Atención hospitalaria
As Aulas Hospitalarias son espazos educativos inxeridos nos principais hospitais galegos para atender ao alumnado en escolarización obrigatoria que, por prescrición facultativa non pode asistir de xeito habitual ao seu centro escolar.
A súa finalidade é dar certa continuidade ao proceso formativo destes nenos e nenas, a través dun ambiente lúdico e motivador, procurando a súa integración socio-afectiva mentres dura a súa hospitalización.
Caracterízanse por desenvolver unha atención altamente personalizada e coordinada co centro educativo de referencia, tanto a nivel de programación como de contacto diario. A actuación sobre estes nenos e nenas debe basearse no proxecto de traballo que cada un deles realice no seu centro de orixe.
A colaboración entre o profesorado, as familias e o persoal sanitario contribúe a que estes nenos e nenas non perdan en exceso os lazos coa súa escola e co propio proceso de aprendizaxe. O número de nenos e nenas por aula non é fixo, nin tampouco o tempo de permanencia nela.