IES Primeiro de Marzo. Baiona
O Centro
O centro
Situación
Instalacións
 
Patrimonio
Histórico
Natural
Inmaterial
 
 
 

Patrimonio Histórico

O Outeiro dos Lameiros O Muiño Rupestre do Corrubelo Murallas do Monte do Boi O Petroglifo da rúa do Conde Carabela Pinta Virxe da Rocha

O Petroglifo da rúa do Conde.

O 22 de xaneiro deste ano 2000, sábado, saltaba nas follas da prensa diaria (La Voz de Galicia) a noticia do descubrimento realizado por dous veciños de Baiona. Paseando os seus cans, observaron como entre os restos de pedras, ladrillos e outro entullo tirado no Aral, se podían ver distintos restos arqueolóxicos, entre eles, un interesante petroglifo.

As primeiras xestións realizadas por Ramón Rodal e Pablo Comesaña, conseguíron que o Concello de Baiona se adiantara a posibles rateiros do patrimonio e retirase de alí a pedra gravada. Mentras tanto, un grupo de profesores e alumnos do Instituto, alarmados pola situación que alí se podía observar, decidíron trasladar ó centro aqueles restos óseos, líticos e cerámicos que se distinguían por riba do lixo. Inmediatamente deuse conta dos feitos á delegación provincial da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia (que son os que teñen as competencias neste tipo de casos). Ós tres días escasos, recibimos a visita do técnico da Xunta, o arqueólogo Xulio Carballo Arceo, quen valorou moi positivamente a situación e determinou que, nun principio, os restos recuperados podían quedar depositados nas instalación do Instituto, tal e como lle suxeríron varios profesores e profesoras.

Na mesma mañá, e logo detectivescas xestións, déuse coa procedencia dos restos recuperados que, a grandes trazos, son maioritariamente testemuñas da vida cotidiá das idades Moderna e Contemporánea de Baiona, como se sabe porto, forte e vila de grande vitalidade entre os séculos XVI e XIX. En concreto, o achádego víu dado polas obras públicas que se realizaron na rúa do Conde. Ante esta situación, consta que se ordeou a paralización preventiva das obras para valorar o alcance arqueolóxico da zona pero... a historia resolveuse cos traballos rematados sen máis e, seguramente, amortecendo a merecida sanción. O mal exemplo que se da cando as obras públicas non contan cos oportunos servicios arqueolóxicos que as supervisen, máis ainda nunha vila con tanta historia como esta, compeusouse neste caso, codio eu, cando o propio Concello trasladou o petroglifo recuperado ó Instituto e se interesou na musealización dos restos.

Hai que recordar que en todo o Val Miñor non hai sala pública algunha adicada á musealización do patrimonio arqueolóxico, estando os moitos restos prehistóricos e históricos recuperados en Baiona dispersos nos almacéns dos museos de Pontevedra e Vigo.


O Petroglifo da Rúa do Conde é un xogo medieval

O petroglifo en cuestión é o máis interesante do procedente da rúa do Conde. Non se trata dun gravado prehistórico e ó aire libre, cousa máis habitual nos nosos montes. Trátase do taboeiro dun xogo medieval de estratexia coñecido co nome de Alquerque de nove. As regras explícannolas Fernado J. Costas e Jose Mª. Hidalgo:

«Este xogo, tamén denominado "O Muiño", tal e como o coñecemos na actualidade, é para dous xogadores, con nove fichas de man para cada un e sorteando quen principia. A partida ten dúas partes diferenciadas. Na primeira, cada xogador sitúa alternativamente as súas fichas nos puntos libres do taboeiro, coidando formar liñas de tres ó estilo do "pai-fillo-nai" e máis evitando que o faga o contrario. Cada vez cun xogador faga tres en liña consigue "un muiño" escolle, á súa elección, unha das fichas do contrincante no taboeiro e a retira, eliminándoa da partida. Cando ámbolos dous xogadores teñan esgotadas as fichas de man, comenza a segunda parte. As pezas móbense de forma adxacente, buscando facer tres en raia e evtando o muiño do contrario. Ó igual có principio, cada nova liña produce a eliminación dunha das fichas do contrario. Mentras teñamos chapas libres, é dicir, non formen muiño, serán estas as de pago. Os muiños pódense abrir. Gaña a partida o primeiro que reduce ó contrario a dúas pezas, ou ben quen inmobilice tódalas fichas do outro

Non son moitos os taboerios que se coñecen deste tipo. Os máis cercanos os temos ó aire libre no Monte do Castro, en Xián, Gondomar (dous casos), un na Serradiña, Mougas, e outro no mesmo concello de Oia no lugar da Portela, Burgueira. Son moi interesantes o que se conservan en construccións relixiosas do medievo: un nas bancadas interiores da Catedral de Ourense, outro nunha bancada interior da Catedral de Tui e o banco exterior da iglesia de Gomariz, Leiro, provincia de Ourense. A este contexto románico se lle unen os coñecidos en castelos ou ruinas destes, como os dous que se observan en Monte Lobeira, Vilanova de Arousa, un en Casaldourado, Lérez, Pontevedra e outro no "Bico do Castelo Grande" en Noia. Calcúlese unha cronoloxía medieval: entre os s. IX e XIII.

  • O taboeiro de alquerque de nove atopado en Baiona ten ademáis dúas peculiariedades que o fan singular en relación os coñecidos con anterioridade:
  • O granito no que está gravado o taboeiro é un gran canto rolado. É dicir, ainda que pesa ben media tonelada, en teoría (e na práctica) é mobil: usando rolos, nunha carreta, etc.
  • Ó lado do petroglifo obsérvase unha coviña que, probablemente, servise de "cárcere" para as fichas eliminadas.

Finalmente aproveitamos para lembra-la proximidade de moi interesantes petroglifos prehistóricos (V-IV milenios a. do presente) en Baiona, así como que, entre aqueles outros de época histórica, como é o caso que aquí nos ocupa, contamos con outros xogos de fichas gravados nas rochas ó aire libre; por exemplo, aqueles que datan dos tempos do Imperio Romano.


Axedrezado de época romana no "Castro de Morade", Baíña, Baiona.
Fonte: Costas e Hidalgo, 1997

Entre estes destaca o do Castro de Morade, en Baíña. Trátase dun exemplo de taboeiro do coñecido como Ludus Latruculorum (Xogo dos Ladronciños) que neste caso ten a importancia engadida de contar cunha inscripción latina datada entre os séculos I e III da nosa Era. 


Para saber máis:

  • Costas Goberna, F.J. e Hidalgo Cuñarro, J.M., Los Juegos de Tablero en Galicia.  Edita: Celticar, Vigo 1997.
  • Costas, F.J.,  Hidalgo, J.M., Peña, A. de la, Arte Rupestre no Sur da Ría de Vigo.  Edita: Instituto de Estudios Vigueses, Vigo 1999.
  • Costas, F.J., Novoa, P. e Albo, J.Mª. Arte Rupestre de Baiona. Edita: Concello de Baiona 1990.
  • Peña Santos, A. de la, Os Petroglifos Galegos.  Edita: A Nosa Terra, Vigo 1999.
  • Ref.: Revista LERIAS do IES "Primeiro de Marzo",  nº 8 (1999-2000), Xavier Groba, profesor en Baiona.

O Outeiro dos Lameiros O Muiño Rupestre do Corrubelo Murallas do Monte do Boi O Petroglifo da rúa do Conde Carabela Pinta Virxe da Rocha