directas nin en indirectas, agás naqueles contextos en que se poida producir unha confusión entre interrogativo, conxunción ou relativo: Díxome que queres ( "que aceptas”) e Díxome qué queres (pregunta).

Os signos de interrogación e exclamación débense colocar ao principio e ao final da mensaxe interrogativa ou exclamativa, pero tamén é correcto o seu emprego só ao final da interrogación ou exclamación: Que queres? ; Canta xente!

O Apóstrofo ( ' ) non se usa na lingua actual de non ser para títulos de obras ou cabeceiras que o tiñan na orixinal ( O tío Marcos d'a Portela ), e tamén se pode usar para marcar contraccións cando o determinante forme parte do título dunha obra, dunha publicación periódica, dun disco, etc: " Publicouse n' A Trabe de Ouro ".

Non se poden empregar as formas dos demostrativos "esto, eso, aquello", haberá que empregar "isto, iso, aquilo".

A contracción da conxunción comparativa CA mais artigo pode resolverse en CÓ, CÁ, CÓS, CÁS, pero tamén é correcto non realizar a contracción: ca a, ca o, ca as, ca os, aínda que haxa que ler /ka/, etc.



A Biblioteca do Colmeiro
Biblioteca do
IES Pintor Colmeiro

 

Mesa pola Normalización Lingüística

Mesa pola Normalización
Lingüística

As novas normas
As novas normas