www.iespintorcolmeiro.org[Quen foi Manuel Colmeiro?]
Benvida! / U-lo centro? / Que pretendemos?
ies.pintor.colmeiro@edu.xunta.es A
s Ferreiras s/n 36540 Silleda (Galiza) 986 580 904 Fax: 986 581 069

 

 

 


Inicio > Saber máis... > Palestina, Israel. Unha reflexión.

Francisco Javier Poch Gutiérrez
é Licenciado en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela e profesor no IES Pintor Colmeiro.

Palestina, Israel e a Historia: unha reflexión.
19, de xaneiro de 2009.

Cando Xosé Manuel, o responsable da páxina Web do noso Centro, me propuxo escribir nela un artigo sobre o conflito que está a ter lugar en Gaza, fun consciente que se trataba dun encargo complexo; este é un asunto cheo de ángulos, posturas apaixonadas, controvertidas, e posúe unhas raíces tan antigas que se remontan ós inicios da civilización. Se alguén cre que esaxero non ten máis que asomarse ós medios de comunicación onde corren ríos de tinta, voces e imaxes que polemizan sobre as razóns que avalan as posturas duns e doutros.


Entendo que, se queremos chegar a algunha conclusión, necesitamos unha información completa e equilibrada, o que só se pode conseguir se somos capaces de abandonar prexuízos, e procurar afondar nos acontecementos históricos que están na orixe dos sucesos dramáticos que estamos a vivir. O demais, para min, é falar por falar.


Nos meus tempos de estudante na Facultade de Historia de Santiago (ben é certo que isto foi o século pasado) era frecuente un debate sobre se a Historia era ou non unha ciencia. Eu saquei en consecuencia que, a pesar de clasificarse entre as Ciencias Sociais, o certo é que non o é, non se obteñen resultados exactos, os procesos non se reproducen da mesma xeito e, por desgraza, non podemos realizar ensaios en laboratorios e moito menos predicir resultados. Iso si, pódese ser honesto ou deshonesto, pódese mostrar resultados tras comprobar os feitos, ou se poden buscar os feitos que demostren o resultado.

Por iso este tema ten un enfoque complexo. Para moitos a responsabilidade recae sobre Israel, sobre todo tendo en conta que este fixo oídos xordos durante moito tempo ás críticas da comunidade internacional e ás resolucións da ONU que lle instaban a devolver os territorios ocupados tras a concesión en 1947 polas Nacións Unidas para instaurar o seu propio Estado. Algúns cuestionan, ás veces, a súa propia existencia nun territorio que, din, pertence aos palestinos. Estes mesmos con frecuencia refírense ás actuacións de Israel nas súas operacións militares cualificándoas de terrorismo de Estado e, ata, en manifestacións recentes, denunciaron estas agresións como xenocidas. Acusan, estas mesmas fontes, ao estado xudeu de ser o responsable da opresión e a pobreza do pobo palestino, causando o desprazamento de máis dun millón e medio de persoas.

Outros cren que o conflito é froito das continuas agresións de árabes e palestinos desde a propia constitución do Estado de Israel, un problema de seguridade que se prolonga ao longo dos últimos sesenta anos en que este territorio tivo que facer fronte a catro guerras declaradas por diferentes países árabes veciños, a ataques terroristas, dentro e fóra do seu propio territorio, non só contra obxectivos militares, senón tamén contra civís, como sucedeu coa matanza de once atletas israelís nas olimpíadas de Munich de 1972. Opinan que a propia existencia de Israel e da súa poboación está en perigo, tendo en conta as declaracións de líderes tan cualificados como o presidente de Irán, que se mostrou disposto a destruílo e negou a existencia do holocausto. Tamén engloban o conflito na ameaza que o terrorismo internacional, liderado por Bin Laden, supón, non só para o seu propio Estado, senón para o conxunto do “mundo libre”. Ademais aducen que a súa actuación en Gaza, tras o abandono da Franxa, en cumprimento dos acordos de paz, é responsabilidade de Hamás, un grupo palestino terrorista que, recentemente, rompeu a tregua e renovou o lanzamento de mísiles contra as cidades xudías.

A pregunta é quen ten razón. Para sabelo, ao meu entender é necesario:


. Indagar nos feitos anteriores e no contorno xeopolítico (contextualizar), buscar información completa en fontes de orixe diferente (analizar os feitos que orixinaron o conflito) e comprobar, na medida do posible, a veracidade total ou parcial de cada unha das afirmacións ou dos argumentos.


. Prescindir de apriorismos e chegar a conclusións intelectualmente honestas, tras un período de reflexión (comentario). Conseguir un equilibrio e ser capaces de cambiar de opinión ou compartir as dos outros se isto considérase posible.


3º. Non deixarse levar polas vísceras. Non se trata de facer unha análise fría, ou aparcar os sentimentos. Pero, si é certo que a obxectividade alcánzase froito dunha certa distancia, e as solucións requiren obxectividade.

É moi probable que, no mesmo momento en que estou escribindo estas liñas, o ataque israelí contra Gaza estea chegando ao seu fin. Así é que, de novo, este asunto desaparecerá das portadas, e a opinión pública e publicada relegarao a un segundo plano de interese. Nós non deberiamos facelo. É ben certo que o noso nivel de afectación inmediato é escaso, pero a relevancia ética, económica, política que ten, para o conxunto das relacións internacionais e para a paz e seguridade global, é inmensa.

O resto lle corresponde a cada quen. Cada un deberá ter os seus propios criterios. A liberdade consiste en poder elixir e para elixir hai que saber. Para saber hai que estar informados e a información se atopa en moitos lugares; non se debe seleccionar, non hai só unha. Tamén é seguro que non podemos achegarnos a toda, pero o que está claro e que non podemos quedar cunha sola. Espero que teñamos éxito e academos na nosa procura máis dubidas que certezas.

Enderezos | Mapa Web | Agradecementos | Contáctanos |19 de xaneiro de 2009| IES Pintor Colmeiro