Aula Ourense

O HOSPITAL

O Complexo Hospitalario de Ourense atende no seu Departamento de Pediatría nenos e nenas procedentes de toda a provincia de Ourense e o Suroeste da provincia de Lugo.
Este departamento conta coas especialidades de oncoloxía, endocrinoloxía, traumatoloxía, cirurxía pediátrica e saúde mental infanto-xuvenil

SITUACIÓN

A escola conta con dúas aulas situadas nos andares 3º (escolares) e 4º (preescolares) do Edificio Cristal. Atópase tamén no 3º andar a Cibercaixa.

ORGANIZACIÓN

Cada unha das aulas atende o alumnado hospitalizado nos correspondentes andares, alumnado de educación infantil no 4º andar e alumnado de idades comprendidas entre os 7 e os 17 no 3º andar. As aulas están dotadas con todo tipo de xogos educativos e material informático así como un importante número de volumes de literatura infantil e xuvenil.
Na Cibercaixa todos os pacientes  poden aproveitarse de recursos lúdicos, informáticos e educativos tanto con persoal do centro como con voluntariado da Fundación e cos seus amigos e familiares.

PROFESORADO

Disponse de dúas profesoras dependentes da Consellería de Educación, voluntarios da Fundación La Caixa e alumnado en prácticas da Facultade de Educación da Universidade de Vigo, Campus de Ourense.

ACTIVIDADES

Entre as actividades que se realizan pódense destacar as propiamente curriculares, lúdicas e artísticas, así como as informáticas.
Cóntase tamén en moitas ocasións coas actividades organizadas pola Concellería de Educación do Concello de Ourense, Consellería de Cultura e con outras actividades deportivas ou culturais que para o público infantil e xuvenil se ofrecen na nosa cidade.

METODOLOXÍA

Para o traballo diario téntase partir das necesidades individuais de cada un dos alumnos e alumnas, polo tanto trátase en primeiro lugar dunha metodoloxía individualizada, personalizada, activa, participativa, motivadora e lúdica, xa que as características e situación na que se atopan é peculiar.
A coordinación coa persoa titora é imprescindible para os casos de hospitalizacións medias e longas co fin de garantir a optimización do traballo escolar.

COORDINACIÓN

O contacto coas familias é directo e constante, xa que en todo momento algún dos pais acompaña o neno ou nena hospitalizado/a e serve de canle co centro escolar nun primeiro momento: infórmao da hospitalización, achega material escolar e calquera dato importante para o coñecemento do alumnado.
O contacto cos/as titores/as é por teléfono, entrevista persoal ou vía electrónica.