Patrimonio Histórico
A Carabela Pinta.
Existe
en Baiona un único "museo", chamado "Museo de la navegación".
É unha réplica da Carabela Pinta que fondeou en Baiona nos
primeiros dias do mes de Marzo do ano 1493, traendo consigo a noticia
da descoberta dun novo mundo.
Á parte dos monumentos relixiosos, o que mais abunda
en Baiona son referencias monumentais á xesta Colombina, mesmo
a festa que celebra a Arribada tense covertido na principal celebración
da vila. Trátase dunha maneira edulcorada o tema da descoberta,
conquista e colonización mesmo escondendo outras realidades moi
próximas ó noso e ensalzando unha época que precisamente
foi negativamente determinante para o antigo Reino de Galiza. Cabe pois
que cando menos nós tentemos desvelar o que quizais se esconde.
O "Museo da Navegación" é quizais o monumento
mais visitado polo turismo que se achega a Baiona. Dentro da carabela
atopamos productos traidos das américas, incluindo unha parella
de indios que dispoñen durante a travesia dun pequeno ainda que
cómodo espazo para a súa viaxe en representación
do pobo indíxena das Americas como se deixa entender na obra que
se representa na festa da Arribada.
(Dende hai xa algunhas décadas, un grupo de entusisastas
intentan implicar ás autoridades e distintas administracións
na musealización dos Eidos dos Lameiros, unha das mais importantes
das nosas estacións rupestres.)
Pero ademais, o feito de chamarlle "Museo da Navegación"
a esta réplica das naos de Colón deturpa aimaxe dos nosos
mariñeiros e mareantes que de sempre foron navegantes en todo tipo
de xeiras e navios.
E frente ás celebracións que dende o Quinto
Centenario se propuxeron, non podemos esquecer todo o movemento de repulsa
que tamén se deu e que , dende logo non se celebra nas nosas festas.
Ó final, o recurso didáctico que se pode propoñer
é precisamente ese achegamento crítico á historia
que xa Nebrija apontaba sen querelo no prólogo e adicatoria da
súa gramática, que habería de servir para ensinar
ós nativos das Indias o idioma que lles abriría as portas
á Palabra do Deus dos Reis Católicos, cando dí "que
siempre la lengua fué compañera del Imperio", o que vale
tamén para introducirnos na sociolingüística do conflicto
Galego-Castelán e do cambio de cultura, e de lingua como vehículo
desa cultura, como parte fundamental do proceso colonizador.
Ademais da Carabela e do Club de Iates ou dos portos deportivos,
existe una Baiona real onde fondean as gamelas e os barcos e lanchas da
pesca e o mesmo Pinzón, a quen se lle dedica estatua por navegante,
antes de embarcar para As Americas, de seguro foi mariñeiro na
costeira dos mares de Baiona.
A carabela foi feita nun asteleiro de ribeira de A Guarda,
e foi comprada polo concello recentemente despois de algúns anos
en alquiler.
|