IES Primeiro de Marzo. Baiona
O Centro
O centro
Situación
Instalacións
 
Patrimonio
Histórico
Natural
Inmaterial
 
 
 

Patrimonio Natural

O Poni Galego e o gando ceibo A costa Schistostega pennata A Cova da Moura A Corte das Ovellas Cultivos arbóreos

O Poni Galego e o gando ceibo.

O presidente da Asociación Galega do Cabalo do Monte estima en 3.500 os cabalos salvaxes de A Groba; deles un 10% son de raza autóctona: Calcula unhas 400 vacas, 500 cabras e 3.500 ovellas.

A primeira testemuña gráfica de cabalos na Groba son os petroglifos da idade do Bronce. No tempo dos romanos hai referencias xenéricas ós cabalos ceibos dos montes de Gallaecia. Modernamente, en 1550 o licenciado Bartolomé de Molina na "Descripción del Reyno de Galicia y de las cosas notables de el" afirma: "...Críanse  tamén gandos bravos,  porque como hai porcos montañeses e outros animáis, así hai vacas, que para cazalas é mester gran indústria e lazos, como para calquera outra caza".

Logo da Desamortización e a abolición dos foros, cabalos e vacas dos montes son dos veciños.

Cabalos e vacas conforman a paisaxe. Para mantelos, o home artella, a poder de lume, un xeito de pradeira, o monte raso baixo: maiormente un conxunto de leguminosas, de ericaceas, e de gramineas.

Hoxe, este gando vai para carne.

Antes, os cabalos ían para tiro ou sela, as súas crinas para recheos e broxas; as vacas para carne, para coiro , e para sebo.

O mais característico da Grova cecais sexan as greas de cabalos. Considérase o desta serra o morfotipo mais xebre do poni galego: No vran do 1997 leváronse 7 exemplares de Oia para repoboa-lo parque natural da serra do Xurés. A Asociación do Cabalo Galego do Monte ten aforrado para semente para un grupo de 16 eguas con caracteres xebres do poni galego; instaladas nunha das illas do esteiro do Miño, vanlle votar cabalos puros, para iniciar unha xinea de raza de grande pureza. Das 16 femias, 13 foron seleccionadas nos montes de Mougás (as outras 3 en Sabucedo). Están marcadas cun "G" de  "Galiza", sobre a que se cerne unha coroa de catro puntas (que representan as catro provincias) moi en sintonía co monarquismo administrativista do P.P..

aEste cabalo suponse derivado do tarpán (Equs gmelini), das estepas asiáticas e lesteuropeas; desta base, con múltiples cruzamentos (cabalo celta, monturas romanas e, asevérase, unha pequena influencia de cabalos moi afíns traidos polos suevos, deron o morfotipo característico do noso poni. Sucintamente: alzada de 1,20 mts. a 1,40 mts.. Uns 300 kgs. de peso. Proporcións xerais lonxilineas. Cabeza grande. Pescozo curto, triangular, musculoso. Capacidade torácica elevada (No da Groba é en xeral menor). Liña do dorso cóncava. Beizos grosos e mesto bigote, do que adoita dicirse que é debido á dureza da alimentación no seu estado de libre estabulación, a base de toxo e matogueira baixa.(según recolle J. Perez Paz en "O Poni Galego").

Pola presencia visual, ocasionais rinchos, cheiro dos escrementos e purines, canalización  do movemento polas "sendas", cor da bosta esfarangullada..., o cabalo é o mobiliario mais conspícuo do mato da Groba. Amais, hoxe espállanse por ela anuncios de picadeiros, e letreiros indicadores das direccións ós curros da Valga (2º domingo de Maio), Torroña (1º Domingo de Xuño) e Mougás (2º Domingo de Xuño).

Fican restos do curro vello da Valga nun punto entre O Castro, O Castelo e o nacente do Regato de Salgueiriños.

"Como se celebran os curros". Así se titula un capítulo , que traducimos, dun folleto editado polo Concello de Oia:

"A organización dun curro adoita ter comezo dou domingos antes da súa celebración. Para elo reúnense tódolos gandeiros co seu presidente, e este lles explica o plano de traballo, e de que xeito teñen que transcorrir os acontecementos durante o curro.

  • O dia sinalado cada vocal convoca ós gandeiros e os reparte pola zona que lles corresponde, de xeito que non disten un do outro mais de 20 mts.. Con este sistema , denominado "cordón", conséguese pechar todo o monte. O "cordón" iníciase nos baixos da ladeira, e vaise ascendendo ata que tódolos participantes se agrupan nun recinto chamado "parada".
  • Unha vez aquí, se separan as crias e se baixa o gando entre varas ata o recinto do curro.
  • Xa dentro do curro sácanse os griñóns coa fin de evitar que se pelexen: despois límpase o recinto e se voltan soltar ó monte. Nun curro aparte se separan as crias. A continuación  sitúase a un porteiro no curroe tódolos asistentes gandeiros e espectadores- vanse degusta-lo polvo e as sardiñas.
  • Reiníciase a actividade arredor das 5 da tarde:
  • Os gandeiros, na porta do curro, reciben as ordes do seu presidente.
  • Primeiro, saca-los cabalos destinados á venda, para un curro colindante.
  • Segundo, saca-las eguas preñadas.
  • Terceiro, rapa de crinas e marcaxe das crías.
  • A xornada finaliza arredor das sete do serán coa solta de cabalos e a despedida ata o próximo ano".

Todo está marcado na Groba, porque todo ten dono(s): os animais, as árbores, a terra.

Na Groba utilízase para os cabalos a marca de ferro en brasa: logo da queimadura o pelo do queimado nace en distinta dirección que o resto, e a marca fica permanente.

aNoutros lugares de Galiza utilízase como marca, incisións  ou corte nas orellas dos poldros, polo doado que resulta facelas ós poucos dias de localizalos no monte. Na Groba tense utilizado como segunda marca, ocasionalmente, o mesmo que as grapas nas orellas.

Os curros, os currais onde se encerra o gando, son na Groba construccións de granito. No veciño Galiñeiro o curro era ata hai uns cinco ou seis anos unha simple valgada, que se pechaba para a ocasión, e hoxe é un simple peche feito con troncos de eucalipto.

O curro do fin da primavera é "a rapa das bestas". Antes, a corta do pelo da crina e do rabo facíase para vendelo.

Amais deste hai, nos mesmos lugares, os curros da mosca, que non teñen data fixa, e que se celebran cando o acordan os gandeiros , aquí na Groba, na Cruz de Pau. Nese curro límpaselle o anus e a vaxina das bestas, da perniciosa mosca. Tamén se aproveita para marca-las crias que naceron dende o curro anterior e, en xeral, para ver como vai o gando.

O curro ten algo de festa, algo de esporto, cada vez mais, en parte debido a que non cumpre, para moitos gandeiros, unha función  económica esencial, en parte debido á extensión da afección á hípica, e algo debido tamén ó atractivo turístico do evento (unha empresa de Oia adicada á Hípica e ás actividades de lecer, ofrece a celebración de minicurros, na época dos curros).

Tamén hai curros de vacas, sen data fixa. Quizais os mais vistosos, os das illas da desembocadura do Miño e Tamuxe, a finais de Setembro, onde gandeiros da Groba moven o seu gando cruzando as augas de illa en illa.

As vacas bravas da Groba son hoxe un revoltallo de razas, anque o que predomina é unha rama dexenerada da rubia galega, según algúns. Bouhier pensa que se trata do "elemento base do stock racial primitivo", que tería sido mellorado pola estabulación e selección.

As vacas forman pequenos grupos espontaneamente, de ata 10 ou 12 cabezas organizadas arredor dun macho.Poden pertencer a distintos propietarios. Van marcadas. Os grupos refanse.

Non son as vacas tan erráticas como o cabalo. Nin son perigosas para os cultivos permanentes.. En inverno, ás veces, baixan ás casas.

A xente vai ó monte vixialas, contalas ou recolocalas. Poden facelo en coche, dende a carretera, con prismáticos, ou movéndose en moto polas pistas.

No Setembro de 1997, cando toda a herba ía seca, propietarios dun grupo de vacas que andaba perto do alto da Groba (pola Lagoa Negra, daquela sen auga), leváronlle nunha furgoneta, pacas de herba que esparexiron pola zona. É unha práctica común na debesa de Salamanca, por exemplo. Hoxe tamén nos montes da Groba.

A vaca vai para carne. As veces en plan pirata: achégase ó monte o propietario co cliente, escollen o xato, axustan o prezo e o dono, sen control do matadeiro, mata, trocea, e embrulla en bolsas de plástico a carne, que é comprada por varias personas para conxelar.

Seguindo o cheiro, podemos atopa-los restos destes sacrificios nalgún dos basureiros que nestes últimos anos están a aparecer nos nosos montes.

Tamén pastan no monte cabras e ovellas. As cabras considéranse derivadas do tipo da pirenaica; a ovella está catalogada como raza galega, pertencente ó tronco ibérico.

En xeral son mais abondosas na parte alta da Groba-Valga.

Ata a repoboación forestal, San Cosme vivía do ovellume e cabrume. Cando se fixo a repoboación forestal e se prohibiu o pastoreo nela (logo do expolio dos montes polo franquismo), a aldea esmoreceu e ficou abandoada. Hoxe, reabilitadas, úsanse algunhas casas como segunda residencia.

En xeral, ovellume e cabrume lévanse de casa a unha zona de pasto e déixanse ceibes todo o dia. Á noite os animais voltan case sempre perto das casas, pero non entran; hai que ir buscalas.

Verbo deste sistema de pasto libre, Bouhier, que o considera moi primitivo, dí que Gondomar-Oia-Tomiño son "centro de supervivencia dos mais vellos costumes agrogandeiros".

As cabras andan co vento, a favor ou en contra, segundo a forza deste ou o xorne do guia.

Ainda fican algunhas cerradas (zonas pechadas en redondo con valado de pedra, de ata cen metros de diámetro en liña no ar), onde se albergaban os rabaños. Eran, en monte comunal, dun ou varios lumes, cando o monte era un ferver de gando.Hainas por todas partes, pero as mais bonitas quizaves sexan as da zona do Pinal do Porro, en Mabia, onde algunha pervive coa distinta función de protexer unha plantación arborea, o que tamén atopamos noutros lugares da Groba. Nesta zona, as cerradas circulares  vense unidas por arcos de pedra que delimitan novas parcelas, adaptando a forma circular ó espacio da valiña, valga ou groba ,na que se atopan.

Hoxe parés que este gando volta a coller pulo, pois ten saida para carne. En Torroña, dous bares teñen sona polos seus años, que tamén preparan  para levar, e veñen xentes dos arredores (dende A Guarda ata Vigo), por eles.

Din que hai hoxe tanta carrasca porque hai menos cabras, que van por ela e por todo. Mesmo non é estrano atopar cabras ou ovellas comendo nos basureiros, que tamén son visitados polo demais gando.

Antes da repoboación forestal había en Mabia 2.000 cabras. Cabirtos e años íanse vender á feira de Sabarís, os Luns; alí comprábase viño, etc., co pproducto da venda do gando...Hoxe debeceu moito a cabana gandeira; o rabaño que mais ten é de duascentas pezas. Véndese a carniceiros, os mais da Guarda.

A lá das ovellas xa non se aproveita. En estado natural as ovellas axudaban o cambio de capa estacional (a caida espontanea do pelo da invernía) rañándose contra árbores ou penas; hoxe, domesticadas, perderon ese comportamento, e hai que rapalas. Moitas veces, a lá déitase, como un montón de lixo, no monte.

A presencia de gando ceibo na Groba, pon á xente en contacto con dous parásitos: os tabaos e os carrachos.

O carracho (Isodes spp) ten catro fases: ovo, larva, ninfa e adulto. As tres últimas son moi semellantes entre si. A larva e a ninfa van ós roedores, e o adulto ós grandes herbívoros (cando os había, ós cervos; hoxe, ós  ungulados que alí hai). Esperan no mato o paso do mamífero (que detectan pola conxunción de ácido butírico e  a calor, alomenos nas femias fecundadas), e tíranse a el.

A ninfa vai tamén á nosa especie. Abondan na Grova. En primavera, logo dun paseo polo mato, é doado atopar un carracho gabeando pola perna arriba. Non asentan ben nos humanos, anque o fan, e con preferencia na zona do pubes.En Europa, EE.UU. e partes de Asia, transmiten a enfermidade de Lyme, que cursa con síntomas variables, dende os semellantes a unha gripe ata os da artrite reumatoide. O axente etiolóxico é a bacteria Borrelia burgdorferi (da que se ten secuenciado o seu xenoma precisamente a finais do 1997). Incidentalmente, moitas das enfermidades infecciosas de sempre eran, en orixe, axentes patóxenos do gando, e pasaron a nós cando metimos a estes animais no noso "domus" facéndoos domésticos.(Pénsese na vacina).

Mais conspicuos, polo molestos, son os tabaos. As larvas, carnívoras, críanse nas numerosas pucharcas lamacentas e solos asolagados. As femias aliméntanse de sucos vexetais e nectar, e os machos de sangue. Van á xente, e están mais rabiosos co calor.

Debeu haber outros grandes herbívoros na Groba. Polo contexto ambiental, e por indícios. Hai gravuras de cervidos nas pedras (cervos, e algúns que semellan corzos), e o topónimo "Barbadoiro", nun lugar de riscos e penas irtas que semella dicir  que alí houbo cabra montesa ("barbada").


O Poni Galego e o gando ceibo A costa Schistostega pennata A Cova da Moura A Corte das Ovellas Cultivos arbóreos