O QUE PODE DAR DE SI UN NOME
O QUE PODE DAR DE SI UN NOME
Na redacción da revista
sentímonos obrigados a comentar o nome do equipo vencedor da BBA, o “Bonito de
Burela e Madeiras de Monfero Win”. Aquí, en Fene, nun dos núcleos industriais
galegos hai un equipo que fai referencia á costeira do bonito, ao monte inzado
de eucaliptos e, supoñemos que por aquilo do “win”, aos parques eólicos. A
costeira do bonito é unha aventura que todos os anos comeza a finais da
primavera cando os barcos de Celeiro, de Burela, de Santoña, de Bermeo, de
Ondárroa... van pescar os bonitos na súa migración anual. Antes nestes barcos só
ían mariñeiros galegos, cántabros e vascos, pero hoxe nunha clara mostra de como
cambian os tempos atopamos tamén homes de Cabo Verde, Indonesia, Senegal,
Marrocos, Portugal,...Iso si que é un concurso de Gran Hermano internacional!!!
Ademais, no nome do equipo, hai unha referencia á madeira de Monfero. Famoso
polo mosteiro, Monfero é, sen dúbida, un deses concellos nos que a economía dos
odiados eucaliptos ten moita importancia. Velaquí un dilema: estas árbores
orixinarias das antípodas ou as fragas tan propias deste país (e tamén presentes
en Monfero). É cuestión de escoller entre os cartos rápidos dos eucaliptos ou a
inversión a longo prazo e en valores non só económicos. Ide pensando.
E quédanos o do “win”, palabra que como todo o mundo sabe procede do inglés
“wind” que significa vento. Vaia, outro dilema: os parques eólicos que a uns
gusta e a outros desgusta. De calquera xeito, un pequena contribución na loita
contra o cambio climático. Para vivir como o estamos a facer necesitamos moita
enerxía (a calefacción, a luz, a tele, o ordenador,...) e dalgún sitio a temos
que sacar, porque recordaredes aquilo de que “a enerxía nin se crea nin se
destrúe, só se transforma”. Os parques eólicos afean a paisaxe cando son moi
numerosos e alteran os ecosistemas nos que se instalan, pero non emiten gases
contaminantes. Son outro prezo que ten que pagar a natureza polas nosas
comodidades.
Ao que íamos: Fene e os estaleiros, a costeira do bonito, os montes e os parques
eólicos. No nome dun equipo de baloncesto estaba a fotografía dun país.

|