Estás nesta páxina do Ronsel do Paroleiro: Entrevista Fernando Sanz

CATRO VIAXES EN VASOIRA  Nunha t

ENTREVISTA A FERNANDO SANZ DIEGO


Entrevistamos a Fernando Sanz Diego, un ex-alumno que actualmente é militar na Armada. Os que foron profesores del recordan a un rapaz educado e traballador. Non debeu perder esas cualidades, pero hoxe o seu aspecto é o dun home xove que conserva o sorriso que tiña de neno.

Pregunta: Canto hai que deixaches o instituto?
Resposta: Fará uns 3 anos, ao acabar a ESO.
P. Que tal se pasaba por aquí?
R. Bueno, o que a min me gustaba era a Tecnoloxía. O resto así, así.
P. Como decidiches ir á Armada?
R. Empecei un ciclo, pero aquilo non era o meu. Estiven unha tempada traballando con escavadoras, facendo outras cousas,...Pero tiña ganas de ver mundo. Así, que...
P. Así que decides apuntarte e un día entras na Escola.
R. Si. O ingreso na Escola Militar Antonio de Escaño, en Ferrol, foi pola tarde. Asignáronme unha habitación e a cear.
P. Unha habitación para ti só?
R. Non, éramos 10 ou 12. Despois menos porque algún abandonou.
P. Ese primeiro día de militar debeu ser un pouco “heavy”?
R. Aínda non es militar nese momento. Pero houbo que levantarse cedo para formar e ir pola roupa ao Arsenal. Dous petates de roupa militar! Éramos uns 140 probándonos a roupa nun espazo moi reducido.Esa mañá tamén nos cortaron o pelo ao 1. Pola tarde, na escola, comezou a formación militar propiamente dita: formación, manexo do cetme (o fusil español por excelencia),...
P. Como era a vida na Escola?
R. Levantabámonos ás 6:30 e había que facer a cama, fregar o chan, ducharse, afeitarse e ir almorzar. Despois estábamos en formación durante 1 hora antes de subir a bandeira e deseguido xa nos facían correr uns 8 km. A iso das 10 había que volver a afeitarse e a ducharse.
O resto da mañá dedicabámola a estudar lexislación, historia, informática, matemáticas, inglés, mecánica naval, electricidade,... O xantar era un “pedazo” de xantar. En serio, a comida era moi boa. De 2 a 3 da tarde tiñamos tempo libre, pero había que estar de pé. Non valía sentarse, nin deitarse. Ás 3 e media comezaba a parte da instrución militar. Ás 8 ceabamos e aínda nos daban libre até as 11 para saír.
P. todo isto de luns a venres?
R. Si porque a fin de semana tiñámola libre. Se non estabas arrestado, claro.
P. Canto dura este período?
R. Estiven uns 5 meses. Pero iso depende das brigadas, é dicir, dos grupos e da temporada na que entres. Aos 2 meses é a xura de bandeira e a partir de aí continúas estudando pero é máis levadeiro.
P. Como fan para asignarche un traballo?
R. Escolles destino segundo a nota que teñas. No meu caso había varias posibilidades e decidinme por unha F-100.
P. Cal é a túa función no barco?
R. A seguridade interior, é dicir, algo así como un bombeiro que tamén fai de mecánico de mantemento dos equipos de respiración, contraincendios, NBQR, etc..
P. NBQR?
R. Nuclear, biolóxico, químico e radioactivo.
P. Cantos sodes no barco?
R. Uns 240 como moito. Normalmente non vai tanta xente, a non ser que sexa unha navegación importante.
P. Que tipo de misións realizades?
R. Detección de aeronaves, alertas terroristas, protección a outros medios, etc..
P. Cal é o ambiente no barco?
R. Traballase moito e dórmese pouco. A convivencia, o compañeirismo xa dependen de con quen esteas. O sitio é moi reducido así que....A disciplina tamén é importante porque calquera cousa que fagas ten consecuencias. Non é unha festa; se vas con esa idea pásalo mal. Alí vaise a traballar.
P. Maréase a xente?
R. Todo o mundo se marea algunha vez. Haise que acostumar. Pensa que o barco se move, hai ruído constantemente, inclínase (tanto que che parece que andas polas paredes), o chan pode esvarar,...e tes que traballar igual! No barco estase a traballar as 24 horas do día.
P. Canto tempo pasades sen volver a terra e á casa?
R. Sen tocar porto estiven 13 días. Non moito. Sen volver á casa 4 meses. Pasan rápido se non estás pensando en volver, porque non hai tempo para aburrirse.
Pasan rápido se non estás pensando en volver, porque non hai tempo para aburrirse.
P. Fixeches escala nalgún porto estranxeiro?
R. Precisamente acabo de chegar do norte de Europa: Países Baixos, Rusia, Noruega, Suecia e Dinamarca. Por certo, encantáronme os fiordos. Son unha pasada!!
P. Bonita viaxe, si señor..
R. Tamén fixemos a volta ao mundo. Saímos de Rota e de alí a Grecia. Continuamos polo Canal de Suez ata Djibouti e logo Maldivas, Malasia, Australia, Samoa, Hawai, Estados Unidos, México. Cruzamos o canal de Panamá, fixemos escala en Puerto Rico, Azores e de volta a Ferrol.
P. Que envexa. Tamén navegaredes por aquí cerca?
R. Si. Coñezo uns cantos portos españois e portugueses, Canarias e Madeira incluídas. Ademais das Azores que mencionei antes.