Estás nesta páxina do Ronsel do Paroleiro: Charla Ricardo Gomez

Crónica

Crónica

O día 29-01-08 Ricardo Gómez, escritor de renome, visitou o IES de Fene.

Ricardo acudiu ao centro escolar para falar dun dos seus libros, O cazador de estrelas, libro que con anterioridade diversos grupos de alumnos do instituto leran. Na devandita parola falouse tanto do libro como de outros aspectos que interesaban a alumnos e profesores. Con respecto a Ricardo Gómez puidemos coñecer algo máis sobre el e sobre a súa carreira literaria. Contou que leva relativamente pouco escribindo: dez anos aproximadamente apoian as súas andanzas como escritor. Nado en 1854 en Segovia lembra toda a súa vida en Madrid; é apaixonado da fotografía e tamén lle gusta viaxar cando pode. Unha desas viaxes que el adoita facer foi ao Sahara, onde nace a historia de Bachir e Jamida. Segundo el o que intenta transmitir con este libro son un tipo de ensinanzas , como por exemplo amosarnos o mal que o está pasando o pobo saharaui.

Un alumno do centro, en forma de crítica construtiva, comentoulle que o libro lle parecía un pouco monótono debido a que a historia transcorría sempre no mesmo espazo. Pero Ricardo Gómez explicoulle o porqué da súa decisión: todo baséase en que Bachir está encerrado na súa “jaima” e non pode saír, pero a vila saharaui está condenada ao desterro e a un illamento similar ao do protagonista. É unha contraposición de situacións que nos deixa ver a situación dunha civilización marxinada.

Outras preguntas foron se os personaxes eran reais e canto tempo tardara en escribir o libro. As súas respostas acabaron resolvendo toda dúbida aos escolares. Á primeira pregunta, explicou que os personaxes si eran reais pero a relación entre Bachir e Jamida era ficticia; en realidade só se coñecen pois Bachir é bastante coñecido no Sahara. A historia non está baseada en feitos reais senón que toda ela foi produto da imaxinación do autor, exceptuando as personalidades, que si son prestadas. E sobre a duración da escritura do libro comentou que non podía concretar o tempo exacto que tardara porque moitas veces o seu traballo non é continuo e existen intervalos que fan que se ralentice o proceso de escritura.
Xa case ao remate da parola, un alumno formulou a cuestión do desenlace. Preguntou que lle achegara O cazador de estrelas tanto no profesional como no persoal, ao que contestou que no profesional este libro achegáralle o recoñecemento literario pois gañou, grazas a el, o premio Alandar. E no persoal transmitiulle un cúmulo de cousas positivas.

Cando terminou a parola Ricardo ofreceuse amablemente a asinar o libro a todos aqueles que o desexasen.
Desde o IES de Fene dámoslle as grazas e desexámoslle moita sorte nos seus proxectos vindeiros.

ROBERTO RODRÍGUEZ PAZOS


Parola

O pasado día 27 de xaneiro deste ano, no salón de actos do I.E.S. de Fene, tivo lugar unha charla co autor do libro O cazador de estrelas.

Para comezar, Ricardo Gómez fíxonos algunhas aclaracións sobre algúns aspectos algo confusos do libro que duraron aproximadamente unha hora. A seguir realizouse un coloquio no que algúns dos alumnos de 2º e 3º da E.S.O. consultáronlle as súas dúbidas e observacións acerca do libro. Ricardo Gómez tamén nos deu algúns consellos para que os alumnos presentes que estivesen interesados en escribir fosen pacientes e se tomasen o seu tempo. Penso que a intervención do autor neste instituto foi un éxito e todos aclaramos diversos aspectos do libro que non entendiamos e ademais tamén puidemos escoitar as interesantes vivencias do autor no acampamento de refuxiados de África, onde transcorre a acción da obra.

Máis tarde, contounos moitas características de cada un dos personaxes reais do libro, aos que coñeceu persoalmente e aportáronlle moitas cousas a nivel persoal. Por último, e para terminar, Ricardo Gómez escribiu algunhas dedicatorias a algúns alumnos que levaron o libro.

Creo que a súa intervención foi excelente, e que aprendemos moito da súa experiencia. A min, persoalmente, aportoume unha nova visión acerca do que nos rodea e do mundo en xeral, posto que me dei conta de que debemos darlle máis importancia ás persoas que aos medios materiais e tamén que debemos ser máis optimistas, ademais de non darnos nunca por vencidos, xa que, se realmente queremos algo, por moi difícil que sexa, debemos ir e, xa que logo, e segundo as ganas que lle poñamos, lograrémolo ou non. Grazas a este libro e á fantástica intervención de Ricardo Gómez aprendín todo isto, aínda que non me gustase demasiado que o protagonista e a historia xirasen en torno ao mesmo eixe de situación, xa que en toda a obra, ou en case toda, os personaxes sitúanse practicamente todo o tempo na “jaima”.

BRENDA ANIDOS SALAS

 

Querido amigo:
Moi agradecido!

Lin emocionado os comentarios de Roberto e de Brenda. Alégrame moito que ese intre de parola fose bo para eles, como o foi para min. Agradeceríache que lles trasladases os meus comentarios, que aparecen embaixo.

O meu saúdo cordial para ti e para todos os teus alumnos. Se ti ou eles queredes algunha cousa máis, o meu correo está aberto para vós. Unha das cousas interesantes dos encontros é que abren vías para seguir gozando da literatura.
Unha aperta.


Ricardo Gómez


Querido Roberto, querida Brenda:

Creo que comentei que unha das cousas interesantes deste libro (de moitos libros) é que abren fiestras a paisaxes e a persoas que antes non se coñecían, e ás que logo se poñen rostros, palabras... Un non imaxina cando escribe que pasado o tempo coñecerá a outras persoas reais que sentirán a través dos seus personaxes.

Agradézovos o que dicides do libro. Se para vós foi bo o intre que pasamos xuntos, para min tamén. É mérito outra vez dos personaxes, que parece que viven encerrados nos libros pero que en ocasións van máis alá das páxinas.

E é certo o que dicides os dous. Coñecer persoas, imaxinar a situación doutros, permítennos situarnos na vida dunha forma distinta e máis enriquecedora.

Xa vos animei a ler e a escribir. Son dous xeitos marabillosos de estar na vida, e de vivila.

Unha aperta para ambos. Xa sabedes onde podedes encontrarme.

E grazas.