Pagina nueva 1
EU SON DUNHA TRIBO
O Suso é un rapaz dun lugar próximo á
cidade, onde xa non se ven moitas vacas, agora están de moda as iguanas e os
xardíns con palmeiras. Lembraba terlle oído aos seu avós que de pequenos comían
caldo de castañas, mais case non quedan castiñeiros nin carballos, só eucaliptos
e piñeiros, e as castañas, mellor dito, o “marrón glacé” mércase nas confiterías
case coma un produto estranxeiro. As fontes da súa parroquia seguen a verquer a
mesma auga de toda a vida, a auga que beberon os seus pais e os seus bisavós,
mais agora a auga chega do supermercado nunha botella de plástico que acabará
tirada polas corredoiras.
Os seu avós fálanlle na lingua de toda a
vida, na lingua do país, mais Suso contéstalles no outro idioma, na lingua do
progreso, da cultura, da ciencia que din algúns. É a lingua coa que conversa
cos amigos, unha lingua máis fina, non coma a dos paletos da aldea.
No mes de agosto, seus pais alugaron
unha casa de turismo rural na provincia de Lugo e tivo que acompañalos.
Percorreron os camiños da aldea, fixeron “senderismo”, e tiveron que repousar
baixo a ramaxe dunhas árbores que non coñecían, unhas árbores so as que se
recuperaba o alento, e tamén beberon da auga que nacía nuns rochedos. ¡Que ben
se vive na aldea!, comentaban seus pais. Comían xamón e chourizos co pan de
trigo que cocían no forno da casa. Un manxar.
No mes de marzo, o concello sorteou
unhas prazas para ir de excursión a París e tivo sorte, foi un dos sete
premiados. Na viaxe coincidiu con rapaces doutros concellos, uns de Carballo,
outros de Monfero, ... eran da súa idade, aínda que tiñan unha certa rareza:
falaban galego. Cando colliu confianza cun deles, preguntoulle: “¿por que hablas
gallego?”. Non agardaba unha resposta tan sinxela: “Porque son ghalegho, non
son inghlés, nin francés”. Á noite, cando paseaban pola beira do Sena, ía
cavilando na resposta do seu compañeiro. Lonxe da terra, as lembranzas dos
castiñeiros, das vacas, do pan de trigo, mais, principalmente, as verbas galegas
dos outros compañeiros, dábanlle un lugar no mundo, unha identidade, un posto na
tribo.
A semana pasada estivo en Moaña, un
lugar do que nunca oíra falar, nin sabía se estaba no mapa. Celebrábase unha
competición infantil e había equipos pertencentes a distintos concellos de
Pontevedra e
Coruña. Ficou abraiado cando comprobou que a maioría dos rapaces falaban galego,
unha lingua que el coidaba que só falaban catro paletos da aldea. E non lle
faltaba razón, só que a aldea chámase Galiza, tribo dos galegos e galegas que
valoramos o noso, a nosa natureza, as nosas xentes, a nosa lingua, ...
|