Inicio > Saber máis... > Historia e historias do Nadal
![]() |
| Xoán Carlos García Porral , é doutor pola Universidade de Santiago de Compostela e profesor de Relixión no IES Pintor Colmeiro. Acaba de publicar o libro Modernización rural e tradición cultural Ed. Lóstrego. |
HISTORIA E HISTORIAS DO NADAL
10 de decembro de 2008.
O Nadal (do latín: navitas; “nacemento”) é unha das festas máis importantes do Cristianismo, xunto coa Pascua e Pentecoste, que celebra o nacemento de Xesuscristo en Belén. Esta festa e celebrada o 25 de decembro pola Igrexa Católica, a Igrexa Anglicana, algunhas outras igrexas Protestantes e a Igrexa Ortodoxa Rumana; e o 7 de xaneiro noutras Igrexas Ortodoxas, xa que non aceptaron a reforma feita ao calendario xuliano, para pasar ao noso calendario actual, chamado gregoriano, xa que foi o papa Gregorio XIII o seu reformador.
Historia:
Os evanxeos de Mateo e Lucas, que son os que narran a infancia de Xesús, non mencionan a data segura do seu nacemento. Aínda así, para algúns historiadores a celebración do Nadal debería situarse historicamente na primavera (entre abril e maio), as igrexas cristiás manteñen o 25 de decembro como data convencional, posto que é na primavera cando a Igrexa celebra a Pascua.
Segundo a Enciclopedia Católica, o Nadal non está incluído na lista de festividades cristiás dos pensadores protocristiáns (Ireneo, Tertuliano,...). A primeira evidencia da preocupación pola data do Nadal atópase en Alexandría, cerca do ano 200 da nosa era, cando Clemente de Alexandría indica que certos teólogos exipcios asignan non só o ano senón tamén o día real do nacemento de Cristo coma o noso actual 20 de maio no vixésimo oitavo ano do emperador romano Augusto.
![]() |
Películas de temática navideña: |
Pero foi no 221 cando Sexto Xulio Africano popularizou o 25 de decembro como a data do nacemento de Xesús. Posteriormente, no ano 350, o papa Xulio I pediu que o nacemento de Cristo fora celebrado o 25 de decembro, o cal foi decretado polo papa Liberio no 354 baixo a influencia de San Xoán Crisóstomo e San Gregorio Nacianzeno. A petición que fixo Xulio I foi por mor de facilitar que os romanos se puidesen converter ao cristianismo sen abandonar as súas festividades, entre as que destacaban as celebracións de Saturno durante a semana do solsticio, que chegaban ao seu apoxeo o 25 de decembro .
A pesar deste atraso na fixación dunha data que recordara o nacemento de Cristo, os primeiros cristiáns celebraban a Epifanía (actual 6 de xaneiro), cando os Magos de Oriente visitaron ao Neno Xesús en Belén. Curiosamente, na actualidade son as igrexas ortodoxas de Oriente as que seguen a manterse fieis na celebración deste día no que Xesuscristo se deu a coñecer ao mundo nas persoas dos estranxeiros.
Para o catolicismo, o Nadal non só é un día de festa, senón unha tempada de festas, e da mesma forma que a Pascua, contén un tempo de preparación, chamado Advento, que principia catro domingos antes do 25 de decembro. Por isto a liturxia católica chámalle a esta festa A Natividade de Noso Señor Xesuscristo.
CURIOSIDADES
1.- É costume que se celebren varias misas en Nadal, con distinto contido segundo o seu horario. Así, a noite anterior (Noiteboa) rézase a famosa Misa de Galo ou Misa de Medianoite; nalgúns lugares hai incluso unha Misa da Aurora que se celebra ao amencer do 25 de decembro; e a Misa de Mediodía, na que é costume que antes ou despois dela, o Papa dea unha mensaxe de Nadal a todos os fieis do mundo. Esta mensaxe é coñecida como Urbi et Orbi (en latín: á Cidade de Roma e ao Mundo).
2.- En Belén, cidade do nacemento de Xesuscristo, a festa de Nadal celébrase dúas veces, xa que a Basílica da Natividade é administrada por a Igrexa Católica que celebra o Nadal o 25 de decembro; e a Igrexa Ortodoxa de Xerusalén, que a celebra o 6 de xaneiro. Na igrexa hai unha caverna subterránea cun altar sobre o lugar no que segundo a tradición naceu Xesús. O punto exacto está marcado por un buraco no medio dunha estrela de prata de 14 puntas rodeada por lámpadas de prata.
| Os romanos celebraban o 25 de decembro a festa do “Natalis Solis Invicti” ou “Nacemento do Sol invicto”, asociada ao nacemento de Apolo. O 25 de decembro foi considerado como o día do solsticio de inverno, e que os romanos chamaron bruma; cando Xulio César introduciu o seu calendario no ano 45 a. C., o 25 de decembro debeuse ubicar entre o 21 e o 22 de decembro do nosos Calendario Gregoriano. Desta festa, os primeiros cristiáns tomaron a idea do 25 de decembro como data do nacemento de Cristo. Outro festival romano chamado Saturnalia, en honra de Saturno, duraba cerca de sete días e incluía o solsticio de inverno. Por esta celebración os romanos pospuñan todos os seus negocios e guerras, había intercambio de agasallos, e liberaban temporalmente aos seus escravos. Tales tradicións asemellábanse ás actuais tradicións de Nadal e utilizábanse para establecer un acoplamento entre os dous días de festa. |
3.- O Nadal é a festa cristiá máis popularizada, pese a que a Igrexa considera que é máis importante a Pascua. E por tal motivo é a que contén máis tradicións:
Cea de Nadal: consiste nun banquete a medianoite, en honra do nacemento de Cristo que tivo lugar a esa hora; de maneira parecida ao banquete xudeu do Pésaj.
Beléns: consiste na representación do nacemento de Xesuscristo. Segundo a tradición, foi San Francisco de Asís o seu inventor (s. XII).
Coroa de Advento: feita a base de ramas de ciprés ou pino atada cun listón vermello na que se colocan catro velas de cor vermella que marcan os catro domingos anteriores ó Nadal.
Panxoliñas: cancións ou cantos alusivos ao nacemento de Cristo ou á Sagrada Familia.
A árbore de Nadal: cumpre a función de adorno
Tarxetas de Nadal: costume creada polo londinense John Callcott Horsley en 1843 para felicitar o Nadal.
Alumeados de Nadal: as rúas e prazas transfórmanse en fermosos escenarios para os viandantes.
ACTUALIDADE DO NADAL
Ademais da orixe cristiá do Nadal, esta festa foi mezclando o seu carácter relixioso coa tradición da convivencia familiar, debido en gran medida á popularidade desta celebración e a mercadotecnia. É desde o século XIX cando o Nadal empeza a afianzarse co carácter que ten hoxe en día, pois nese século popularizouse o costume do intercambio de agasallos, creouse a Santa Claus (en base a San Nicolao de Bari, s. V), e empezáronse a regalar tarxetas de Nadal. Costumes que co tempo a mercadotecnia (en especial norteamericana) aproveitaría para expandir o Nadal polo mundo dándolle un carácter distinto do relixioso, e con temas que pouco ou nada teñen que ver coa tradicional celebración navideña.
O Nadal é celebrado por os cristiáns, pero tamén os non cristiáns e algúns ateos utilizan o Nadal como mero festexo de convivencia social e familiar.

