QUE SON?
As Aulas Hospitalarias son espazos educativos inxeridos nos principais hospitais galegos para atender ao alumnado en escolarización obrigatoria que, por prescrición facultativa non pode asistir de xeito habitual ao seu centro escolar. A súa finalidade é a de dar certa continuidade ao proceso formativo destes nenos e nenas, a través dun ambiente lúdico e motivador, procurando a súa integración socio-afectiva mentres dura a súa hospitalización.
Caracterízanse por desenvolver unha atención altamente personalizada e coordinada co centro educativo de referencia, tanto a nivel de programación como de contacto diario. A colaboración entre o profesorado, os pais e o persoal sanitario contribúe a que estes nenos e nenas non perdan en exceso os lazos ca súa escola e co propio proceso de aprendizaxe.
Están dotadas con material audiovisual e informático de uso didáctico, e con conexión a internet, de xeito que poidan conectarse cos compañeiros do colexio, con amigos e familiares, e aproveitar as vantaxes da rede.