www.iespintorcolmeiro.org[Quen foi Manuel Colmeiro?]
Benvida! / U-lo centro? / Que pretendemos?
ies.pintor.colmeiro@edu.xunta.es A
s Ferreiras s/n 36540 Silleda (Galiza) 986 580 904 Fax: 986 581 069

 

 

 


Inicio > Saber máis... >

Todas as leis poden incumprirse, excepto as da Física

Jesús Teira Rois é Licenciado en Química pola Universidade de Santiago de Compostela. É colaborador do proxecto Climántica e profesor do IES Pintor Colmeiro.

Aínda que todo comportamento social necesita dunhas normas (pensade o que sería un partido de fútbol ou unha partida de baralla se os participantes non cumpriran as regras do xogo), sempre hai quen se cre algo máis listo ca os demais e decide cales son as normas a cumprir e cales a ignorar, sabe máis ca os enxeñeiros que deseñan as carreteras, os que deseñan os coches, e non digamos os que dispoñen os sinais nas vías. Por se iso non fora suficiente (e xa o é demais) soen transformarse cando se poñen a conducir, conéctan o cerebro ao motor do coche e mesmo parecera que as neuronas se lle van comprimindo ata perderen a razón a medida que van acelerando, poñendo en perigo a súa vida e a dos que teñen a temeridade de acompañalos. Sobra dicir o que pode suceder se á situación se lle engaden unhas pingas de alcol ou cousas peores.

Neste artigo veremos algúns principios físicos que nos axudarán a decidir con quen debemos de subir a un coche ou como debemos comportarnos cando vaiamos a conducir un vehículo calquera.

Velocidade… que mal rollo.

Se algo resulta de interese cando falamos de conducir é a rapidez coa que se produce o movemento (o que chamamos velocidade), pero non é o único factor que se debe considerar.

Imaxinemos a un compañeiro que vai en bicicleta e se dirixe cara nos a unha velocidade de 5 km/h… podemos decidir se nos apartamos ou o paramos, non?.
Imaxinemos agora que vén cara nos un camión, tamén a 5 km/h… hai alguén que queira paralo?
.
Queda claro, a velocidade é moi importante pero a masa do corpo que se move tamén condiciona a capacidade do vehículo de producir danos (ou cambios) sobre os demais corpos. Hai unha magnitude física que representa esta capacidade de producir cambios, a enerxía cinética. Por dicilo claramente, a enerxía cinética vén a dicirnos cantas razóns hai para sacarnos de diante dun corpo que se move cara nos… Aquí temos algúns exemplos de vehículos e a súa enerxía cinética:
Vehículo
Velocidade (km/h)
Enerxía Cinética (kJ)
Coche
20
15
Coche
100
385
Camión (5 toneladas)
45
390
Avión comercial (250 t)
1000
10.000.000

Dos datos da táboa deducimos que:

  • Un coche a 100 km/h ten a mesma enerxía que un camión de 5 toneladas a 45 km/h !!
  • Un coche que vai a 100 km/h ten 25 veces máis enerxía ca un que vai a 20 km/h.

Podemos asegurar que a velocidade condiciona moitísimo o dano que pode facer un vehículo a un peón ou a outro vehículo… ou a nós mesmos, porque esa capacidade de producir cambios vólvese na nosa contra cando impactamos contra un obxecto que está parado… e non digamos se é outro vehículo que vén en sentido contrario. Nun choque frontal contra un obxecto fixo (un muro, un poste) a 45 km/h o impacto sobre os ocupantes equivale ao de unha caída libre dende un terceiro piso dun edificio. A 75 km/h equivale a unha caída dende un oitavo piso. Se dous coches chocan de fronte a 40 km/h o impacto corresponde ao dun choque a 80 km/h contra un obxecto fixo (é como tirarse ao baleiro dende un noveno piso… a que mola! pois si, isto é moi doado de conseguir nun adiantamento indebido).

A estas alturas podemos responder a algunhas preguntas:

  • Por que está limitado a 50 km/h a velocidade en zonas urbáns?
    Porque está demostrado que se un vehículo que circula a esa velocidade impacta sobre un peón, sobrevivirá en practicamente tódolos casos. Con aumentar a velocidade a 60 km/h diminuímos moito a supervivencia e a máis de 70 km/h xa morrerían practicamente tódolos peóns.
  • Por que está limitada a 120 km/h a velocidade en autoestrada?
    Porque é a velocidade tope á que hai posibilidades de sobrevivir a un accidente (o que non quere dicir que poidamos darnos contra unha parede a esa velocidade e ter algunha posibilidade…)

Lamentablemente, os efectos da velocidade non só se manifestan na enerxía cinética. A distancia de parada defínese como o espazo percorrido polo coche dende o momento en que aparece o motivo da freada ata que logramos detelo… fai falla dicir que depende da velocidade?, seguramente que non. Hai máis factores dos que depende:

  • o tempo de reacción do conductor (0,5 segundos no mellor dos casos e aumenta moitísimo se o condutor tomou alcol ou algún tipo de droga),
  • o tipo e estado dos pneumáticos (se son brandos ou duros, o tipo de goma… pero NON do ancho do pneumático),
  • as condicións do asfalto (se está seco, é liso ou rugoso, o material que o forma…),
  • estado do sistema de suspensión do coche,
  • os mecanismos de freado do vehículo. Xa sabemos, agora os coches traen ABS, EBD, TCS, XYZ… pero recordade, a física establece os límites, estes sistemas só intentan aproximarse a el.

    Por se fora necesario, aquí temos unha táboa moi ilustrativa. Nela podemos ver a distancia de parada (en boas condicións) e fixádevos como aumenta coa velocidade:

    Velocidade (km/h)
    Distancia de parada (m)
    50
    19
    80
    43
    100
    63
    120
    88

Outro efecto perxudicial da velocidade é o campo de visión que temos da carretera. Neste caso unha imaxe vale máis ca mil palabras:

Aquí podemos apreciar como a medida que a velocidade aumenta o campo de visión vaise transformando nunha especie de “visión por un tubo” dificultando a visión de obxectos aos lados da vía pola que se circula.

En xeral pode dicirse que o 95% dos accidentes de tránsito se debe a erros humanos, mentres que o resto, ou sexa o 5%, é atribuíble a fallas técnicas. O consumo de alcol aumenta en case cinco veces a probabilidade dun accidente; o uso de teléfonos móbiles mentres se conduce magnifica notoriamente ese risco. Por outra banda, o emprego do cinto de seguridade reduce, de xeito substancial, a incidencia da severidade e a mortalidade asociadas ao accidente, xa que se é ben utilizado, confire a posibilidade de supervivencia no 50% dos casos ou máis, ao evitar que o ocupante do vehiculo sexa botado fóra del. Nun estudio realizado en Suecia, demostrouse a súa eficacia ao reducir a cifra das lesións nun 85 ao 90%; dos condutores que levaban correctamente colocado o cinto, ningún morreu en accidentes acontecidos a velocidades inferiores aos 95 km/h, mentres que outros condutores sen cinto morreron en accidentes acontecidos a velocidades de ao redor de 25 km/h.

Queres xogar?   Materiais diversos
http://www.educapeques.com/evial/portal.php

http://www.dgt.es/educacionvial/Juegos_Aprende_jugando_.html

http://www.juegovial.com.ar/

http://www.circulando.es/circulando/comunidadEscolar/juegosMain.do
  Caderno seguridade vial da RACE

Probas de seguridade

Recursos diversos

 

Enderezos | Mapa Web | Agradecementos | Contáctanos |21 de abril de 2009| IES Pintor Colmeiro