IES Primeiro de Marzo. Baiona
O Centro
O centro
Situación
Instalacións
 
Patrimonio
Histórico
Natural
Inmaterial
 
 
 

Patrimonio Inmaterial

Contos de Mouras  Cousas do Demo Relatos de naufraxios Lendas e Fontes Memorias da Guerra A Toponimia

A Toponimia

Os Nomes do Instituto

Boa parte do alumnado chámalle Tuto, como abreviatura sinónima do Insti. O IES, instituto de ensino secundario público de Baiona, oficialmente chamado “Primeiro de Marzo”, construíuse dentro da propiedade comunal do monte de Sta. María de Fora de Baiona en 1992. A veciñanza do barrio da Percibilleira, a máis próxima e polo tanto a usuaria directa desta propiedade comunal, é a mellor coñecedora dos nomes desta parte do monte antes da construcción do instituto.

Onde se edificou o centro público de ensino secundario: Os Posos -de olleiro, pozo natural, fontes- que lle viría dado “pola ághua que alí había, contra o último edifisio da carretera, non sendo moita. Por baixo, enfrente ó portal da entrada, As Bousas Trighas, non lonxe d’As Cachadiñas. Seguindo carretera abaixo, os campos entre A Roca e A Persibilleira eran os de San Roque”.

Estrada arriba do instituto A do Folle, A Chan da do Folle e A Regheira do Folle. Oposta a esta, A Regheria dos Nove que vai dar seca ó mar un pouco despois da Volta dos Nove, índo para Baredo. Na alta chaira, entre A Roca e o instituto chámaselle A Corte das Ovellas.

Os mariñeiros de Baiona, incluídos os da Percibilleira, téñenlle nomes ós lugares do mar. O edificio do instituto domina dende o alto a costa entre O Sansón e a Enseada da Bombardeira: Sansón entre os baixíos de Tres Pasos e Rapacarallos, xusto por baixo do Instituto: A Lagariza, A Mediña, As Salgueiras e índo cara á beiramar de Baredo a pedra mais sonada desta parte da costa: A Bombardeira.


O paraíso

Os Eidos, Baíña.

"Chámase así porque neste lugar había moitos cultivos, boas colleitas, con moito éxito a comparación doutros lugares. Alí ía todo o mundo a contemplar a maravilla da natureza. Toda a xente lle gustaba ir alí porque dicía que coller algún producto de comer e logo facer con el unha sopa ou calquera comida, pois daba boa sorte."

Recollido por José Mª Fernández e Eva Ulbeira.
Traballo escolar IES Primeiro de Marzo, 4º ESO 2004-2005.

 

As abrutias.

As abrutias forman cáseque todo o ano parte da paisaxe da Groba. Na primavera inza vizosa e énchese de flor polo mes de abril. No vrán a vara enchese de numerosos froitos, e xa como gancio, desprovista deles, permanece ata entrado o inverno.

A abrutia (Asphodelus albus) vai tan ligada á gandeiría que é, por outro nome, a "herba do gando".

En tempos pasados, e cando a pranta estaba xa desenvolta, apañábanselle as follas, levábanse a casa e , secas, dábanselle en presadas ás vacas e, cocidas, ós porcos.

As varas que levan os froitos, os gancios, ensebábanse e púñaselles lume para alumear (no Suido chamábaselle "herba da luz").

As abrutias teñen uns nabiños baixo o chan que, segundo a xente dí, ás veces comen, logo de foza-la terra deixandoa revolta, o xabalí e o teixugo.

Existe o topónimo "As abrutias" na  Groba, preto do Alto do Costado.


A Tollemerendas

Ó final do verán, cando os dias xa son curtos, ós traballadores a xornal deixábaselles de leva-la merenda.

É nese tempo  cando agroma a tollemerendas Merendera montana (L) Lange, nome que a xente extende a outra flor semellante e que vai mais ou menos ó mesmo tempo (Crocus serotinus).

Non é dificil de distinguilas. M. montana ten 6 estames e pétalas de 4 a 6,5 mm. de ancho; C. serotinus  ten 3 estames e pétalas de 5-15 mm. de ancho.

Nos pradelos ben pacidos polo gando, das zonas de acumulación de materia orgánica, como nun xardín silvestre, inza en outono M. montana e C. serotinus. Na primavera, a partir de Marzo florece nos mesmos sitios outra tollemerendas, Crocus carpetanus.


A Groba e A Valga

A palabra “Groba” ten no noso idioma, distintos significados. Leandro Carré tradúcea ó Castelán como “Joroba // Loma.”, o que canxa ben cunha vista frontal dos montes dende o N., por exemplo, dende a Foz do Miñor. Unha grande lomba. Aparenta a “grupa” dun cabalo.

Se recurrimos ó Español, atopamos a palabra “Grueba” co senso de “terra revolta”, o que podería acairlle a algúns lugares da nosa terra con idéntico topónimo, mais non neste caso.

Ata hai pouco, algúns “eruditos” e outras xentes metidas no estudio da toponimia, semella non tiñan moi clara a etimoloxía destes montes (como tantas outras) e, baseándose nos textos de Plinio ou Silio Itálico, facían derivar o nome da Groba dos “Grovii” ou “Grovios”, pobo preromano que algúns autores sitúan nestes paraxes e outros no Grove, atendendo á similitude dos topónimos e características xeográficas coincidentes.

Hoxe en día, os recentes estudios de toponimia fan deriva-lo topónimo Groba (tamén Grobas e Encrobas), da forma gótica *groba, co significado de “depresión, fondal”, o que cadra ben co noso e con moitos lugares e montes con idénticos topónimos en distintos puntos da nosa terra.

Hai varias “grobas” na Groba e mesmo varios microtopónimos “monte da Groba”, pero sen dúbida, a depresión que debeu dar nome a esta zona é aquela por onde escorre o rio Groba dende a Boca da Groba. Outras grobas ou depresións son as formadas polo rio da Gabiñeira, dende o Alto da Gabiñeira, que vai morrer ó rio Groba; o rio Guillade que nace entre o Alto da Groba e o da Gabiñeira; e o regato de Baiña que nace do Alto das Pías. Cara ó O. , seguindo a mesma liña de falla por onde corre o rio Groba, en dirección NL.-SO., outra depresión ben aparente é a do rio Broi ou de Viladesuso.

“Valga”, “Valgada”, o mesmo que “Val” e “Valiña”, son tamén depresións. No caso da nosa “Valga”, dende o borde do cantil, o terreo descende dos cincocentos ata unha ampla superficie achairada que apenas sobrepasan os catrocentos metros de altura, sucada polo rio da Valga que, dende o alto do castro vai desaugar, en Loureza, no rio Carballo ou Tamuxe. O rio é a liña de inflexión da chaira, que volta a ascender, caraó L., ata os 465 m. do “Marco do Castelo”.

a

Contos de Mouras  Cousas do Demo Relatos de naufraxios Lendas e Fontes Memorias da Guerra A Toponimia