RSS para
Artigos
Comentarios

A vindeira sesión terá lugar o XOVES DÍA 25 de abril na BIBLIOTECA do instituto, das 17 ás 18 h.
O tema para a lectura e o debate será: A crítica platónica da democracia.
Platón
As lecturas sobre as que se desenvolverá a tertulia serán:
Platón: La República (Ed. Espasa – Calpe, 16ª ed.). Libro II, páxs. 79 – 87. Libro V, páx. 172; Libro VI, páxs. 185 – 186, páxs. 191 – 195; Libro VIII, páxs. 191 - 195; Libro X, páxs. 231 - 259.
Simon Blackburn: La historia de La República de Platón. Ed. Debate. Capítulos 1 a 4 e 8.
Os dous libros poden ser consultados na biblioteca do centro.
O alumnado que queira preparar a exposición de algúns dos textos, debe poñerse en contacto co profesor,

Como xa debes saber, no canto dos traballos mensuais, podes optar neste último trimestre por facer unha pequena investigación sobre un tema filosófico de libre elección. Como orientación, aquí se te suxiren algún dos temas que podes adoptar para esa investigación, pero tendo en conta que pola túa parte sempre podes propoñer un diferente.

- Calquera dos temas que teñen sido obxecto dos traballos mensuais precedentes, pode ser o tema da túa investiación.

- Pode selo tamén calquera outro tema que garde algunha relación con calquera dos ámbitos temáticos que forman parte do estudo da filosofía, segundo temos explicado en clase.

- Temas especiais, que xa foron tratado en cursos precedentes e que ti poderías continuar, aproveitando en parte as metodoloxías empregadas:

- Sobre Teoría do Coñecemento: A) Verdade e historia. Historia, mito e lenda. O papel dos mitos. Análise dun caso: o sepulcro de Santiago e o Camiño Xacobeo entre a historia, o mito e a lenda. B) Verdade e ciencia. Ciencia e pseudo ciencia. Análise de casos: a astroloxía e os horóscopos; a parapsicoloxía e os “fenómenos paranormais”; a ufoloxía e a existencia de vida extraterrestre; os programas televisivos sobre “fenómenos extraños”.

- Racionalidade e emocións: A) O cambio de paradigma tralas achegas das neurociencias. B) Razón e emoción nos relatos cinematográficos e nos medios audiovisuais (análise de casos, ex.: Capitalismo, crise económica e a súa representación nos relatos cinematográficos).

- Análise dos fenómenos violentos na sociedade actual (violencia de xénero, violencia nos deportes, violencia xuvenil, terrorismo…).

- Os dilemas morais nas películas e / ou series de televisión.

- Sobre Estética: A) O criterio estético na análise das obras de arte contemporánea. B) A presenza das artes contemporáneas na cidade de Santiago de Compostela. C) A miña paisaxe (unha investigación sobre o novo concepto de “paisaxe” nas artes contemporáneas e unha aplicación dese concepto á representación da paisaxe próxima e propia). D) A investigación como reportaxe: un traballo específico sobre algún grupo ou individuo significativo no ámbito da creación artística ou estética en xeral (artistas plásticos, grupos de teatro ou de danza, músicos, cineastas…).

- Sobre Filosofía Política: A) Filosofía e democracia: ¿por que é mellor un réxime democrático que un réxime non democrático? Tipos de democracia. ¿Cales son as debilidades da democracia? ¿Como poden ser superadas? B) A sociedade civil e a vida política. ¿A acción parlamentaria esgota a participación política lexítima nas sociedades de democracia representativa? ¿Cales poden ser outras vías lexítimas de intervención política da cidadanía? C) Nacionalismo, democracia e globalización. A formación das Nación-Estado e o concepto de identidade pos-nacional.

3. Tal como se anticipou máis arriba, os grupos poden asemade propór ao profesor temas alternativos escollidos por eles.

Os traballos deberán ser presentados por escrito (en papel ou disquette) pero poden ir acompañados de materiais complementarios noutro formato: gravacións sonoras ou audiovisuais, fotografías, etc.

Lembra que, se optas pola investigación filosófica, debes comunicar ao profesor o tema escollido antes de concluír esta semana (antes do venres día 5 de abril). En función dese tema, o profesor orientarache sobre as posibles metodoloxías a desenvolver e, no seu caso, a bibliografía a consultar. Lembra asemade que a investigación pode ser desenvolvida individualmente ou en grupo.

TRABALLO PARA O MES DE ABRIL

Este traballo deberá enviarse antes do primeiro venres da semana inmediata posterior ás vacacións (5 de abril).
Segundo xa foi explicado en clase, individualmente ou en grupo pódese escoller facer un breve traballo de investigación a desenvolver durante todo o último trimestre. Nese caso, xa non é preciso que se continúe facendo os traballos mensuais. Nunha información adicional, que se publicará neste mesmo blog, informarase de algún dos temas posibles de invesigación, aínda que a elección do tema finalmente será libre. Coa data límite do mesmo 5 de abril, quen se acolla a esta modalidade de traballo, deberá comunicar o tema escollido.

A LÓXICA, OS BOS ARGUMENTOS E A DEMOCRACIA

A democracia foi inventada polos gregos arredor dos séculos VI a V a. C., segundo xa debedes saber. Foi instaurada unicamente na cidade de Atenas e permaneceu vixente apenas uns dous séculos. Haberá que agardar ata os tempos modernos para que de novo poidamos falar de réximes democráticos, isto é, sistemas políticos nos que se recoñece que o poder reside no pobo. Isto quere dicir que a lexitimidade de quen exercen o poder debe fundarse na libre vontade dos cidadáns, de tal xeito que se aqueles, os gobernantes, perden a confianza dos gobernados, perden tamén o dereito a seguir exercendo o poder. Pero ademais, a lexitimidade mesma das leis deriva igualmente da vontade cidadá, o cal quere dicir, non só que os lexisladores deben ser escollidos polo pobo, senón que as leis aprobadas no parlamento deberían ser acordes coa vontade dos electores.

A diferenza do que ocorre nas democracias representativas modernas, na democracia asemblearia ateniense eran directamente os cidadáns (e non uns representantes), reunidos en asemblea, quen aprobaban ou rexeitaban as leis polas que querían rexerse. Por esa razón, os gregos valoraban moito a aquelas persoas que sabían expór as súas ideas ben argumentadas, mesmo tamén con brillantez e elegancia, porque eran eles os que acababan convencendo á maioría de que as súas posicións eran favorables para todos. Os mellores oradores eran considerados tamén os mellores políticos, os máis exitosos, capaces de arrastrar á asemblea cara as opcións que eles defendían.

asamblea.jpg

Pero tamén xurdiron entre os gregos quen advertiron contra a capacidade que algúns destes oradores tiñan para conseguir que o que un día a maioría consideraba como inxusto, ao día seguinte se trocase a ollos de todos no máis xusto. A estes hábiles comunicadores, que non poucas veces cambiaban de posición, atopando argumentos para defender hoxe o que eles mesmos atacaran onte, os seus críticos chamáronos “demagogos”, unha palabra grega que se podería traducir como “os que arrastran ao pobo”, e que hoxe ten o sentido de “políticos que utilizan argumentos falaces, dirixidos a compracer ao pobo, co obxectivo de que este apoie as súas ansias de poder ou os seus particulares intereses políticos”.

Os gregos foron tamén os descubridores da lóxica e os primeiros en detectar as “falacias”, isto é, certo número de falsos argumentos que, convenientemente presentados, acaban pasando por veraces a ollos de persoas pouco preparadas. Os demagogos, tanto do pasado como do presente, caracterízanse polo recurso habitual a falacias tales como a ad hominem, ad populum, ex populo, tu quoque, ad misericordiam ou o falso dilema (falacias todas que xa temos estudado nas clases) que, ben adobiadas, poden pasar por bos argumentos diante de persoas pouco asisadas ou pouco atentas.

A cuestión que se che ofrece á túa consideración, nesta ocasión, é reflexionares sobre a existencia (ou non) da demagoxia e os demagogos nas democracias contemporáneas, e as súas consecuencias para o bo desenvolvemento dos sistemas democráticos. O primeiro que deberás, xa que logo, é identificar a presenza de políticas demagóxicas nos réximes democráticos actuais, ben sexa en España ou noutros lugares. Cabe tamén, naturalmente, a posibilidade de que respondas que nas democracias representativas modernas e contemporáneas a vella demagoxia que os gregos criticaron xa non se produce, ou prodúcese nunha medida moito menor. Neste caso, deberás procurar algunha explicación de por qué isto é así: hai algo nas democracias modernas e contemporáneas que dificulta ou impide a aparición dos demagogos? Que é ese “algo”?

Parlamento español

Pero se pensas que o fenómeno da demagoxia persiste tamén nos nosos días, terás que identificar exemplos. Poderán ser intervencións parlamentarias, declaracións na prensa ou na televisión, ou programas e promesas electorais, que reproducen algunhas das falacias estudadas en clase, ou responden na túa opinión a unha orientación tipicamente demagóxica, é dicir, pretenden arrastrar ao pobo, aos electores, a apoiar a un determinado personaxe ou grupo político mediante argumentos ou ofertas enganosos.

Por fin, logo de debullar os exemplos que teñas atopado, debes concluír a túa reflexión afrontando o problema esencial que a demagoxia representa para a democracia. Ata que punto, se temos en conta que na democracia o que prevalece é a decisión da maioría, e a maioría cidadá está formada na súa maior parte por xente inculta ou pouco formada (e pouco informada), é inevitable que triunfen os demagogos sobre os políticos honrados? Debemos interpretar que se trata dunha dificultade consubstancial á democracia, imposible, logo, de resolver? Pódese facer algo para impedir que isto sexa así? Ou quizais estamos obrigados a recoñecer que a democracia non é o mellor dos réximes políticos posible? Coñeces algún outro réxime alternativo que a poida mellorar?

parlamento-europeo.jpg

Debido ao retraso na convocatoria da anterior tertulia, as tertulias de xaneiro e de febreiro case se tocan. A próxima terá lugar este xoves día 28 de febreiro, das 18 ás 19 h., na biblioteca do centro.
En todo caso, esta proximidade ten ao final unha consecuencia favorable porque na anterior sesión apenas deu tempo de debater sobre un só dos textos previstos, as páxinas seleccionadas de ¿Por qué persisten los dioses? Una aproximación científica a la religión (Robert A. Hinde, Biblioteca Buridán). Un texto que suscitou importantes discusións. En principio, a alumna que presentou o texto recoñeceu que lle resultou de difícil interpretación. Por esa razón, o profesor achegou unha interpretación complementaria. En resumo, podería dicirse que o científico R. A. Hinde afirma que as crenzas relixiosas son inaceptables porque pretenden detentar unha “verdade única e definitiva, eximida de toda investigación racional”, fronte á ciencia, que consiste nunha “forma de coñecemento público universal”, resultado de esforzos “desinteresados e imparciais” dos científicos por corroborar de xeito sistemático as conclusións das súas pescudas. En consecuencia, o saber racional científico reclama un escepticismo implícito que choca con calquera pretensión de verdade definitiva de carácter dogmático, como sería a “verdade” sustentada pola fe relixiosa. Con todo, Hinde recoñece que as relixións parecen proporcionar a unha parte importante da humanidade certo tipo de tranquilidade espiritual, e mesmo de guía moral, que a ciencia non pode substituír. A cuestión da moralidade é particularmente controvertida: se, por unha parte, fundar os valores morais sobre principios relixiosos non é sen maís aceptable para as sociedades contemporáneas, a redución dos imperativos éticos a explicacións científicas (baseadas en relacións de causa - efecto) choca coa idea de liberdade individual. Poderiamos dicir que se é inaceptable a imposición, como ocorría no pasado, dunha moralidade civil sometida a un dogma relixioso, a visión dunha sociedade tecnocrática programada segundo criterios pretendidamente científicos (como a que, por exemplo, teñen defendido psicólogos condutistas como B. F. Skinner: na biblioteca do instituto podedes ver a súa “utopía” social nun libro titulado Walden Dous) é contraditoria co respecto aos dereitos e liberdades individuais propio das sociedades democráticas.
No debate que seguiu á presentación das teses de Hinde, a maioría manifestouse contraria á visión que Hinde dá de relixión e ciencia como inevitablemente antagónicas. Houbo quen salientou que hai moitos científicos que son tamén relixiosos, o que é indiscutible. Logo parece que a posición de Hinde responde a unha concepción extremista, que non toda a comunidade científica comparte nin moito menos. Pero noutras intervencións, máis minoritarias, salientouse que non se pode negar que en ocasións aparecen contradicións entre o que a ciencia propón e o que certas relixións defenden como dogma indiscutible. Xurdeu en relación con isto a cuestión do evolucionismo. Pode ser compatible a aceptación do evolucionismo -que é o paradigma hoxe dominante nos estudos biolóxicos- coas relixións monoteístas que afirman que Deus creou todo? Pode selo tamén a teoría do Big Bang, aceptada hoxe pola física? No debate saíron situacións recentes nas que esa incompatibilidade se ten feito evidente como, por exemplo, a presión de sectores relixiosos nos Estados Unidos a favor de que os estudos evolutivos fosen prohibidos en centros de ensino, ou que fose obrigatorio acompañalos da exposición de teorías -como a teoría do “deseño intelixente”- compatibles co creacionismo relixioso.
O debate quedou aberto para continualo coa análise dos textos que non puideron ser presentados, e que propoñen concepcións menos “radicais” que a de Hinde, incluída unha que defende expresamente, non só a lexitimidade de ter ideas relixiosas (lexitimidade que ninguén nega), senón que mesmo a reflexión racional reclama o pensamento relixioso. Este xoves, logo, continuaremos o debate.

Este exercicio debe ser enviado, como máis tarde, na primeira semana de febreiro.

VIVIR NO FRANQUISMO, VIVIR NA DEMOCRACIA

Na exposición que vés de visitar (Vida cotiá no franquismo II, da Fundación 10 de marzo), puideches comprobar algunhas das características da vida cotiá durante os últimos anos da ditadura franquista. O exercicio que aquí se che propón é que trates de especificar as vantaxes e, se as hai, desvantaxes de vivir en democracia en relación coa vida nun contexto sociopolítico sen liberdades democráticas. Non se trata, logo, de que sinales vantaxes que son resultado do desenvolvemento técnico como, por exemplo, que hoxe a televisión é en color, que hai teléfonos móbiles, ordenadores e internet, videoxogos e cousas así. Do que se trata é de que imaxines qué implica vivir nunha ditadura e qué vivir en democracia. A diferenza máis obvia é que na ditadura non existe liberdade para elixir os representantes políticos e os gobernantes, nin se permite a crítica das autoridades, nin o dereito de folga, nin de manifestación e de libre asociación. Pero alguén podería dicir: e para que quere un mozo ou unha moza esas liberdades se non as vai usar? En primeiro lugar, porque, mesmo en democracia, ata a maioría de idade a mocidade non accede a moitos deses dereitos. En que che podería afectar, logo, carecer deles? E, se pensas que non che afecta, por que habías preocuparte por eles? Por outra banda, moitos mozos e mozas declaran que son apolíticos ou que a política non lles interesa. Se é así, por que terían que se sentir molestos de que o poder fose exercido por un ditador? O franquismo, dise, só perseguía aos que se metían en política, así que, non entremeténdose neses asuntos, un non tería nada que temer. Para que serve, logo, a democracia? Hai razóns para afirmar que un réxime democrático é superior a un réxime ditatorial?

vIDA COTIÁ FRANQUISMO II

En democracia –escoitámolo dicir nestes días con moita frecuencia- hai políticos e empresarios corruptos, e os poderosos desde o punto de vista económico (os máis ricos) parecen ter unha influencia sobre os gobernantes superior á que teñen a maioría dos electores que non forman parte das clases máis podentes. En democracia –e esta é unha crítica común entre os detractores do sistema democrático- parece que cadaquén procura o seu propio interese sen se preocupar polo “ben común” e, como consecuencia, as tensións sociais e os enfrontamentos son constantes. Non se podería afirmar, logo, que un goberno autoritario rexido por un gobernante indiscutido (aínda que esa aceptación sen discusión sexa lograda mediante o emprego da represión violenta contra os opositores políticos) pode ser máis eficaz e mesmo xusto que un goberno democrático dirixido por políticos incompetentes? Non faltan defensores do franquismo que aseguran que foi Franco, coa súa vitoria na guerra civil, quen acabou coa división política e social e os enfrontamentos (moitas veces violentos) que abundaron nos anos da Segunda República. Franco trouxo máis de 40 anos de “paz” e estabilidade política a España e, aínda que o progreso económico non chegou ata a década dos 60 (os anos do “desenrolismo”), finalmente España tamén comezou a saír do seu subdesenvolvemento económico baixo o goberno franquista. Non hai, logo, razóns, para afirmar que, se non sempre, en determinadas circunstancias un ditador máis ou menos benévolo (foi Franco un ditador benévolo?), preocupado polo ben común, pode ser preferible a unha democracia corrupta e ineficaz? Está xustificado dicir que sempre e en todas as circunstancias unha democracia é preferible a unha ditadura?

TERTULIA DO MES DE XANEIRO

SOBRE RELIXIÓN E RACIONALIDADE

Segundo o acordado na última sesión da tertulia filosófica, o tema da seguinte será a relixión, a filosofía e a ciencia, ou o que é o mesmo, o fenómeno relixioso fronte aos saberes racionais. Esta sesión estaba prevista para o xoves día 31 de xaneiro, das 16,30 ás 17,30 h, na biblioteca do centro. Debido a que a esa hora varios grupos terán un exame doutra materia, no reinicio das clases, en xaneiro, tomaremos a decisión, ben de manter a data retrasando o comezo da sesión para as 18 h, ou ben adiar a actividade para a mesma hora (17,30 a 18,30 h) do primeiro xoves do mes de febreiro, día 7. Neste último caso, cómpre ter presente que no mes de febreiro teriamos dúas sesións de tertulia, a seguinte no último xoves, día 28.

Os textos de lectura son os seguintes:

Robert A. Hinde: ¿Por qué persisten los dioses. Una aproximación científica a la religión. Biblioteca Buridán. Páxinas 310 a 314 e 321 a 322 da Conclusión.

Varios: El ateísmo contemporáneo. Ed. Cristiandad. Contribución de W. Kasper: “Explicaciones para una posible conciliación entre fe y ciencia” (páxs. 143 a 147).

Mark Vernon: 42. La respuesta del pensamiento profundo a la vida, al Universo y a todo. Alianza Editorial. Cap. 42, páxs. 228 a 232.

Bassham e Bronson: El Señor de los Anillos y la filosofía. Ed. Ariel. Contribución de Jonh J. Davenport: “Finales felices y esperanza religiosa. El Señor de los Anillos como un cuento de hadas épico.” Páxs. 257 a 274.

Lord of Rings

TRABALLO PARA DECEMBRO

AS IMAXES, A BANDA DESEÑADA E A FILOSOFÍA

Desde Platón (s. IV a. C.), as imaxes non manteñen unha boa relación coa filosofía. Platón situaba á representación icónica (unha forma máis técnica de chamar ás imaxes) no banzo inferior de todos os niveis de coñecemento. Isto quere dicir que, para el, as imaxes eran máis perniciosas que valiosas. Acusábaas de contribuír á que a xente permanecese na ignorancia, confundindo as aparencias coa verdadeira realidade, que para el estaba, non nas cousas sensibles (moito menos, logo, nas representacións analóxicas desas cousas, como as estatuas, as pinturas ou mesmo as representacións teatrais) senón nas Ideas, que só poden ser acadadas mediante o coñecemento intelectual. Parece obvio que Platón sería especialmente crítico coa nosa sociedade, onde estamos rodeados de imaxes por todas as partes, e o poder que estas teñen acadado seguramente é maior que en calquera outro período do pasado. Os sociólogos actuais sinalan que en particular a mocidade vive instalada nunha cultura da imaxe, de xeito que a televisión, o cine, os videoxogos e os comics ou banda deseñada, teñen desprazado case por completo aos libros do ámbito dos seus intereses.

Platón

Cómpre dicir que, desde o outro lado, tampouco o mundo da imaxe ten emprestado moita atención á filosofía. Os filósofos (ou mesmo os científicos) non ocupan apenas ningún lugar entre os personaxes aos que a televisión ten concedido popularidade. Tampouco non hai grandes películas que teñan a filósofos como protagonistas, aínda que o científico ten algo máis de visibilidade, frecuentemente como figuras malvadas. E o mesmo cabe dicir da banda deseñada, de onde proceden algúns dos máis perversos “científicos” que logo saltarían ás pantallas cinematográficas, como o Lex Luthor da saga Supermán. Poño “científico” entre comiñas porque a representación da ciencia que dan estes personaxes pouco ou nada ten que ver co traballo dos científicos contemporáneos.

Pois ben, do que se trata nesta proposta de traballo é de, en certo xeito, tentar darlle a volta á esta situación de case absoluta hostilidade entre as imaxes e a filosofía, tomando á banda deseñada como espazo particular de experimentación (máis adiante farémolo tamén co cine). Para iso poño á vosa disposición unha selección da miña particular biblioteca de banda deseñada, que teño instalada no departamento, máis tres cómics que, caso de escollelos, se deben retirar da biblioteca do centro. Ata o venres no primeiro recreo podedes pasar a solicitar o libro ou cómic co que desexedes traballar. O traballo debe facerse en grupo (mínimo 3, máximo 4 persoas) porque non hai libros ou cómics para todos, agás que alguén propoña un cómic da súa propiedade que, nese caso, o traballo poderá ser individual.

O obxecto do traballo consiste en indentificar os problemas filosóficos que aparecen reflectidos nos cómics ou nos estudos sobre a banda deseñada, tendo en conta a clasificación das partes da filosofía que foi presentada en clase, e os temas de que cada unha desas partes se ocupa. Neste último caso, dado que algún deses estudos se ocupa de períodos moi amplos ou de gran número de obras, os autores do traballo poden seleccionar tan só unha parte da obra; por exemplo, quen traballen sobre La España del tebeo poderían centrarse tan só na “historieta sentimental”, na “de aventuras” ou nos cómics da transición.

Epicurus the Sage

Obviamente, os cómics que forman parte da sección “A filosofía na banda deseñada” son os que máis directamente permiten afrontar o tema filosófico. Pero do que se trata é de que os compoñentes do grupo saiban atopar os vínculos coa filosofía mesmo onde estes non aparecen tan explicitamente: hai algunha cuestión sobre o problema do coñecemento?, sobre a cuestión da verdade e o erro?, sobre a capacidade de argumentar ben?, sobre o papel da ciencia e a súa diferenza con respecto a “saberes” que se queren facer pasar por científicos?, sobre as relacións entre relixión e saber racional?, sobre a dificultade de lle dar un sentido á vida?, sobre o dogmatismo e o fanatismo de calquera tipo?, sobre determinados dilemas ético – morais (o que está ben, o que está mal)?, sobre os conflitos emocionais –o amor, o odio, a amizade…- e as implicacións éticas dos mesmos?, sobre o que é xusto e o que é inxusto?, sobre a liberdade e os seus límites?, sobre o exercicio do poder político ou económico?, sobre a beleza e a arte? Como podedes ver por esta enumeración, en absoluto exhaustiva, hai moitas dimensións filosóficas que poden atopar unha representación nas páxinas dunha publicación de banda deseñada. A vós correspóndevos identificala no libro ou cómic sobre o que traballedes.
Logicomix
Por suposto, tamén podedes adoptar un enfoque máis xenérico, afrontando o debate sobre a cuestión xeral coa que se iniciou este texto: ten razón Platón e a imaxe é contraria a todo coñececemento esixente? Se cadra, poderedes ser quen de replicar ao gran filósofo proporcionando, se non evidencias, algúns indicios significativos de que tamén as imaxes contribúen a arrequecer o ámbito dos nosos saberes valiosos.

O traballo debe ser enviado, como prazo límite, antes de finalizar a primeira semana despois das vacacións de Nadal. Se alguén ten dificultades para desenvolver o seu traballo, pode consultar co profesor a través do correo electrónico, enviando un comentario ao blog.

BIBLIOTECA DE BANDA DESEÑADA

Libros sobre BD:
Antonio Altarriba: La España del Tebeo. La historieta española de 1940 a 2000.
Javier Coma: Del gato Félix al gato Fritz. Historia de los comics
Lorenzo F. Díaz: Diccionario de Superhéroes
Antonio Martín: Apuntes para una historia de los Tebeos
Alfons Moliné: El gran libro de los manga
Agustín Oliver: Richard Corben (Un rebelde tranquilo)
Sergi Vich: La historia de los comics
Ignacio Vidal-Filch e Ramón de España: El canon de los comics
Varios: Los humoristas del 27

Cómics e novela gráfica

Os meus clásicos contemporáneos favoritos:
El Ala Oeste de Edward Gorey
El Archivista (Las ciudades oscuras) de Schuiten e Peters
Ghost World (Mundo fantasmal) de Daniel Clowes
¡Puta guerra! de Tardi e Verney
Rapsodia húngara (1ª e 2ª parte) (Las aventuras de Max Fridman) de Vittorio Giardino
Wilson de Daniel Clowes

Manga:
Adolf de Osamu Tezuka (vol. 1 e 2)
El almanaque de mi padre de Jiro Taniguchi (libro 1)
Gon de Tanaka
Hiroshima de Keiji Nakazawa (vol. 1, 2 e 3)

Banda Deseñada en lingua galega (ou de autores galegos):
Cita na Habana de Fran Jaraba
Feito a man de Xaquín Marín
Fragmentos de la enciclopedia délfica de Miguelanxo Prado
Lois Pereiro. Breve encontro. Un achegamento comiqueiro á biografía e á obra do poeta de Jacobo Fernández Serrano
O máxico arrecendo (A historia de Galicia) de Fran Bueno, A. M. Benavente e J. R. Benavente
Nómades de Xosé Tomás
Páxinas crepusculares (Historias inducidas) de Miguelanxo Prado
Stratos de Miguelanxo Prado
Terra libre de Fran Jaraba

A filosofía na banda deseñada:
Epicurus el sabio de William Messner-Loebs e Sam Kieth
Logicomix.Una búsqueda épica de la verdad de Apostolos Doxiadis e Cristos H. Papadimitriou.
Terra Nostra (Imágenes de la historia / Los Derechos de la Tierra) de Max, Alicia Caseiras, Federico del Barrio, Wil Eisner, Raul, Felipe Hernández Cava, Carlos Nine, Miguelanxo Prado, Carlos Risso, Bill Sienkiewicz e Carlos Trillo.
Na biblioteca xeral do Instituto podedes atopar tamén Los Derechos Humanos, Los Derechos de la Mujer y Los Derechos del Niño, tres colectáneas de cómics de varios autores da editorial Ikusager (a mesma de Terra Nostra).

Epikurus Logicomix capa

Resumo da tertulia de novembro

IDENTIDADE E NEUROCIENCIAS

Nesta sesión da tertulia, practicamente todo o tempo se consumiu na exposición dos contidos dos textos. A conclusión máis notoria con respecto ás cuestións filosóficas, que estamos a afrontar tamén nas clases, é que os neurocientíficos contemporáneos coinciden en xeral na idea de que o dualismo cartesiano é insostible á luz das evidencias proporcionadas polos seus estudos. Descartes afirmaba que o corpo e a alma consituían substancias diferentes e independentes e, xa que logo, que o ser humano era a suma de dúas substancias distintas. Isto obrigaba a unha explicación de como se producía a conexión entre ambas as dúas substancias, isto é, por exemplo, como cando a miña vontade (facultade do espírito) decide que meu corpo mova a man, este movemento se produce. Nalgún dos textos lidos vimos algunhas das complicadas solucións que os filósofos racionalistas propuxeron para solucionar ese problema, desde a función da glándula pineal no propio Descartes, ata o ocasionalismo de Malebranche ou a harmonía preestablecida de Leibniz. Os neurocientíficos simplemente din que non hai tal problema, decantándose xa que logo a favor do monismo, que tivo tamén os seusrepresentantes na tradición filosófica como Spinoza ou os materialistas. Aducen como probas evidentes de que a mente (o espírito, na terminoloxía tradicional) é unha función dos órganos corporais, fundamentalmente do cerebro, ata tres feitos principais: as consecuencias que certas lesións cerebrais producen nas capacidades mentais; a conexión entre doenzas mentais e determinados problemas físicos localizados no sistema neurolóxico; a influencia que certas drogas teñen nos cambios comportamentais, derivadas da acción de determinadas substancias químicas sobre as sinapses neuronais. Máis complexo é resolver o problema da identidade e da conciencia. Os neurocientíficos recoñecen que a ciencia non ten resolto de forma conclusiva este problema é que agora mesmo se manexan diferentes hipóteses sobre onde reside a localización física da conciencia (se tal precisión ten sentido, o que tamén se cuestiona), incluída a hipótese extrema de que se cadra a conciencia e a identidade persoal, o “eu”, non é máis que unha ilusión. Pero, en calquera caso, o que semella evidente para os autores lidos é que tampouco neste punto non se pode negar a conexión directa existente entre a base física, corpórea, e a dimensión mental ou espiritual, o eu ou identidade persoal. Posiblemente a evidencia máis espectacular que atopamos nos textos lidos fose a das persoas que, debido a unha grave lesión, sufriron a escisión dos dous hemisferios cerebrais, desenvolvendo dúas personalidades diferentes (dous “eu”) como efecto desa traumática división.

Ao final da sesión, procedeuse a decidir o tema para a sesión seguinte, acordándose que fose “Relixión, filosofía e ciencia”.

A vindeira sesión do Clube de Lectura e tertulia filosófica terá lugar o XOVES DÍA 29 de novembro, na BIBLIOTECA do instituto,
das 18 ás 19 h.
En función do acordado na tertulia precedente, o tema de diálogo e debate seguirá a ser A IDENTIDADE, pero esta vez analizada a partir das contribucións das neurociencias, un dos campos científicos de maior desenvolvemento nos últimos anos.
Con ese obxecto, as lecturas seleccionadas, que servirán de punto de partida para o diálogo, son as seguintes:
Caps. I.1, I.2 e VI.17 “La conciencia como proceso físico” e “¿Prisioneros de la descripción o maestros del significado?”) de Gerald M. Edelman e Giulio Tononi: “El universo de la conciencia. Cómo la materia se convierte en imaginación”. E as Preguntas 33, 40 e 42 de Francisco J. Rubia: “¿Qué sabes de tu cerebro. 60 respuestas a 60 preguntas” .
Estes dous libros atópanse na biblioteca do centro.

(Neurociencias cerebro

TRABALLO PARA O MES DE NOVEMBRO

SOBRE O LUGAR DA RELIXIÓN EN RELACIÓN COA FILOSOFÍA E A CIENCIA

Este traballo debe ser realizado durante o mes de novembro, sendo o último día para envialo o venres día 30

Ao longo da historia da humanidade, en todos os pobos e civilizacións atopamos crenzas e institucións relixiosas. É común nas historias académicas da filosofía dicir que esta nace a partir da substitución dos “mitos” (relatos extraordinarios sobre a orixe do universo, xeralmente de orixe relixiosa) polo “logos” ou discurso racional. O “logos” abandona as explicacións míticas dos fenómenos naturais, en base á esixencia de que toda explicación debe fundarse en argumentos racionais, fundamentación que o mito non proporcionaba. Pero sería un erro considerar que por iso a maioría dos filósofos foron contrarios á relixión ou mesmo ateos. Non foi así en absoluto pois, aínda que en efecto houbo filósofos na antigüidade que criticaron e desprezaron as crenzas relixiosas, e algúns que se proclamaron ateos, estes foron máis ben a excepción e non a regra.

Por outra banda, e tal como temos visto en clase, orixinariamente non había ningunha distinción entre “filosofía” e “ciencia”, de xeito que a maioría dos filósofos eran considerados tamén “científicos”, e viceversa. Esta distinción ábrese paso a partir da chamada “revolución científica” do século XVII, coa instauración do modelo físico – matemático newtoniano como ideal do coñecemento científico. Na actualidade, é común considerar as teses científicas como verdades probadas, de xeito que unha discusión sobre unha cuestión calquera adoita darse por resolta cando alguén afirma: “isto é científico”. Teremos ocasión de reflexionar sobre a fiabilidade deste aserto máis adiante (cando nos ocupemos en clase de epistemoloxía e filosofía da ciencia), mais polo momento o aceptaremos como algo que forma parte das ideas comúns da xente.

Significa isto último –que aceptamos “o científico” como o verdadeiro por antonomasia- que nada teñen xa que dicir, no tocante á verdade dos nosos saberes, a filosofía e a relixión? Podemos os seres humanos vivir razoablemente satisfeitos coas verdades que nos proporciona a ciencia? Non faltan as persoas –entre as cales notables científicos, como o biólogo Dawkins, e mesmo filósofos, como o epistemólogo Dennett- que responden a esta pregunta cun “si”. En filosofía, a corrente que tende a reducir o saber, incluído o saber propio da filosofía, a coñecemento científico, recibe o nome de “positivismo”. Pero, desde logo, non todos os filósofos (máis ben, só unha minoría) son estritos positivistas, e entre os científicos probablemente a maioría non se preocupan destas cuestións, limitándose a se ocuparen do ámbito específico da súa especialidade. E non faltan un bo número, tanto de filósofos como de científicos, que teñen crenzas relixiosas.
Dawkins e o arcebispo de Canterbury
O biólogo Dawkins e o arcebispo de Canterbury, fotografados tralo seu debate sobre a orixe da vida e o universo

Agora ben, que ocorre cando se produce un conflito entre o afirmado pola ciencia, o que sostén unha determinada concepción filosófica e o que se atribúe a unha crenza relixiosa? No pasado, cando as institucións relixiosas, en alianza co poder político, tiñan a capacidade de impoñer unha interpretación dogmática de determinadas ideas relixiosas, estas ofreceron importantes resistencias ao desenvolvemento de novas concepcións científicas. É ben coñecido o caso do xuízo ao que a Santa Inquisición romana someteu a Galileo Galilei por defender o heliocentrismo (que a terra e os planetas orbitan ao redor do sol) fronte ao xeocentrismo tradicional, por considerar ao primeiro incompatible coa Biblia. Isto acontecía a comezos do século XVII, pero aínda no século XIX a maioría das igrexas cristiás, incluída a católica romana, consideraron que as ideas evolucionistas de Charles Darwin eran inaceptables por contraditorias coas verdades reveladas da fe.
darwin_ape.jpg
Caricatura ridiculizando a Charles Darwin polas súas ideas sobre a orixe do ser humano

Isto é xa só cousa do pasado? Debemos considerar hoxe que a relixión deixou de interferir no desenvolvemento científico? Pero acaso as institucións relixiosas, como calquera outra institución social, non teñen dereito a erguer a súa voz en defensa das súas posicións, como calquera outra institución nunha sociedade democrática? Coñeces algún caso, na recente actualidade, en que determinados avances científicos, ou determinadas aplicacións técnicas deses avances, están a ser cuestionados en base a consideracións relisiosas?

Procura información, expona no teu traballo e desenvolve o teu punto de vista sobre as cuestións antes formuladas. Finalmente, conclúe dando a túa opinión, debidamente argumentada, sobre o papel que deben cumprir as ciencias, a filosofía e a relixión, incluíndo –se fose o caso- as razóns polas que algún destes saberes ou crenzas xa non terían ningunha función que desenvolver nas sociedades contemporáneas.

« Ant. - Seg. »