Aula Santiago

O HOSPITAL

Hospital Clínico de Santiago de Compostela.

SITUACIÓN

Está situada na primeira planta do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela, no Servizo de Pediatría. Encóntrase entre os servizos de preescolares e escolares, á que teñen acceso moi facilmente as rapazas e rapaces ingresados nestas dúas unidades.

ORGANIZACIÓN

A escola conta con diverso material funxible para o alumnado tanto de infantil e primaria coma de secundaria, ademais de diverso material tecnolóxico, como ordenadores ou pantalla dixital. Atópase dividida por recantos. Así, distinguimos o recanto con mesas adaptadas para as nenas e os nenos pequenos, o dos adolescentes e o das tecnoloxías.

PROFESORADO

O cadro de persoal é variable; conta cunha mestra fixa que exerce de directora e logo colaboran bolseiras da Fundación Jové.

ACTIVIDADES

As actividades pedagóxicas levadas a cabo nesta escola teñen fundamentalmente tres liñas de acción:

enfoque formativo: de axuda ao perfeccionamento integral da persoa nas facetas de singularidade, apertura e autonomía.
enfoque instrutivo e didáctico: céntrase nas tarefas de ensinanza e aprendizaxe necesarias para a recuperar, manter e facilitar a continuación do proceso de formación intelectual e cultural do enfermo.enfoque psicopedagóxico: o seu obxectivo primordial é a adquisición de certas aprendizaxes directa ou indirectamente relacionadas co mantemento e coidado da saúde psíquica e da súa prevención.

METODOLOXÍA

O ensino é individualizado e atende de xeito particular as necesidades e intereses de cada criatura. As actividades que se realizan na escola non se axustan a unha planificación formal. Non existe unha programación temporal determinada nin avaliación oficial. Decídese conxuntamente co alumnado e adáptase a todo tipo de niveis, intereses e aptitudes. As actividades organízanse en función da súa idade, estado de desenvolvemento físico e psicolóxico. Perséguese unha aprendizaxe significativa e que relacione os coñecementos que van adquirindo cos previos, que fomente a autonomía do alumnado.

A escola foi introducindo novos materiais tecnolóxicos e educativos acordes cos tempos e realizando as adaptacións curriculares pertinentes.

COORDINACIÓN

Unha criatura non ingresa soa, faino un ente familiar, por iso traballamos coa familia, dándolle un marco de referencia para guiar, orientar e educar os seus fillos e fillas dentro e fóra do ámbito hospitalario.

Ante o ingreso de cada neno elaboramos unha ficha pedagóxica e poñémonos en contacto co seu centro de orixe para establecer as pautas educativas que permitan a súa continuidade escolar dentro da maior normalidade posible.