PRINCIPAL

O NOSO COLEXIO
Quen somos
Onde estamos
Horario
Servizos
Instalacións
Aulas

NOTICIAS

RECANTO CREATIVO
O Trasno
Plis-plas
As Chans
Violeta
  | Proxecto Violeta
  | Quen é Violeta?
  | Diario de Violeta
  | Materiais
A Xanela
Pandereteiras

ANPA

VIAXA NA REDE

MAPA DA WEB

CRÉDITOS


Diario de Violeta


15 de novembro de 2002

¡Ola! Son Violeta. O outro día fun á casa da miña curmá e ensinoume o seu caderno de secretos. Alí escribe o que lle apetece, cando quere. Encantoume a idea e pensei: ¿Por qué non fago algo eu?, ¡GÚSTAME TANTO ESCRIBIR!...
Vouche chamar “O meu querido diario”. Aburiño.

20 de novembro de 2002

¡Estou farta! Levo un montón de tardes metida na casa coidando a Mariña. Quérolle moito e gústame xogar con ela pero xa pasaron moitos días e non puiden face-las miñas cousas. Mamá ten que traballar, papá está de viaxe co camión e Xan sempre ten algo en que pasa-lo tempo , fútbol, ordenador... ¿Por qué Xan fai todas estas cousas que lle apetecen e eu non podo facer o que me gusta por coidar a Mariña. ¿Por qué sempre son eu a que me fastidio?. Vou propoñer na casa que Xan máis eu nos turnemos.

12 de decembro de 2002

¡Ola meu querido diario! Estou preocupada e enfadada polo noso mar. Dende que pasou o do Prestige, fixemos varios traballos moi interesantes coa profe Laura sobre a marea negra. A profe puxo nunha ventá da clase unha bandeira negra de Galiza na que pon: NUNCA MÁIS. De maior gustaríame ser bióloga ou algo así . Un día, viñeron á escola un mozo e unha moza dunha organización ecoloxista e faláronnos do seu traballo como voluntari@s na recollida dese asqueroso chapapote, na busca de aves petroleadas....Eu e as miñas amigas Sole e Xiana decidimos que a partir de hoxe, nós tamén somos ecoloxistas.
Estou contenta porque agora Xan túrnase comigo cando toca coidar a Mariña. Quero moito a Xan, axiña o comprendeu.

4 de febreiro de 2003

Vexo a miña mamá moi cansa e, non sei como axudarlle. Resulta que cambiou de traballo. Antes, limpaba un concesionario de coches da Avenida de Madrid que pechou. Agora, leva xa un mes indo a Peisan, unha empresa de peixe conxelado na que as traballadoras son mulleres. Érguese ás cinco da mañá e traballa a temperaturas moi baixas. Ínchanlle as pernas... Ademais, teñen contratos temporais, de mes en mes, e o seu xefe de persoal é moi desagradable. Díxome mami que a unha amiga súa que está embarazada e colleu un gripazo non lle quixeron facer outro contrato. ¡Que inxustiza!.
Xan e mais eu estamos intentando colaborar a tope nas cousas da casa.

30 de marzo de 2003

Hoxe teño moitas ganas de escribir porque estou contenta. Pasei un domingo moi divertido, fun con Sole e Xiana de excursión polo sendeiro Eifonso, levamos as mochilas con bocatas e ata as seis e media que nos viu buscar á capela de San Cibrán papá, convertímonos en tres exploradoras vivindo unha aventura...
¡Que sorte ter tan boas amigas! Falamos de todo e contámonos secretos...O outro día dábamoslle voltas a porque os chicos son tan diferentes a nós. Eles falan menos entre si do que senten, do que pensan.. .¡As chicas, somos máis comunicativas!. Por iso a mami lle gusta tanto o palique coas súas amigas.

3 de abril de 2003

Meu querido diario, hoxe pola mañá fun buscar a Uxía para irmos á escola xuntas. Estaba calada e pensativa, case non me falaba. Por fín empezou a contarme. Díxome que pola noite, cando estaba a punto de dormir, escoitou ós seus pais discutir. O pai berraba moito, a nai choraba...Según Uxía cousas asi pasan a cotío. Tamén di que a súa nai está moi triste e que ela non pode soportar os berros do seu pai .... ¡Que complicada é a vida para as persoas maiores!
Pola noitiña conversei con mami. Pregunteille se ela e papá se querían, se estaban ben xuntos. Expliqueille o problema de Uxía. Mama pronunciou unhas palabras que eran como pensar en voz alta: “Terá que tomar unha decisión... Conchi non pode vivir con esa agresividade...”
Eu pregúntome: ¿Terá que ver o que lle pasa ós pais de Uxía co que nos falou a profe, iso da... “violencia de xenero”?

10 de agosto de 2003

Meu querido diario, teño moitas cousas que contarche, Acabo de chegar dun campamento, estiven 15 días en Allariz, ¡pasámolo xenial!.
Bañámonos no río, fixemos sendeirismo, e viñeronnos dar un obradoiro sobre as aves: como recoñecelas , como coidalas cando están feridas ou contaminadas, como distinguir os seus cantos...., ademais, formamos un equipo de futbito mixto, con nenos e nenas e xogamos unha liguilla de catro partidos con outros equipos tamén mixtos...foi moi divertido e non entendo porque o futbol non pode ser sempre así. Conteillo ó meu irmán e torceu o morro paréceme que non lle convenceu...

3 de outubro de 2003

A profe Laura segue a darme clase, estou encantada. A primeira vez que tivemos titoría falamos do sexismo no xogo e nos xoguetes. Eu contei o que pasa coa miña irmá Mariña. Ela só quere coches e camións, non lle gustan as monecas. A min paréceme ben, cada un ten dereito a escoller o tipo de xoguetes que prefire. Despois de moito falar, escribimos unha frase nun gran cartel e puxémolo no vestíbulo da escola para que todo o mundo o poidera ler, tamén os pais e as nais. Dicía así:
NON HAI XOGUETES PARA NENOS E XOGUETES PARA NENAS, HAI XOGUETES PARA XOGAR

1 de novembro de 2003

“Si adelgazara me sentiría más libre”.... Iso dicía Rosa (Rosa de España de Operación Triunfo) . Non sei..., non me convence todo o que pasou con Rosa, está moi cambiada, deixouse levar , fixo todo o que lle dicián os demais e agora xa non parece ela. A profe Laura di que a manipularon. Que nós temos que aprender a non deixarnos manipular.
Ó mellor eu son rara, pero o que máis me gusta de min é saber que podo facer moitas cousas que me interesan ou me gustan, que podo estar a gusto coas miñas amigas, que intento ser cada vez mellor persoa , que son capaz de tomar decisións....O MÁIS IMPORTANTE É COMO ME VEXO EU, COMO ME SINTO EU...
¿Un corpo perfecto?


 


subir