Aula Lugo
| O HOSPITAL |
O complexo Hospitalario Xeral-Calde está situado na rúa Dr. Ochoa s/n.
A Residencia Irmáns Pedrosa Posada, como antigamente se lle coñecía, en memoria dos seus doadores, está a piques de cambiar de ubicación a un novo hospital, en construción.
| SITUACIÓN |
Actualmente, a Aula Hospitalaria de Lugo, está situada no Servizo de Pediatría, máis concretamente, na 1ª Andar do Materno-Infantil, sección de Escolares.
| ORGANIZACIÓN |
Por motivos de falta de espazo, a Aula Hospitalaria e a Ciberaula comparten o mesmo espazo físico dende hai un tempo. Deste xeito, a Aula conta con espazos claramente diferenciados como zona de lectura, zona de lecer, zona de pintar e zona dos ordenadores.
A dotación da mesma, varía entre o diverso material didáctico e lúdico (entre os que atopamos libros destinados a todo tipo de idades, quebracabezas variados, e xogos diversos), ata o mobiliario que a compón, contando entre outras cousas con elementos TICs como televisión, equipo de música, DVD, ordenadores, impresora e escáner.
O horario é : 10:00-13:00 e 17:00-20:00
| PROFESORADO |
O persoal docente que se ocupa da Aula Hospitalaria con regularidade está formado por unha mestra, aínda que tamén acoden á Aula persoal de prácticas da Facultade de Pedagoxía e da Escola de Maxisterio, ademais de voluntarios e voluntarias.
| ACTIVIDADES |
As actividades que se levan a cabo na Aula Hospitalaria, son moi diversas, abarcando dende actividades de reforzo, ata traballos de plástica, e mesmo actividades de comprensión matemática e lectora, sen esquecer as actividades TICs. Ademais, o Hospital e “La Caixa”, realizan outro tipo de actividades puntuais para amenizar a estancia dos nenos e nenas hospitalizados, tales como: “Correos reparte sorrisos”, “Maxia no Hospital”, “Carnavais”, “Visita dos Reis Magos”, “Visita dos xogadores do Breogán, e dos xogadores do Azkar Lugo, polo Nadal”, “Actividades en prol do Medio Ambiente”, “Globoflexia”, “Concertos do Conservatorio de Música”, “Monicreques e marionetas”….
| METODOLOXÍA |
A metodoloxía empregada é unha metodoloxía activa, na que os nenos e nenas se constrúen a si mesmos, coa axuda da mestra e o resto de persoal implicado na docencia, como guía.
| COORDINACIÓN |
A coordinación coas familias resulta imprescindible, establecendo unha boa comunicación, e facilitándonos información importante acerca da situación dos nenos e das nenas, e das actividades a realizar.