IES Primeiro de Marzo. Baiona
O Centro
O centro
Situación
Instalacións
 
Patrimonio
Histórico
Natural
Inmaterial
 
 
 

Patrimonio Histórico

O Outeiro dos Lameiros O Muiño Rupestre do Corrubelo Murallas do Monte do Boi O Petroglifo da rúa do Conde Carabela Pinta Virxe da Rocha

A Virxe da Rocha.

O monumento á Virxe da Rocha danos pé a abordar alguns temas:

  •   A figura do arquitecto Antonio Palacios.
  •   Filántropos e precursores: Laureano Salgado Rodriguez.
  •   Galegos de lonxanas terras. As aportacións dos emigrados.
  •   Cristianización e rito antigo. A tradición precristiana.
  •   Historia dun símbolo: O monumento.  ( Dos menhires a Franco pasando por S: Telmo)
  •   A paisaxe dende unha barca de pedra.

O Arquitecto Palacios naceu en Porriño o 8 de Xaneiro de 1874 e morreu en Madrid, onde fixera os seus estudos de Arquitectura, o 27 de Outubro do 1945, pasando por se-lo mais grande arquitecto das primeiras décadas do século XX despois do proxecto seu e de Otamendi do Palacio de Comunicacións e o edificio  do Circulo de Bellas Artes de Madrid ou o Hospital de Maudes  e o Banco Español do Rio de la Plata, e na nosa terra a Casa do Concello e a Fonte do Cristo en Porriño, o Templo da Veracruz en Carballiño, o Teatro Garcia Barbón (hoxe Centro Cultural Caixanova) en Vigo e, xa no Val Miñor, o Templo Votivo do Mar en Panxón, algún chalé en Praia América e imaxe da Virxe da Roca en Baiona.

Era Palacios un home comprometido coa súa época e coa cultura galega. Mantiña relacións cos persoeiros da nosa cultura, estando en contacto e participando no Seminario de Estudos Galegos.
Xunto con outros arquitectos e artistas da época, procuraba a consecución dun estilo "rexionalista" que respetase a tradición constructiva e empregase materiales propios da terra procurando adaptar ó mesmo tempo novos materiais e tendencias.
Semella que no proxecto da Virxe da Roca tentaba recoller certa inspiración nas pedras fitas da nosa tradición cando proxectou este monumento en granito.

O monumento recolle o motivo relixioso, o utilitarismo e a proxección turística: a Virxe sosten da súa man unha réplica, que foi, da Carabela Pinta en memoria da Arribada, que sirve de miradoiro sobre a enseada de Baiona grazas a unha escaleira interior tallada na pedra.

A ideado monumento pariuna o enxeñeiro industrial Laureano Salgado Rodriguez, nacido en Caldas de Reis en 1847 quen trouxo a luz a Baiona en 1908 construindo o salto e a "fábrica da luz" do Pego Negro, en Vilaza de Gondomar. Nun principio a idea do monumento contemplaba, celebrando a chegada da luz eléctrica, un farol a modo de guia de mariñeiros, pendurado da man da virxe, idea que tivo que ser desbotada polas interferencias co sistema internacional de sinais marítimas. E como lembranza dos estudios feitos por este enxeñeiro nos Estados unidos, dispuxose a orientación do monumento de tal maneira que os ollos da virxe cruzasen a ollada coa imaxe da neoiorquina estatua da liberdade.

D. Laureano Salgado fundou tamén un periódico no Val Miñor e participou no proxecto de construcción do tranvia entre Vigo e Gondomar e Baiona amais doutros proxectos como unha fábrica de azucar de remolacha ou a ampliación do porto de Vilagarcía ou as fábricas da luz de Segade, en Caldas de Reis ou no rio Almofrei, as primeiras de Galiza.

Nestes proxectos de desenvolvemento e progreso para o Val Miñor non hai que esquecer, amais dos emigrados retornados como podería tomarse ó propio Laureano Salgado, a participación das sociedades galegas na emigración, tanto daqueles que fixeron fortuna como todos aqueles que dende distintas asociacións apoiaron na medida das súas posibilidades. Monumento senlleiro en lembranza daquelas xentes poderían ser a s Escolas Pro-Val, hoxe Instituto Val Miñor, nos límites entre Gondomar e Nigrán, auspiciadas pola Sociedade Americana Pro Val Miñor.

Conven tamén ter en conta as aportacións das xentes, tanto coas suas achegas económicas como coa súa adicación en tempo e traballos diversos realizados de forma altruista tantas veces en beneficio do común. A construcción do monumento foi costeada por suscripción popular, mesmo con aportacións de familias doutros lares en distintas latitudes de Galiza e mais de fóra.

Sobre a localización do monumento queremos apuntar que non debe ser casual o lugar elexido, non só polas vistas senon tamén polo topónimo que parece sinalar un antigo culto ós penedos. Sabido é o interés por borrar as tradicións precristianas da nosa terra situando sobre os seus lugares cruceiros, hermidas ou imaxes da tradición cristiana. O lugar onde se colocou o monumento é coñecido popularmente como "A Roca", mentras o monte figura como monte Sanson ou San Roque. Na Roca existe un pequeno altar por tras da Virxe e rematan as últimas estacións dun "Via Crucis" que parte de Baiona. Non hai imaxe de San Roque e si ben de rocas e un grande penedo sobre o que destaca a Virxe como se dun tremendo Sansón se tratase a soste-los graníticos piares do monumento.

O monumento trascende a simboloxía relixiosa que a une en irmandade con San Telmo e coa Virxe do Carme convertindoa en guía dos mariñeiros; emparéllase coa Estatua da Liberdade; lembra a Arribada, a xesta Colombina a maior gloria dos reis católicos; proclama o triunfo do cristianismo sobre as crenzas paganas da poboación indíxena; renomea este lugar senlleiroda antigua Erizana que un rei de castela deu en renomear como Baiona e semella impoñe-lo dominio do divino  sobre a paisaxe que ós seus pes se extende. Xunto a porta que no monumento da acceso ó mirador, unha inscripción lembra a visita do dictador Francisco Franco.

E curiosamente, cando subimos as escaleiras e asomamos ó miradoiro, descobrimos a paisaxe dende unha barca de pedra e a paisaxe pode mais que a imaxe que poidera ser da Nosa Señora da Barca, o barco de pedra que trouxo os restos do apóstolo. A costa, o mar, os fachos, a Groba, as illas: unha lección de xeografía é a paisaxe dende este escenario privilexiado.


O Outeiro dos Lameiros O Muiño Rupestre do Corrubelo Murallas do Monte do Boi O Petroglifo da rúa do Conde Carabela Pinta Virxe da Rocha