IES Primeiro de Marzo. Baiona
O Centro
O centro
Situación
Instalacións
 
Patrimonio
Histórico
Natural
Inmaterial
 
 
 

Patrimonio Histórico

O Outeiro dos Lameiros O Muiño Rupestre do Corrubelo Murallas do Monte do Boi O Petroglifo da rúa do Conde Carabela Pinta Virxe da Rocha

O Muiño Rupestre do Corrubelo.

Dende o pasado día 9 de decembro de 2002, o instituto conta cun novo recurso a súa disposición. Trátase dun ben arqueolóxico; a base dun equipo de muiñada manual, que pola súa antiguidade e rareza é digno de figurar nas instalacións de calquera prestixioso museo. Esta é a crónica do seu rescate e do estado das negociacións emprendidas para que poda quedar entre nós.

Un día de finais do novembro pasado, agoniosas datas do Petroleiro Prestige, botamos en falla un pequeno petroglifo dos coñecidos na Serra da Groba. Tiña sido roubado. Ademáis no mesmo lugar da serra, no Corrulebo, en terras de Oia, corría perigo de ser saqueada tamén outra rocha, esta máis grande e pesada pero transportable e moito máis valiosa, por rara, xa que foi usada como muiño durante o proceso de neolitización; fai de uns 6000 a 4000 anos de antiguidade. Adiantándonos @s furtiv@s, decidimos rescatalo do seu lugar orixinal e depositalo na entrada septentrional do Instituto, centro público máis preto e axeitado para o seu depósito legal.

Informadas as autoridades competentes, visitáron o Muiño Rupestre do Corrubelo varios arqueológos e outros funcionarios, ós que tamén se lles guióu ata o lugar orixinal, xa que, e non nos sorprende en absotuto, a estación rupestre deste monte de Oia era clandestina, e dicir, a Xunta, que é quen ten a obriga legal, non tiña recoñecido oficialmente a súa existencia. O patrimonio arqueolóxico pode ser protexido, divulgado e disfrutado socialmente pola cidadanía. Pero tamén pode ser desprezado, saqueado, destruído ou censurado. Neste caso, ¿permitirá a Xunta a definitiva musealización deste Muiño Rupestre no Instituto?

Pero ¿que é un Muiño Rupestre?

Non vos debe estrañar que non vos soe o que é un Muiño Rupestre. Mesmo se tedes a carreira de Historia tampouco vos tería por que soar. Só na bibliografía especializada se recolle o tema e, a maioría dos libros, simplemente os iñoran.

A razón principal deste descuido quizais está en que só se coñecen dende fai uns vinte anos, por máis nunha área moi concreta do país (entre o Morrazo e o río Miño, no suroeste galego) e por riba é moi doado confundilos coa arte rupestre (os petroglifos do Grupo Galico de Arte Rupestre) xa que aparecen en lugares comúns e mesmo coincidindo gravados (debuxos) con muiños (artefactos).

Precisamente, un rasgos deste tipo de muiños prehistóricos é que, salvo en dous casos, neste que temos no Insti e máis no do Outeiro das Campanas (Camos), estas bases para moer fixéronse en rochas fixas. Non són móbiles.

Pola súa forma, estes muiños caracterízanse por seres unha pileta navicular máis ou menos rectangular, froito da moenda manual dalgún producto que, polo momento, non se pode concretar. ¿Cereal, landras...?. Esta pileta, según o caso, pode estar enmarcada ou non por un ou dous compoñentes máis pequenos con sinais de terse machucado o producto dentro deles antes da moenda. No esquema podedes ver o modelo e tipos estudiados da man de quen primeiro reparou neste durmintes ou bases de muiñada a man. Seguindo a este autor vigués, o tipo do muiño rupestre do Corrubelo sería o número 4.

Como terceira característica acontece tamén que na maioría dos casos nunha mesma rocha agrúpanse varios muiños rupestres. Dous, tres, catro e ata vinta e un como é o record do grupo de Monteferro. Ademáis, échevos propio deles o aproveitar abeiros naturais e mesmo covas. Tal como acontece, entroutros, en Coto da Moura (Cháin) ou Peneites (Chandebrito) onde se localizou a única moa deste tipo de muiños. No concello de Baiona coñécense cinco sitios con muiños deste tipo: na Fonte da Vaca (Baredo), no Outeiro das Pereiras (Baredo), no Regueiro do Retruco (Baíña), no Grichouso (Belesar) e nas proximidades da Cova da Moura (Belesar). Rematando xa, incluímos a planimetría do muiño que polo momento temos depositado no instituto e máis o dun dos petroglifos da zona. É arte rupestre non naturalista, composta por cazoletas e coviñas, algúns círculos e varios sucos liñais de facil visión e dificil interpretación. O muiño rupestre atopábase orixinalmente a sete metros ó poñente deste petroglifo.

 Ref. Revista LERIAS do IES "Primeiro de Marzo", nº 11 (2002-2003)

Asinado: Xosé María Bouzó e Xavier Groba. Profesores no IES "Primeiro de Marzo".

Colaboradores e asesoramento: José Bernardino Costas, Reinaldo Costas, Arturo Fernández, Gilberto Manso, Julia Rodríguez Penedo; Consello Escolar IES; Clube Espeleolóxico Maúxo.


O Outeiro dos Lameiros O Muiño Rupestre do Corrubelo Murallas do Monte do Boi O Petroglifo da rúa do Conde Carabela Pinta Virxe da Rocha