
As ciencias da natureza contribúen á
adquisición
das competencias
básicas desde a organización das materias que integran a área, da súa
estrutura conceptual, da metodoloxía utilizada e das actitudes e
valores que promove.
A comunicación, nos ámbitos da comprensión e expresión, tanto oral como
escrita, constitúe un eixe fundamental no proceso de ensino e
aprendizaxe do coñecemento científico, contribuíndo ao desenvolvemento
da competencia en comunicación lingüística. Nesta
área trátase de
desenvolver a capacidade de comprensión cando se fan lecturas de textos
científicos e o alumnado aprende a diferencialos doutros que non son
científicos, cando se contrastan materiais escritos e audiovisuais de
diferentes fontes, tanto descritivos como argumentativos, nun proceso
que pasa pola identificación dos conceptos e ideas principais, a
interpretación do papel que desempeñan segundo o contexto e as
relacións que se establecen entre eles.
Na
resolución de problemas débese estimular a lectura comprensiva a
través da contextualización da situación, da identificación dos
conceptos que aparecen e das relacións que se establecen entre os ditos
conceptos e os datos.
No ensino da área a expresión oral e escrita busca a coherencia e
precisión no uso da linguaxe, tanto no nivel descritivo como no
interpretativo. Trabállase a expresión cando se emiten hipóteses,
contrástanse ideas, acláranse significados sobre conceptos ou procesos
científicos en contextos diferentes, realízanse sínteses, elabóranse
mapas conceptuais, extráense conclusións, realízanse informes ou
organízanse debates onde se fomenten actitudes que favorezan a mellora
na expresión oral e escrita, a confianza para expresarse en público, o
saber escoitar, o contrastar opinións e ter en conta as ideas dos
demais.
Contribúe esta área ao desenvolvemento da competencia matemática, dado que o coñecemento científico se cuantifica grazas á linguaxe matemática. O emprego de números, símbolos, peracións e relacións entre eles forman parte da metodoloxía científica e constitúen unha base importante para a comprensión de leis e principios. Na realización de investigacións sinxelas, traballos prácticos ou resolucións de problemas desenvólvense capacidades para identificar e manexar variables, para organizar e representar datos obtidos de maneira experimental, para a interpretación gráfica das relacións entre eles, para realizar operacións con números e símbolos, para atopar as solucións correctas, para cuantificar as leis e principios científicos e para utilizar estratexias básicas na resolución. Nas ciencias da natureza emprégase o razoamento matemático como apoio cara a unha mellor comprensión das relacións entre conceptos.
A competencia no coñecemento e a interacción co mundo físico recae de xeito importante sobre esta área na cal o alumnado aprende os conceptos básicos que lle permitan a análise, desde diferentes eidos do coñecemento científico, da materia, dos seres vivos, dos fenómenos naturais, das súas transformacións, dos seus efectos sobre o ambiente e a saúde, dos cambios e dos obxectos tecnolóxicos.
A área de ciencias da natureza contribúe á competencia de tratamento da información e competencia dixital, xa que se traballan habilidades para identificar, contextualizar, relacionar e sintetizar a información procedente de diferentes fontes e presentada en diversas linguaxes propias das tecnoloxías da información e comunicación, como os buscadores pola internet, documentos dixitais, foros, chats, mensaxaría, xornais dixitais, revistas divulgativas na web, presentacións electrónicas e simulacións interactivas. Cando se traballa a crítica reflexiva sobre as informacións de tipo científico que achegan as tecnoloxías da información e a comunicación, foméntanse actitudes favorables ao emprego delas evitando o seu emprego indiscriminado. Cando se apoia a aprendizaxe de modelos teóricos por medio de simulacións, cando se traballan representacións de datos por medio de programas informáticos, cando se realizan experiencias virtuais para contrastalas coas reais, cando se representan estruturas moleculares, atómicas, anatómicas, xeolóxicas, situacións problemáticas coa axuda dos ordenadores, desde a área estase a contribuír á competencia dixital.
En
relación coa competencia social e cidadá, esta área
trata de dotar o
alumnado das habilidades necesarias para comprender a problemática
actual en relación coa súa persoa, co resto da sociedade e co planeta.
A
aproximación do currículo á situación concreta na cal se vive
facilita a participación activa do alumnado en actividades que
impliquen esa cidadanía responsable.
As
ciencias da natureza contribúen a coñecer e aceptar o funcionamento
do corpo, respectar as diferenzas, afianzar os hábitos de coidado e
saúde corporais e ser críticos cos hábitos sociais pouco saudables e a
contribuír á conservación e mellora do ambiente.
Os
debates históricos sobre as diferentes concepcións dos fenómenos que
afectan as persoas serven para traballar habilidades sociais
relacionadas coa participación, cooperación e poñerse en lugar dos
outros, aceptar diferenzas, respectar os valores, crenzas e incluso a
diversidade de culturas.
A contribución da área á competencia cultural e artística. Na expresión das ideas, conceptos e principios das ciencias da natureza empréganse, de xeito creativo, diferentes códigos artísticos para representar fenómenos ou situacións dun xeito comprensible. Desde a área de ciencias contribúese a desenvolver esta competencia cando se promove a presentación das ideas ou traballos en formatos diversos, onde se lles deixa ás alumnas e aos alumnos a liberdade de elixir os ditos formatos estéticos e artísticos, cando se utilizan os museos de ciencias para espallar os xeitos de pensar ou facer doutras culturas, ou nas exposicións relacionadas co ámbito científico, como medio de coñecer, comprender e desfrutar do coñecemento científico.
O desenvolvemento da competencia de aprender a aprender desde os ámbitos científico e tecnolóxico, nun mundo en continuo e acelerado cambio, implica espertar inquedanzas e motivacións cara á aprendizaje permanente. Cando afloran as ideas previas do alumnado sobre os contidos científicos, favorécese esta competencia xa que se está a promover que as alumnas e os alumnos sexan conscientes do seus propios coñecementos e limitacións. Pódese empregar a historia da ciencia para que os estudantes non caian no desánimo de estar case sempre errados nas súas concepcións, cando ata os máis grandes científicos experimentaron erros e resistencias ás novas ideas.