A3.-Metodoloxía
didáctica e materiais
curriculares.
A3.1.- Decisións metodolóxicas.
A
finalidade do ensino desta área céntrase no desenvolvemento de
habilidades e estratexias para recoller informacións de diferentes
fontes, analizalas e valoralas, formar opinións propias fundamentadas,
formular hipóteses, contrastalas mediante a observación e
experimentacións, e elaborar conclusións e informes; en suma, resolver
problemas e formar cidadáns e cidadás críticos, con capacidade para
elaborar opinións propias que lles permitan participar democraticamente
nas decisións políticas que toman os representantes sociais sobre o
ambiente, a saúde e as aplicacións dos adiantos científicos e técnicos.
Trátase
de familiarizar o alumnado coa natureza e as ideas básicas da
ciencia co obxectivo de que poida comprender as problemáticas de orixe
científica que lle afecten como persoa e cidadán, e así poder xerar
actitudes responsables que lle permitan participar na toma de decisións
cando se procura a súa solución. A área de ciencias da natureza
comprende varios ámbitos especializados do coñecemento científico:
bioloxía, xeoloxía, física, química, ecoloxía, astronomía, etc. Pero
todos eles levan consigo o estudo do medio, dos fenómenos que ocorren
nel, das súas interaccións e dos cambios. A maior parte dos obxectos de
uso cotián son aplicacións dos avances no coñecemento científico e
tecnolóxico da humanidade. En realidade este coñecemento integra
conceptos e procedementos propios de varias materias desta e doutras
áreas.
Desde a
área de ciencias da natureza, o profesorado deberá empregar
unha metodoloxía que contribúa a desenvolver as capacidades plasmadas
nos obxectivos da etapa, promovendo a formación de persoas tolerantes,
cooperativas, solidarias e democráticas; consolidando hábitos de estudo
e traballo, individual e en equipo; respectando a diferenza de sexos e
a igualdade de dereitos entre mulleres e homes; incentivando a busca de
solucións dialogadas aos problemas, rexeitando a violencia e os
comportamentos sexistas; desenvolvendo a capacidade de pensamento
abstracto, a curiosidade, a creatividade e a actitude crítica.
Para o
desenvolvemento do currículo da área de ciencias naturais, cada
profesor debe ter en conta as alumnas e os alumnos ós cales se dirixe,
a diversidade nos niveis de desenvolvemento das súas capacidades, os
seus intereses e expectativas, ofertando uns contidos que faciliten o
achegamento á natureza e ás ideas básicas da ciencia e que axuden á
comprensión dos problemas a cuia solución poida contribuír o
desenvolvemento científico e tecnolóxico, favorecendo actitudes
responsables dirixidas a sentar as bases dun desenvolvemento sostible.
Os
contidos están secuenciados en cursos e organizados en bloques que
inclúen un conxunto de saberes relacionados, e permiten a súa
organización arredor de eixes estruturantes de interese que sirven de
fío condutor para a súa interrelación, o que facilita unha aprendizaxe
integradora. Os núcleos en que se organiza o currículo son os de
materia, enerxía, interacción, cambio, unidade e diversidade. Este
agrupamento dos contidos en bloques non debe ocultar as múltiples
interconexións que existen entre eles. Cada profesora ou profesor
planificará as súas clases de forma que estas relacións se fagan
explícitas diante do alumnado. Deberán, polo tanto, as profesoras e
profesores propiciar unha metodoloxía na que as ciencias da natureza se
acheguen á realidade da que o alumnado participa, pero sempre sen
perder de vista os obxectivos xerais e as finalidades da etapa.
O
primeiro bloque de cada curso recolle os contidos, procedementais e
actitudinais, relacionados co xeito de construír a ciencia e de
transmitir as experiencias e o coñecemento científico. Estes contidos
teñen un papel transversal polo que xa que se relacionan con tódolos
bloques deberán desenvolverse da forma máis integrada posible co
conxunto dos contidos de cada curso para facilitarlle ó alumnado o
logro dos obxectivos xerais e a adquisición das competencias básicas.
No
primeiro curso aparecen contidos relacionados coa Terra como
planeta.
Na
bioloxía e xeoloxía de terceiro curso, trátanse dous
sistemas, o corpo humano e o ecosistema. O estudo da estrutura e
función do corpo humano desde un enfoque de educación para a saúde,
onde o estudo dos aparellos se abordará desde unha perspectiva
globalizadora e integradora destacando a importancia de condutas e
hábitos saudables dando a coñecer as novas perspectivas no ámbito do
tratamento da enfermidade e nas súas diferenzas no mundo globalizado.
Respecto ao estudo do ecosistema, abordaranse os temas desde unha
perspectiva integradora e globalizadora da interacción e
interdependencia das persoas e o medio para rematar coa actividade
xeolóxica debido á enerxía externa na Terra, enmarcado dentro dun
planeta dinámico.
Finalmente, o profesor á hora de abordar os contidos
da área deberá ter en conta a propia realidade galega, a súa situación
xeográfica e o medio natural e cultural propios, sendo necesaria unha
contextualización específica á hora do tratamento na aula dos contidos
de ciencias naturais. O coñecemento do patrimonio ambiental propio e as
consecuencias directas e indirectas das súa explotación deben quedar
reflectidos. Polo tanto, temáticas de actualidade como os incendios, o
tráfico marítimo, a explotación dos recursos naturais, a
biodiversidade, os espazos protexidos deben formar parte intrínseca da
práctica da aula.
Para
finalizar, rematamos cunhas indicacións xerais do traballo diario
na aula. Tratarase de presentar os contidos da forma máis interesante e
motivadora posible. Axudarémonos do libro de texto, da pizarra, de
materiais diversos cos que contamos no laboratorio e tamén sempre que
se pioda, de material audiovisual e informático. Ademais, insistiremos
especialmente naqueles aspectos nos que tipicamente o alumnado presenta
maiores dificultades de aprendizaxe e poñeremos especial atención ós
contidos mínimos, así como traballar con actividades de reforzo ou
ampliación cando o profesor o considere oportuno.
A3.2.- Materiais e recursos didácticos.
Empregarase de maneira habitual o libro de texto fixado polo
departamento e ademais profesor poderá proporcionar material adicional
ó alumnado de consideralo oportuno.
Empregarase tamén material de laboratorio, ordenador/material
informático, vídeo proxector, etc. como elementos de apoio para certos
contidos do programa, sempre que sexa posible.