Besbello
Besbello.Net2
Setembro
Outubro
Novembro
Decembro
Xaneiro
Febreiro
Marzo
Abril
Maio
Xuño

Nos próximos días e ata o día 19 do mes de decembro, imos ter no Colexio unha fantástica exposición. Trátase de dezanove paneis nos que, con debuxos e textos de Xaquin Marín, daremos un repaso ós principais problemas ambientais da nosa terra. As industrias contaminantes, o lixo, a degradación dos bosques, o noso litoral, obxecto de todo tipo de agresións, a perda da natureza polos verquidos e polo urbanismo irracional, as estradas e o abuso dos automóbiles, o consumismo e a carencia dunha ética ambiental nas mais altas esferas do poder... ou a necesidade da educación ambiental, son algunhas das temáticas que aborda. A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) é quen nola envía e quermos agradecerlle, ós seus responsables, a amabilidade para que poidamos gozala.

Cartel da exposición
Acivro
Entramos nun tempo moi perigoso para algunhas árbores e arbustos. Un deles é o acivro (Ilex aquifolium). O feito de ter follas e froitos no inverno, a beleza das suas cores e as tradicións que o vencellan á boa sorte e a protección contra malos espíritos e meigallos, son causa dos destrozos nos exemplares que aínda sobreviven silvestres. ¡¡¡LEMBRADE!!! non merquedes acivro que non proceda de viveiros. Soporta moi ben as podas, polo que si o plantades nun xardín teredes moitas pólas para adornar e unha preciosa árbore que dará cobixo e alimento a moitos paxaros.
Nós imos darlle a benvida o acivro que a próxima semana imos plantar no xardín, é moi novo pero esperamos que se convirta nun símbolo de boa vontade e compromiso coa Natureza. Tamén imos plantar romeu, lavanda e incenso. Se queredes facer algunha achega de plantas aromáticas, medicinais ou boas para facer sebes... agradeceriamolo.

Outras árbores con problemas son os abetos. Hai concellos e organizacións que os recollen ó remate das festas para plantalos, non os botedes ó lixo. Lembrade o que facían os celtas: queimaban un tronco no solsticio de inverno para atrae-la prosperidade. Uns días antes colocábano nun lugar de honra, para ir deixando nel plantas sempreverdes, piñas e froitos. As mazás e piñas viñan a representa-la vida despois da morte. Tódolos adornos tiñan un simbolismo máxico. Ás cinzas atribuíanselles propiedades curativas.

Abeto
Outra novidade que podedes ver nos próximos días é unha planta carnívora. É moi nova pero xa ten restos de mosquitos nas súas follas. É unha Dionaea muscipula. Orixinaria de zonas pantanosas, ten moi poucas esixencias de coidados. Só precisa moita auga (de chuvia) e bastante luminosidade. Non se pode abonar, morrería porque non soporta as sales.
Achéganse días de vacacións, de ledicia, de consumo e consumismo. Temos que lembrar unhas características que deberían presidi-lo consumo responsable e ter presente que: reducir refugallos, reutiliza-las cousas que aínda serven e recicla-las que poden ser usadas de outro xeito, son unha obriga para todos.
Reciclareciclareciclareciclareciclareciclareciclareciclareciclareciclarecicla

BonecaComercio xusto

Moito material deportivo e roupa, que usamos, está feita en países que utilizan nenos para facela. Son case escravos e traballan xornadas que non lles permiten ir a escola nin xogar. Asegúrate de que o que vas pedir nestes días está feito e comercializado coas normas do comercio xusto. Hai ONGs que teñen postos de venda de artigos artesanais axeitados para estes días.

Consumo ético

Valora o que vas consumir. Non pida-lo que non precisas. Non tire-las cousas que xa "non se levan", aproveita o que todavía é útil. Asegúrate que o que xa non usas sexa entregado nos lugares axeitados para que poida ser aproveitado.

Pare encher de agasallos

Árbore de NadalConsumo ecolóxico

Pescuda nos productos que se utilizan na túa casa. ¿Son elaborados por medios artesanais ou industriais? ¿Están feitos con métodos respectuosos para o medio ambiente? ¿Os materiais usados para facelos son contaminantes? ¿As empresas que os fixeron fan algo pola conservación do contorno? Cando sexa posible elexir, escolle productos ecolóxicos feitos por empresas comprometidas co medio ambiente.

 

Moi ben

Hai uns anos o Concello fixo campaña para "educar" ós donos de cans con carteis coma este. Agora hai outros, cunha mensaxe semellante. Eles, os nosos cans, non poden elexir.

Cartel do Concello

Moi mal

¿Que culpa terá a pobre árbore? ¿Por que non se tatuarán eles?

Inscripción nunha árbore

Adorno de Nadal
Traballos con materiais reciclados

Exemplos de agasallos reciclados. Caixas das que veñen con puros ou doces, cadernos vellos... Os adornos son follas das que estes días enchen as rúas e xardíns.

Como estes podedes atopar moitos agasallos nos postos de artesáns tradicionais ou facelos vos mesmos.

Olas en Alfaroleiros

Aquí podedes ver exemplos do bo traballo dos artesáns galegos.

Cestos feitos por Manuel Lauda

E seguimos co Nadal. Outro dos símbolos desta época é a Poinsettia ou Estrela do Nadal. É orixinaria de México, onde medra como arbusto perenne. Os Aztecas cultivábana con fins relixiosos e industriais. Chamábana Cuetlaxochitl ou "flor que murcha". As follas viran do verde ó vermello nos meses de novembro e decembro. É moi sensible ó frío, á falta de auga e ó exceso de humidade. Pode criarse no exterior ó caer as follas e replantar as gallas logo.

Poinsettia
Precisa boa iluminación excepto nos meses do cambio de cor nas follas. É unha planta tóxica. O latex que desprende, ó cortala, pode provocar, vómitos, diarreas, náuseas ou erupcións na pel.
Bulbo de xacinto
Aínda é tempo de poñe-los xacintos na auga para ter flores en xaneiro ou febreiro. É moi sinxelo, non precisas máis que un recipente, o bulbo e tres paliños para que só as raices estean en contacto coa auga. Hai que cambiala con frecuencia para evitar que apodreza.
Cartel de ADDA

E para rematar, uns carteis que fan pensar un pouco. Son da asociación para a defensa dos dereitos dos animais.

Se queres saber máis fai clic aquí: ADDA

 

Cartel de ADDA
Cartel de ADDA
Volta ó índice

¡Cos mellores desexos para o 2004!

Ata o mes de xaneiro