Aula A Coruña
| O HOSPITAL |
As aulas escolares do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña están situadas no Centro Materno infantil “Teresa Herrera” no lugar das Xubias ao carón da ría da Pasaxe.
No “Materno” están asentadas as especialidades infantís de cirurxía e pediatría en xeral, así como neonatos, hematoloxía, rehabilitación infantil.
Ten tamén xinecoloxía, obstetricia e otorrinolaringoloxía tanto infantil coma de adultos.
Neste hospital encóntrase tamén o laboratorio para toda a zona da Coruña, así como un centro de investigación nun edificio anexo.
A área sanitaria da Coruña abrangue unha poboación de 542.865 habitantes
| SITUACIÓN |
Cóntase con dúas aulas escolares, unha para as nenas e os nenos ingresados e outra para nenos e nenas con dificultades de aprendizaxe en réxime ambulatorio.
A aula de nenas e nenos ingresados é unha pequena aula situada na sexta planta do hospital. Ten unha biblioteca infantil, tres ordenadores, dúas impresoras, un escáner, cámara web e material lúdico-didáctico diverso, así como libros de texto e material didáctico de varias editoriais para todos os cursos da EPO e primeiro ciclo da ESO.
A aula para nenos e nenas con dificultades de aprendizaxe está inserta no Servizo de Rehabilitación no soto do hospital e dispón dun ordenador e unha impresora, así como de material lúdico e didáctico en xeral.
| PROFESORADO |
O cadro de persoal é de dúas profesoras.
| ACTIVIDADES |
Na aula de rehabilitación trabállase a recuperación dos trastornos da linguaxe falada e escrita e os aspectos madurativos necesarios e previos para a lectura, diferenciación visual, auditiva, orientación epazotemporal, así como o esquema corporal.
Conceptos e operacións básicas numéricas.
A aula de nenas e nenos ingresados trata de que a criatura que ingresa no hospital non perda o contacto coa súa aula de orixe, así como o ritmo de aprendizaxe, e que polo tanto se reintegre normalmente unha vez transcorrida a paréntese que supón o ingreso hospitalario. Para lograr iso, as actividades realizadas son as propias do seu currículo escolar, individualizadas con tarefas accesibles e variadas, así como traballo cooperativo cando os grupos ingresados o permiten.
| METODOLOXÍA |
O ensino é individualizado e atende de xeito particular as necesidades e intereses de cada criatura. As actividades que se realizan na escola non se axustan a unha planificación formal. Non existe unha programación temporal determinada nin avaliación oficial. Decídese conxuntamente co alumnado e adáptase a todo tipo de niveis, intereses e aptitudes. As actividades organízanse en función da súa idade, estado de desenvolvemento físico e psicolóxico. Perséguese unha aprendizaxe significativa e que relacione os coñecementos que van adquirindo cos previos, que fomente a autonomía do alumnado.
A escola foi introducindo novos materiais tecnolóxicos e educativos acordes cos tempos e realizando as adaptacións curriculares pertinentes.
| COORDINACIÓN |
O primeiro contacto é coa familia que nos dará a primeira información sobre a situación escolar. Se a estadía se prolonga contactamos coa escola de orixe e será esta a que marque o ritmo a seguir con contactos periódicos.
O contactos cos centros podémolos facer tanto por correo electrónico como telefonicamente.