A muller noutras culturas:
ÁFRICA SUBSAHARIANA


"Represento un continente con unha supervivencia comprometida:
Nacín en vías de desenvolvemento e vivo en vías de extinción”.
Calixthe Beyala

“...e xurdirá unha África muller que parirá fillos
de alento e de lume, de xaspe e de coral".
Werewere Liking

Da serie: “Beleza nos suburbios de Namibia”
Jacob Holdt

Galería de fotos
Os recursos de auga
A SIDA
Conflictos armados
Problemas de xénero
Muller e arte
Vocabulario

"A temática sobre mulleres vén centrándose tradicionalmente en análises que de cotío enfatizan demasiado a súa situación de marxinación e opresión. No caso das mulleres africanas, esta percepción vólvese en extremo desgarrante. Neste senso, é curioso e desalentador constatar que, aínda desde as institucións relacionadas coa axuda ó desenvolvemento, insístese nunha aproximación ó tema que trata as mulleres máis como un problema que como un piar fundamental no proceso de reestructuración das sociedades africanas. En consecuencia, e sen por iso ignorar as terribles experiencias que sofren moitas mulleres ó sur do Sahara, faise absolutamente necesario rescatar o magnífico aporte destas protagonistas silenciosas que, en definitiva, posibilitan a supervivencia da maioría dos fogares do continente negro. É neste contexto no que se inserta a idea das mulleres como principais creadoras dun futuro esperanzado para a África subsahariana...

É ben sabido que o acceso á escolarización entre as africanas é considerablemente menor que entre os homes, que estas son unha fonte facilmente manipulable de traballo gratuíto ou que, en determinadas sociedades, vense sometidas a prácticas de mutilación sexual. Por outra banda, os numerosos conflictos que sacoden o continente supuxeron a desaparición física de centos de miles de persoas ou obrigaron a migracións internas ou externas de millóns de refuxiados. En situacións semellantes, as mulleres conforman unha inmensa maioría. No caso das refuxiadas, as violacións, a escravitude sexual ou a prostitución á que se ven forzadas para asegurar a subsistencia das súas familias fai que a súa circunstancia sexa, sen dúbida, aínda máis dolorosa cá dos homes. A todo isto debemos engadir, a maiores, o azoute da SIDA...

Nembargantes, estas realidades deben contextualizarse de acordo con unha diversidade que, en moitas ocasións permanece na sombra. De feito, calquera aproximación á problemática da muller africana require desmitificar, antes que nada, a idea deste colectivo como un todo homoxéneo. As africanas pertencen a culturas, etnias, relixións e estructuras económicas e sociais moi diferenciadas entre si. Cada rexión, cada país, cada comunidade posúe características propias e mesmo, dentro dun mesmo estado, existen enormes variacións. Atopamos ó mesmo tempo sociedades de estructura matrilineal e patrilineal, mulleres de relixión cristiá, musulmana ou animista, de razas e etnias diferentes e de cultura urbana ou rural...

Consecuentes cunha longa tradición de resistencia organizada á opresión, as africanas procuraron respostas e solucións adaptadas a unhas circunstancias en constante transformación. Unha das chaves deste fenómeno é a organización en grupos e redes solidarias de moi distinta natureza. Estas asociacións presentan unha enorme flexibilidade e variada tipoloxía: poden ser clandestinas ou oficiais, institucións próximas a partidos políticos, clubs sociais ou ben ONG de gran militancia; poden atoparse desde sistemas bancarios informais ata redes mundiais de telecomunicación. Esta heteroxeneidade non impide, sen embargo, que o seu peso social sexa innegable e que os gobernos africanos comezaran xa a telas en conta a través da creación de organismos que colaboran estreitamente con elas...

Parece pois necesario considerar á muller como eixo fundamental para o desenvolvemento das sociedades africanas e no que a comunidade internacional atopará, por fin, un instrumento válido no seu intento de cooperación e axuda.” *

Ofertámosvos unha aproximación a algúns dos problemas máis abafantes das sociedades africanas e algunhas das maneiras de tentar resolvelos ou, polo menos, mitigalos onde o protagonismo das mulleres resulta innegable e esperanzador.

* Extracto de “La mujer africana. Mito y realidad”. Luis Mora. Verónica Pereyra.

 

Galería de fotos

 

Os recursos de auga

 

A SIDA

 

Conflictos armados

 

Problemas de xénero

 

Muller e arte

 

Vocabulario