![]() |
|
|
|
“A
historia da arte nega ás mulleres e afirma á muller” Marián L.F.Cao (Profesora da Universidade Complutense de Madrid) |
¿estas
de acordo? |
Cada
ser humano nace a medio facer, cunhas importantes instruccións xenéticas
seguindo as cales se irá desenvolvendo ó longo da súa vida.
Xunto coas determinacións xenéticas as instruccións sociais
acaban por esculpir o que cada un de nós somos. As instruccións
sociais transmítense de varios xeitos e un deles, enormemente eficaz
é a través da imaxe.
O
mundo que nos rodea está cheo de imaxes que nos modelan, nos preveñen,
nos constrúen e mesmo nos fan “desaparecer”. A imaxe que
se ofrece dunha muller no anuncio, no filme, na revista,... están a cada
paso construíndo, segundo as pautas dominantes na sociedade, o ideal
de muller co que tenderemos a identificarnos, copiando modas, formas, xestos,
actitudes, miradas, funcións, aínda que non sexamos conscientes
diso, os nosos desexos non son exactamente nosos, son froito do que desexan
os que teñen o poder na sociedade, así os que detentan o poder
económico, relixioso, etc, xeralmente varóns, amósannos
a todas o que debemos ser e o que debemos querer: belas, delgadas, seductoras,
amorosas nais....
Durante moito tempo as artes plásticas, moi especialmente
a pintura, foi o instrumento mediante o cal as mulleres contemplaban, e aprendían,
a
imaxe ideal que os homes de cada momento tiñan en mente para elas.
A arte, a cotío, non reflicte a realidade tal como é, non hai
unha representación neutral, obxectiva; necesariamente a representación
leva consigo unha interpretación por parte do suxeito que a produce,
de xeito que sendo a meirande parte dos artistas homes, é o
imaxinario colectivo destes o
que se plasma nas súas obras.
Ata fai pouco as mulleres reais, cos seus desexos e preocupacións non
aparecían nas plasmacións artísticas, entre outras cousas
porque as mulleres concretas e individuais tiñan grandemente restrinxido
o seu acceso á producción artística e non dominaban o ámbito
que a sociedade patriarcal di que é verdadeira arte.
Deste modo, por unha banda a arte rexeita ás mulleres e, por tanto, a
súa visión do mundo e de si mesmas nunca é exposta ós
demais por medio de representacións artísticas, non se lles considera
quen de facer arte, ¡nin existe o feminino da palabra xenio!, a xenialidade
considérase tradicionalmente unha característica masculina, a
historia da arte esquece as poucas mulleres que malia as enormes trabas acadaron
importantes logros ou mesmo as súas obras se lle adxudican a algún
home próximo: mestre, marido..., por certo, non estaría demais
volver a votar unha ollada ós libros de texto e Historias de arte e comprobar
a presencia de nomes de personalidades femininas nelas. Pero isto non acontece
só no pasado, o presente segue a indicar que temos lagoas importantes
nestes aspectos, baste sinalar que as porcentaxes de participación de
mulleres en encontros do mundo da arte e do mercado da arte, como por exemplo
en España na afamada feira ARCO, son significativamente inferiores ás
dos homes.
Por
outra banda, a arte e na actualidade tamén a publicidade, constrúen
á muller como esencia, unha muller inventada e pouco cambiante, prescinde
das mulleres de carne e oso e xera unha construcción universal seguindo
as fantasías e os desexos que os homes desenvolven nunha sociedade onde
a eles tamén se lles impoñen uns determinados valores tipificados
como masculinos e bos. Esta muller-esencia vai ser representada en dúas
versións: unha como nai abnegada e submisa, doce e virxinal, da que podemos
citar como exemplo supremo a María e a versión negativa, terrorífica,
a causante de todos os males, perigosa ó tempo que seductora do que o
paradigma será Eva. Muller esencia que en sucesivas representacións
e dependendo das situacións e necesidades socias de cada momento vai
recalcar unhas características sobre outras pero movéndose polo
xeral na dicotomía de muller inocente, boa, submisa e nai e muller fatal,
seductora e pérfida. Certamente unha análise seria da historia
da arte amosará outras produccións artísticas que non encaixarán
neste esquema en certa medida simplista por tanto cómpre ter presente
que a realidade artística é complexa e non se deixa apresar sen
máis en dúas categorías, sen embargo non reflexionar sobre
as obras e a historia de arte desde unha perspectiva de xénero é
ocultar o papel que a arte ten como xustificadora de roles e constructora de
conciencias.
Alguén poderá pensar que sentido ten a estas aturas do século
XXI facer unha crítica da arte desde o feminismo e mesmo pódese
propor se o movemento feminista segue a ter sentido tras pasar por diferentes
fases, o feminismo como reivindicación da igualdade, como reclamación
e aceptación da diferencia, ou as recentes presentacións de ciberfeminismo
e as implicacións que todas estas modalidades de feminismo tiveron nas
artes a partir de mediados do século XX.
Evidentemente
que a reivindicación do persoal –cotiá como elemento artístico,
a reivindicación de outorgarlles a dignidade artística que lle
corresponde a actividades consideradas menores como os traballos de agulla,
a revisión da historiografía
artística recuperando para a memoria a moitas mulleres que
foron sepultadas en beneficio dos xenios varóns, son consecuencia da
reflexión feminista, pero o debate dentro deste movemento segue a dar
pé a múltiples consideracións: o rexeitamento do pracer
visual, a asunción dun novo concepto de sexualidade que ten por suxeito
e non como obxecto os verdadeiros desexos das mulleres e como esta sexualidade
pode ser plasmada a través da imaxe, as novas tecnoloxías como
posibilitantes doutra maneira de facer arte e a súa apropiación
tamén por parte das mulleres, como transcender a acción simbólica
para chegar a unha acción real politicamente efectiva, e mesmo como superar
certas limitacións que o feminismo puido ter imposto son aínda
cuestións pendentes.