Patrimonio Inmaterial
Contos de Mouras
A Cova da Moura de Morade.
Sta. Cristina da Ramallosa, Sabarís, Baiona.
"Cóntase que antigamente nela habitaba unha muller
moura. Esa moura, describíana como metade muller metade serpe,
porque a parte superior da cova ten como se fora un asento e diante ten
un rego onde se dí repousaba o rabo. Dín que saía
polas noites a pastar as ovellas para que ninguén as mirase."
Recollido por Paula Misa, Carmen Vilar, Paula
Silva.
Traballo escolar IES Primeiro de Marzo,
4º ESO 2004-2005.
"Cova da Moura. É en Santa Cristina, no monte de Morade; entendes.
Era unha muller, traballaba alí. Tiña un bando de ovellas.
Íba a traballar p'alí; ás veses traballaba, outras
veses non traballaba, cuidaba nas ovellas. Tiña un feixe d'ovellas.
Había veses, alguhna morría.
Cando morría aquela, como no monte andaban muitas ovellas, pois
cando lle paresía a ela, íba roubar unha ou dúas,
e puñas no sitio da que lle morrera antes. Íba máis
p'adiante, tiña aquel bando. Íba máis p'adiante,
¿que lle morría outra? pois agharraba, íba todo polo
monte, traería outra, unha ou dúas, e ela íba tendo
siempre rebaño. Nunca se lle desfasía o rebaño.
Porque morrían unhas, ela buscaba outras. Algho tiña que
buscar."
Ref. Carmen, 76 anos, de Morade, Sta.
Cristina da Ramallosa, Baiona.
Recollido por Fernándo González.
Traballo escolar IES Primeiro de Marzo, 3º ESO 2005-2006.
A Cova da Moura da Boca da Groba.
A Granxa, Belesar, Baíña, Baiona.
"A Cova da Moura. Na tarde do día 10 de outubro do 1977 tía
Felisa do Pito (que Deus Haia) de 93 anos, falounos como segue das súas
lembranzas de neniña.
- Na regueira que ven a seguir de Campo de Lobo, case no alto, esta Cova
da Moura, que é unha mina que baixa moi fonda, ainda que ninguén
baixou máis de cinco ou seis chanzos da escaleira labrada na propia
mina, poir é moi escura e óese respirar no fondo. Cando
eramos nenos levabamos as ovellas e brincabamos na porta da mina e diciamos:
«Moura Mouriña,
déanos da súa riqueza,
que non lle daremos,
súa pobreza».
Mentres dician os versos, baixábase e subíase polos chanzos,
os máis valentes chegaban ata o 5º. Logo, un dos que andaban
fóra da mina dicia:
«Moura Mouriña,
atracade ese ladrón,
que che rouba un tizón».
Preto da cova hai unha fonte, A Fonte d'Ouro, na que as mouras e mailos
mouros lavaban as súas moedas de ouro. Os veciños da Burgueira
esculcaban ós Mouros cando saían da cova, a andar arredor
dos penedos."
Facilitado por Manola Conde Cid, Profesora
en Baiona.
A Lenda do Cazador.
Cova da Moura, Serra da Groba, A Granxa, Belesar,
Baiona.
"Esta lenda que me contaron fai xa moito tempo por unha vella do lugar,
ocurríu no barrio da Granxa, parroquia de Belesar.
A Granxa está situada baixo o monte da Groba, vella posesión
que foi propiedade do Mosterio de santa María de Oia. Os frades
deste convento tiñan como guardian do monte a un veciño
da Granxa coñecido co alcume de «O Cazador», que era
afeccionado á caza. Este home estivera na súa xuventude
ó servicio dun ciruxano de Tui e, con tal motivo, coñecía
como podían emplearse moitas herbas para preveñir enfermidades.
O Cazador, tamén tiña a obriga de coidar da capela que construíran
os veciños na aba do monte dedicada a San Xoan Bautista. Sempre
a tiña limpa e nunca deixou que a lámpada que estaba fronte
ó altar deixase de alumear.
Sucedeu que un veciño, rico labrego, chamado «O Caravel»
tiña un único fillo, mozo amigo de festas e trouladas, que
un día foi a romaría de San Pedro á Ramallosa. Alí
orixinouse unha violenta discusión entre os mozos de varias parroquias,
que dexenerou en liorta, resultando o fillo do Caravel gravemente ferido,
tendo que levalo a súa casa nun carro. O pai chamou ó ciruxano
de Baiona, quen o víu e revisou, recetándolle sangrías,
cataplasmas e outras cousas, pois o mozo recibira feridas graves na cabeza
e non recobrara o sentido. Pasaron varios días e o ferido seguía
no mesmo estado. Entón O Caravel chamou ó Cazador, quen
ao ver ó mozo puxo xa mala cara. Sacou as vendas que colocara ó
ciruxano e díxolle ao pai que era un caso perdido, pero que el
ía facer canto estivese na súa man e que só Deus
podería salvalo. O Cazador aplicoulle ó mozo moitos remedios
naturais que de nada lle serviron, pois enseguida morreu.
O caso foi que un veciño do lugar, envexoso e ruín, díxo
ó Caravel que o infeliz Cazador matara ao seu fillo por aplicarlle
mal os remedios.
O Caravel creuno e xurou que o mataría. Maquinou a mellor maneira
de facelo sen que nadie lle puidese botar a culpa, pois o cazador era
unha persoa moi querida no lugar. Entón ideou un plan: levou unha
cabra á Cova da Moura, situada no monte da Groba, que era moi profunda
e según a lenda estaba habitada por unha muller misteriosa, chamada
Moura, que ás veces aparecíaselle ás mozas e obsequiábaas
con moedas de ouro. Ninguén baixara nunca polas pedras medio rotas
que semellaban unha vella escaleira que baixaba ó fondo da cova.
Esta escaleira tiña algún chanzo desprendido, que non se
vía con tanta silva.
O Caravel colocou a pouca profundidade á cabra coxa, de tal xeito
que o animal non podía subir só. Entón díxolle
ó Cazador que para sacar a cabra o mellor era utilizar unha corda
forte ó redor do corpo do cazador, e que el, O Caravel, como máis
resistente podería baizalo e logo subilo coa cabra. O Cazador deixouse
atar e cando chegou preto do animal, O Caravel cortou a corda cun coitelo,
caendo nas profundidades da cova o infeliz Cazador coa cabra.
Pasados uns días, un soldado do castelo de Baiona [Monte Real
en Monte Boi] víu no oco dunha paterna que asomaba un corpo humano.
Chamou á garda e sacaron o corpo dun home sen sentido. Cando este
se repuxo dixo quen era e confesou o sucedido. Era O Cazador.
Ninguén o creu cando dixo que ao caer fora axudado por unha fermosa
muller, quen lle indicou o camiño que había seguir para
liberarse. Por moito que repetíu a súa aventura creron que
era un espía portugués pero, tanto insistíu que non
tiveron máis remedio que prender ao Caravel, que confesou o seu
delito. Entón a xustiza confiscou os seus bens e condenouno a galeras.
As autoridades do castelo trataron de investigar onde estaba a saída
que utilizara O Cazador pero, por moito que se investigou, non se atopou
nada.
O Cazador voltou a súa casa da Granxa e de alí foi ó
Mosteiro de Oia, deixando os seus bens a un veciño e indo traballar
cos frades como xardiñeiro. Os frades quedaron sen garda nos montes
da Groba e acordaron donalo en propiedade aos veciños da Granxa,
póndolles como foro a cantidade anual de catrocentos reais de vellón.
Tódolos anos no mes de marzo, un veciño da Granxa, o que
chamaban Cabezaleiro, entregaba ó Abade do Mosteiro o foro, como
representante da comunidade. Ata que en tempos de Isabel II, coa desamortización,
venderon o foro co que os frades grabaran ao monte da Groba. Nesa época
era o Cabezaleiro o veciño da Granxa D. Manuel Rodríguez
de la Lomba, quen o mercou mediante escritura pública na delegación
de facenda de Pontevedra a mediados do século pasado."
Facilitado por Manola Conde Cid, Profesora
en Baiona.
|