ies Pintor Colmeiro Depto. de Orientación

Inicio > Depto. de Orientación > Orientación Académica > Acceso Universidade

 

Orde do 16 de decembro de 2009 pola que se regula, para o ano académico 2009-

2010, a proba de acceso ás ensinanzas universitarias oficiais de grao do sistema

universitario de Galicia para o alumnado que estea en posesión do título de bacharel ou equivalente.

QUE FINALIDADE TEN?

A proba de acceso ás ensinanzas universitarias oficiais de grao ten por finalidade valorar, con carácter obxectivo, a madurez académica do estudante, así como os coñecementos e capacidades adquiridos no bacharelato e a súa capacidade para seguir con éxito as ensinanzas universitarias oficiais de grao.

 

QUEN SE PODE PRESENTAR?

Poderán presentarse á proba de acceso á universidade aqueles que estean en posesión do título de bacharel. Anualmente realizaranse dúas convocatorias da proba de acceso á universidade: ordinaria e extraordinaria.

SOBRE QUE CONTIDOS TE VAS EXAMINAR ?

A proba de acceso adecuarase ao currículo do bacharelato e versará sobre as materias establecidas para o segundo curso de BAC .

COMO ESTÁ ESTRUTURADA ?

1. A proba de acceso ás ensinanzas universitarias oficiais de grao estrutúrase en dúas fases denominadas respectivamente fase xeral e fase específica.

2. A fase xeral da proba ten por obxecto valorar a madurez e destrezas básicas que debe alcanzar o estudante ao finalizar o bacharelato para seguir as ensinanzas universitarias oficiais de grao, especialmente no que se refire á comprensión de mensaxes, o uso da linguaxe para analizar, relacionar, sintetizar e expresar ideas, a comprensión básica dunha lingua estranxeira e os coñecementos ou técnicas fundamentais dunha materia de modalidade.

A fase xeral consta dos exercicios seguintes:

•  O primeiro exercicio consistirá nun comentario, por escrito, dun texto non especializado e de carácter informativo ou divulgativo, relacionado coas capacidades e contidos da materia de lingua castelá e literatura. O exercicio presentará dúas opcións diferentes entre as cales o estudante deberá elixir unha.

•  O segundo exercicio consistirá nun comentario, por escrito, dun texto non especializado e de carácter informativo ou divulgativo, relacionado coas capacidades e contidos da materia de lingua galega e literatura. O exercicio presentará dúas opcións diferentes entre as cales o estudante deberá elixir unha.

•  O terceiro exercicio versará sobre as capacidades e contidos dunha das seguintes materias comúns do segundo curso do bacharelato: historia de España ou historia da filosofía . Consistirá na resposta por escrito a unha serie de cuestións adecuadas ao tipo de coñecementos e capacidades que deban ser avaliados e cun formato de resposta que garantirá a aplicación dos criterios obxectivos de avaliación previamente aprobados. O exercicio presentará dúas opcións diferentes entre as cales o estudante deberá elixir unha. O estudante indicará na solicitude de matrícula para a proba de acceso a materia común (historia de España ou historia da filosofía) da cal se examinará.

•  O cuarto exercicio será de lingua estranxeira e terá como obxectivo valorar a comprensión lectora e a expresión escrita. O exercicio presentará dúas opcións diferentes entre as cales o estudante deberá elixir unha. Na realización do exercicio non se poderá empregar o dicionario nin ningún outro material didáctico.

O estudante indicará na solicitude de matrícula para a proba de acceso a lingua estranxeira de que se examinará; poderá elixir entre alemán, francés, inglés, italiano ou portugués.

•  O quinto exercicio versará sobre os contidos dunha materia de modalidade do segundo curso do bacharelato. Consistirá na resposta por escrito a unha serie de cuestións adecuadas ao tipo de coñecementos e capacidades que deban ser avaliados e cun formato de resposta que garanta a aplicación dos criterios obxectivos de avaliación previamente aprobados.

O exercicio presentará dúas opcións diferentes entre as cales o estudante deberá elixir unha.

O estudante indicará na solicitude de matrícula para a proba de acceso a materia de modalidade da cal se examinará . Esta materia será unha das de modalidade establecidas para o segundo curso e terá que ser distinta das materias de modalidade elixidas para a fase específica .

Cada un dos exercicios desta fase terá unha duración máxima dunha hora e media . Deberá establecerse un intervalo mínimo de 45 minutos entre o final dun exercicio e o comezo do seguinte.

Para a realización dos exercicios, os candidatos poderán empregar , á súa elección, calquera das linguas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia .

Non obstante, os exercicios correspondentes a lingua castelá e literatura, lingua galega e literatura e lingua estranxeira deberán realizarse nos seus respectivos idiomas.

Cada un dos exercicios da fase xeral cualificarase de 0 a 10 puntos , con dúas cifras decimais.

A cualificación da fase xeral será a media aritmética das cualificacións de todos os exercicios, expresada en forma numérica de 0 a 10 puntos, con tres cifras decimais, arredondada á milésima máis próxima e en caso de equidistancia á superior.

 

3 . A fase específica da proba, de carácter voluntario , ten por obxecto a avaliación dos coñecementos e a capacidade de razoamento nuns ámbitos disciplinares concretos relacionados cos estudos que se pretenden cursar e permite mellorar a cualificación obtida na fase xeral.

Na fase específica cada estudante poderá examinarse dun máximo de tres materias de entre as de modalidade do segundo curso de bacharelato, que deberán ser distintas da materia de modalidade elixida para a fase xeral.

 

Os exercicios de cada unha das materias elixidas polo estudante consistirán na resposta por escrito a unha serie de cuestións adecuadas ao tipo de coñecemento e capacidades que deban ser avaliadas e cun formato de resposta que garanta a aplicación dos criterios obxectivos de avaliación previamente aprobados. Os exercicios presentarán dúas opcións diferentes entre as cales o estudante deberá elixir unha.

A duración de cada un dos exercicios será dunha hora e media. Deberá establecerse un intervalo mínimo de 45 minutos entre o final dun exercicio e o comezo do seguinte.

O estudante indicará na solicitude de matrícula para a proba de acceso, as materias de modalidade das cales se examinará na fase específica e que, en todo caso, non poderán coincidir coa materia de modalidade escollida para a fase xeral.

Cada unha das materias das cales se examine o estudante na fase específica cualificarase de 0 a 10 puntos , con dúas cifras decimais. Considerarase superada a materia cando se obteña unha cualificación igual ou superior a cinco puntos.

O acceso á universidade española, tanto pública como privada, para cursar estudos universitarios oficiais de grao requirirá, con carácter xeral, a superación da proba de acceso.

Considerarase superada a proba de acceso á universidade cando o estudante obtivese unha nota igual ou superior a cinco puntos como resultado da media ponderada do 60 por cento da nota media do bacharelato e o 40 por cento da cualificación da fase xeral e sempre que obtivese un mínimo de catro puntos na cualificación da fase xeral.

A nota media do bacharelato expresarase con dúas cifras decimais, arredondada á centésima máis próxima e en caso de equidistancia á superior. Para o cálculo da nota media non se computará , para efectos de acceso á universidade, a cualificación obtida nas ensinanzas de relixión.

Para a admisión ás ensinanzas universitarias oficiais de grao en que se produza un procedemento de concorrencia competitiva, é dicir, en que o número de solicitudes sexa superior ao número de prazas ofertadas, as universidades públicas empregarán para a adxudicación das prazas a nota de admisión que corresponda, que se calculará coa seguinte fórmula e se expresará con tres cifras decimais, arredondada á milésima máis próxima e en caso de equidistancia á superior.

No caso de empate na nota de admisión, para a adxudicación de prazas, terán opción preferente os estudantes que na fase xeral elixiran unha materia de modalidade vinculada á rama de coñecemento da ensinanza á que se solicite acceder.

 

Nota de admisión = 0,6 * NMB + 0,4* CFX + a* M1 + b* M2


NMB =nota media do bacharelato.

CFX =cualificación da fase xeral.

M1, M2 =as dúas mellores cualificacións das materias da fase específica.

a, b =parámetros de ponderación das materias da fase específica.

OLLO! A nota de admisión incorporará as cualificacións das materias superadas da fase específica sempre que as ditas materias estean adscritas á rama do coñecemento do título no cal queiran ser admitidos, de acordo co disposto no anexo I da Orde EDU/1434/2009, do 29 de maio.

Os parámetros de ponderación (a ou b) das materias da fase específica serán os aprobados polas universidades de Galicia para o acceso ao curso académico2010-2011 e recollidos no anexo desta orde.

Unha vez superada a proba de acceso á universidade, os estudantes poderán presentarse en sucesivas convocatorias para mellorar a cualificación da fase xeral. Tomarase en consideración a cualificación obtida na nova convocatoria, sempre que esta sexa superior á anterior.

O alumnado que se presente para mellorar a cualificación da fase xeral deberá examinarse das mesmas materias.

A cualificación da fase xeral terá validez indefinida , sempre que se supere a proba de acceso á universidade.

 

Os estudantes poderán presentarse en sucesivas convocatorias para mellorar a cualificación de calquera das materias da fase específica. Tomarase en consideración a cualificación obtida na nova convocatoria, sempre que esta sexa superior á anterior, e tendo en conta o período de validez de superación das materias de modalidade da fase específica.

O alumnado que teña superada a proba de acceso á universidade nas sucesivas convocatorias da fase específica non poderá elixir a materia de modalidade obxecto de exame da fase xeral.

A cualificación das materias da fase específica terá validez para o acceso á universidade durante os dous cursos académicos seguintes á súa superación.

 

QUE PODO FACER NO CASO DE NON ESTAR DE ACORDO COA CUALIFICACIÓN OUTORGADA NALGUNHA MATERIA ?

1.Sobre a cualificación outorgada a cada materia despois da primeira corrección, cada estudante poderá presentar ante a presidencia do tribunal a solicitude dunha segunda corrección dos exercicios en que se considere incorrecta a aplicación dos criterios xerais de avaliación e específicos de corrección e cualificación, ou a solicitude de reclamación ante a Comisión Organizadora, e quedará excluída neste caso a posibilidade de solicitar a segunda corrección .

O prazo de presentación destas solicitudes será de tres días hábiles, contados a partir da data de publicación das cualificacións.

2.Procedemento da reclamación:

Os exercicios sobre os que se presente a solicitude de reclamación serán revisados por un profesor ou profesora especialista distinto ao que realizou a primeira corrección, co obxecto de verificar que todas as cuestións foran avaliadas cunha correcta aplicación dos criterios xerais de avaliación e específicos de corrección, así como a comprobación de que non existan erros materiais no proceso de cálculo da cualificación final.

A cualificación definitiva da materia será a que resulte desta revisión, sempre que sexa superior á outorgada despois da primeira corrección , agás nos casos de erros de suma, en que a cualificación será a que resulte correcta.

3.Procedemento da segunda corrección:

a) Os exercicios sobre os que se presente unha solicitude de segunda corrección serán corrixidos por un profesor ou profesora especialista distinto ao que realizou a primeira corrección.

OLLO!!! A cualificación será a media aritmética das cualificacións obtidas nas dúas correccións . No suposto de que existise unha diferenza de dous ou máis puntos entre as dúas cualificacións, o tribunal efectuará, de oficio, unha terceira corrección. A cualificación final será a media aritmética das tres cualificacións.

Este procedemento deberá efectuarse no prazo máximo de cinco días hábiles, contados a partir da data de finalización do prazo de tres días establecido no nº 1.

b) Sobre a cualificación outorgada despois do proceso de segunda corrección establecido no apartado a) poderase presentar reclamación ante a Comisión Organizadora, no prazo de tres días hábiles, contados a partir da data de publicación da resolución da dobre corrección.

A cualificación definitiva da materia será a que resulte desta revisión, sempre que sexa superior á outorgada despois da segunda corrección.

4 . As solicitudes de reclamación e segunda corrección poderán presentarse nos lugares de entrega e recollida de documentación (LERD) nos cales se entregase a solicitude de matrícula para a proba, empregando os impresos específicos contidos nos sobres de matrícula, ou mediante o procedemento telemático establecido pola Comisión Organizadora.

O estudante terá dereito a ver o exame corrixido despois da segunda corrección no prazo de cinco días e na data, lugar e hora que estableza a Comisión Organizadora da proba, sempre que se solicitase en tempo e forma.

 

Tes o texto completo no seguinte enlace:

Orde de regulación das PAAU

 

Enderezos | Mapa Web | Agradecementos | Contáctanos |30 de xaneiro do 2009| IES Pintor Colmeiro