www.iespintorcolmeiro.org[Quen foi Manuel Colmeiro?]
Benvida! / U-lo centro? / Que pretendemos?
ies.pintor.colmeiro@edu.xunta.es A
s Ferreiras s/n 36540 Silleda (Galiza) 986 580 904 Fax: 986 581 069

 

 

 


Inicio > Saber máis...

Isabel Rodríguez Pérez
é Licenciada en Empresariais pola Universidade de Vigo e profesora de Economía no IES Pintor Colmeiro.

A CRISE FINANCEIRA MUNDIAL
17 de novembro de 2008.

Levamos tempo oíndo falar nos medios de comunicación da grande crise financeira mundial. Pero, que provocou esta crise?, como é de grave?, quen son os responsables?, que consecuencias terá nun futuro?, e o máis importante, como nós afecta?.

Fai aproximadamente un ano e medio, en marzo de 2007, unha das maiores construtoras de E.U.A. alertaba de que a venta de casas estaba empezando a caer. Pero o máis preocupante era que moitos bancos estaban concedendo de forma masiva préstamos hipotecarios a clientes pouco seguros e de alto risco; é dicir, a persoas que ofrecían poucas garantías de poder devolver a débeda contraída co banco, son as chamadas hipotecas lixo ou “subprime.

Que teñen que ver as hipotecas co mercado financeiro?

Como reaccionaron os que controlan o diñeiro (autoridade monetaria)?

Por que se mantén aínda a crise un ano despois?

Que ocorre en España?

E as bolsas, como reaccionaron?

Quen son os culpables?

Pero, que teñen que ver as hipotecas co mercado financeiro?. Os bancos que concedían estas hipotecas lixo, para gañar máis diñeiro vendían títulos hipotecarios; é dicir, o inversor estaba comprando parte destas hipotecas, son os chamados títulos hipotecarios. Estas inversións eran moi arriscadas pero atractivas pola súa alta rendibilidade se as cousas foran ben.

A esta arriscada situación financeira uníuselle o inicio dunha crise económica, caída do mercado inmobiliario (un sector con gran peso en países industrializados), aumento do paro, a vida ponse máis cara pola subida dos prezos, os bancos centrais deciden subir os tipos de xuros. De xeito que os clientes dos bancos non eran capaces de facer fronte ás súas débedas e isto non só pasaba nos E.U.A., senón tamén a nivel mundial. Na prensa líamos novas que alertaban do aumento da morosidade; é dicir, persoas que non pagan as súas débedas chegado o seu vencemento.

Isto xerou un clima de incerteza e falta de confianza na economía. Os inversores en títulos hipotecarios que, en moitos casos eran os propios bancos, comezaron a retirar o seu diñeiro que unido ao problema da morosidade tradúcese nunha crise de liquidez. En resume, se quen pide unha hipoteca ao banco non a devolve chegado o vencemento, o inversor na dita hipoteca tampouco recupera a súa inversión. E que ocorre co diñeiro dos pequenos aforradores (depósitos bancarios)?; ademais, se os bancos non teñen diñeiro en efectivo, non poden conceder máis préstamos, necesarios para incentivar o consumo das familias e a inversión das empresas.

Como reaccionaron os que controlan o diñeiro (autoridade monetaria)? Tanto a Reserva Federal de E.U.A. coma o Banco Central Europeo e o Banco Central de Xapón decidiron inxectar liquidez no sistema prestando cartos aos bancos, tratábase de que houbera máis diñeiro en efectivo. Ademais, E.U.A. decidiu baixar un pouco o tipo de xuro.

Por que se mantén aínda a crise un ano despois? Segue habendo un clima de desconfianza na banca a nivel mundial. Moitos bancos ocultan incluso as súas perdas para manterse no mercado mentres que outros bancos como Lehman Brothers quebran. Isto obriga á intervención da autoridade monetaria (Plan de rescate) para garantir o diñeiro dos pequenos aforradores e decide salvar aqueles bancos cuxa quebra pode poñer en perigo os sistema financeiro a nivel mundial.

Porén, a decisión da autoridade monetaria de diferentes países de inxectar liquidez no sistema é un arma de dobre fío, por un lado axudan aos bancos a capear o temporal pero por outro créase un clima de desconfianza entre os aforradores e inversores.

Que ocorre en España? O noso Presidente do Goberno declara que “o noso sistema financeiro está resistindo moi ben ante a crise financeira a internacional”. A razón é que o noso sistema bancario é un dos máis solventes do mundo, sometido á constante e minuciosa supervisión do Banco de España.

E as bolsas, como reaccionaron?. A desconfianza afunde as bolsas, vivindo a principios de outubro a peor semana da súa historia cunha caída do 18%, case o dobre que durante a crise de 1929. Pero a diferenza de entón, os gobernos de E.U.A., a eurozona e o resto do mundo xa comezaran a reaccionar tratando de coordinar as súas políticas para superar a crise financeira.

Quen son os culpables?

  • Banqueiros: que co seu obxectivo de gañar máis diñeiro vendían títulos de alto risco (títulos hipotecarios) a través de hipotecas concedidas a clientes de dubidoso cobro.
  • Reserva Federal de E.U.A.: que baixou excesivamente os tipos de interese o que contribuíu á compra masiva de vivendas.
  • Goberno de E.U.A.: que seguiu un modelo económico baseado no liberalismo (mínima intervención na economía). Tería sido preciso un mellor sistema de supervisión e control poñendo freo ás operacións bancarias de alto risco.
  • Axentes inmobiliarios: que querían vender vivendas a toda costa sen pensar se o comprador podía pagalas.

Conclusión:

Esta crise financeira que comezou fai un ano e acaba de estalar afecta á economía real (á dos nosos petos e aos nosos postos de traballo). A falta de confianza no sistema leva a que os bancos sexan máis reticentes á hora de conceder préstamos tanto a familias coma a empresas. Co cal, baixará aínda máis a compra de vivenda, as empresas construtoras terán problemas para seguir coa súa actividade, contratarán menos xente e hai que ter en conta que o sector da construción ten un peso importante na nosa economía. Ante esta situación os bancos centrais tratarán de baixar os tipos de xuro para apoiar ás familias e empresas que están endebedadas.  

Esquema do sistema financeiro español en pdf.[Tomada do FARO DE VIGO]

Para finalizar outra explicación, en moitos puntos coincidente, aínda que contada doutro xeito, dun corredor de bolsa nun show americano.

 

 

Enderezos | Mapa Web | Agradecementos | Contáctanos |17de novembro de 2008| IES Pintor Colmeiro